Venres. 29.03.2024
El tiempo

Máis de 1.000 persoas participan na Semana Cultural de Zas

Máis de 1.000 persoas participan na Semana Cultural de Zas
arca-piosa-observacion-astronomica A observación astronómica dende a Arca da Piosa foi unha das actividades con máis participantes Máis de 1.000 participantes nas máis de 20 actividades da Semana Cultural de Zas. Este é o balance que fai o concello de Zas - organizadores do programa - da súa semana grande que culminou con outra exitosa festa da Carballeira. Dende a presentación do programa - que tivo lugar o domingo 29 de xullo da man do alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín,- e durante toda a semana pasaron polo Centro Sociocultural e polo Auditorio de Zas propostas para todos os gustos e para todos os públicos. “O público respondeu da mellor maneira posible ante a calidade e a cantidade de actividades facendo que ésta fose unha das Semanas Culturais con máis participación das once edicións que se levan organizando”, sinala Manuel García Velo, concelleiro de Cultura de Zas e encargado da coordinación deste programa. Foron moitos os nenos e nenas, os que participaron nos distintos obradoiros e espectáculos musicais dirixidos a eles. Traballos con pasta de modelar, confección de complementos, comidas saudables, curiosidades científicas,… foron algunhas das temáticas sobre as que traballaron estes días. Pero tamén tiveron tempo para a diversión a través da música coas actuacións de Pablo Díaz e de Paco Nogueiras e doutros espectáculos de maxia e malabarismos. sabado-sabadete-zas O grupo de teatro para adultos municipal enchiu o auditorio de Zas no arranque da Semana Cultural Tamén tiveron unha boa resposta as propostas para os adultos a través das cales ampliaron os seus coñecementos sobre a fotografía e a decoración con bastidores. Pero as grandes protagonistas desta Semana Cultural foron as citas das noites e unha boa mostra foi o arranque do programa o pasado domingo, 29 de xullo, no que máis de 100 persoas encheron o auditorio de Zas para ver a obra de teatro “Sábado, sabadete…” do grupo Sen Tempo Teatro da Escola Municipal de Teatro para Adultos do Concello de Zas. As risas e o convite á reflexión continuaron durante toda a semana cos monólogos Marcos Pereiro e de Volta e Dálle Teatro e coa obra de teatro Sénior, de Luís Iglesia e Marcos Orsi. arca-piosa-arqueoloxia-zas Unhas 50 persoas participaron no roteiro guiado por distintos puntos do municipio cun alto interese arqueolóxico Pero as grandes protagonistas desta Semana Cultural foron as visitas ao patrimonio arqueolóxico do municipio. Case 50 veciños e veciñas participaron o pasado martes na “Visita ao Patrimonio Arqueolóxico do Concello de Zas”. Pedra Vixía, a Arca da Piosa e Brandomil foron os lugares visitados nos que se atopan restos de enorme importancia arqueolóxica e que son a base de moitos estudos sobre a historia de Galicia. Durante a tarde, tamén houbo tempo para descubrir outros puntos do municipio – descoñecidos para moitos – como é o pozo de Limideiro que é o resultado dunha antiga explotación mineira. Mais a gran triunfadora da Semana Cultural foi a observación astronómica do pasado mércores, 1 de agosto, dende a tumba de Brandomil, nome que lle otorgou Eduardo Pondal á Arca da Piosa. Tras a presentación do libro “Na procura da noite: fotografando o ceo nocturno” - coordinado por Jorge Mira e coa fotógrafa Ana García como coautora - foron máis de 220 as persoas que se desprazaron en autobús ata Roma para dende alí facer unha pequena camiñata cara o dolmen da Piosa. Jorge Mira foi o encargado de identificar os planetas e as distintas constelacións que se deixaron ver sobre un ceo despexado de nubes e de contaminación lumínica. Outro dos momentos especiais da noite foi a lectura dun poema de Eduardo Pondal, na voz do xornalista Santiago Garrido, na que a excelente acústica natural e a luz dos fachos trasladou aos asistentes ata as orixes de Galicia. Para a posta en marcha deste programa, o concello de Zas contou coa colaboración de institucións como a Deputación da Coruña e de asociacións locais como a asociación cultural Castro Meda, a asociación de baile tradicional Churía e o grupo de teatro Badius e tamén de moitas outras persoas que colaboran dun xeito altruísta.   Novas relacionadas https://quepasanacosta.gal/a-maxia-principal-estimulo-doutra-exitosa-carballeira-de-zas/ “Galicia, Escocia e Xapón protagonizan unha Festa da Carballeira de Zas máis folk ca nunca” — Que pasa na costa “A Semana Cultural enche Zas de animación entre o 29 de xullo e o 4 de agosto” — Que pasa na costa Fonte

Comentarios