Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Malestar no Comité despois de que o director de Ferroatlántica responsabilizase aos traballadores do accidente

Malestar no Comité despois de que o director de Ferroatlántica responsabilizase aos traballadores do accidente
ferroatlantica-brens Tres traballadores resultaron feridos onte despois de que se producise unha deflagración nun dos fornos da fábrica de Brens O Comité de Ferroatlántica, tras a reunión de investigación que tivo lugar esta mañá, amosa o profundo malestar polas declaracións da empresa a través das que pretende responsabilizar e culpabilizar os compañeiros, que se atopan aínda hospitalizados, polo accidente ocorrido onte na fábrica de Brens e no que resultaron feridos tres traballadores. "Tanto o Comité como os delegados e delegadas de prevención trasladan tamén a súa preocupación ante o comportamento dos xefes dos departamentos dos operarios afectados, que tratan de ocultar evidencias e influír nas declaracións das testemuñas presenciais", indican os representantes dos traballadores e traballadoras. O Comité da empresa tamén denuncia e "esixe unha rectificación pública e inmediata" das declaracións que fixo esta mañá o director das fábricas de Cee e Dumbría - Javier Vázquez - quen logo de dar por rematada "precipitadamente" a reunión de investigación "non tardou un minuto en sair nos medios de comunicación acusando aos traballadores de seren os responsables da deflagración que se produxo no forno número 2", indican dende o comité empresarial. "De non producirse esta reparación, dende o comité actuaremos ata as últimas consecuencias", sinalan. Os representantes dos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica din que, polo de agora, a única conclusión que se pode sacar do accidente rexistrado onte proceden dos resultados do estudo psicosocial que Inspección de Traballo requeriu a empresa fai uns meses e no que se indica que "existe un elevadísimo índice de carga de traballo e presión que ten que soportar un cadro de persoal moi escaso nunhas instalacións moi deterioradas e que non se modernizaron nos últimos 25 anos", apuntan dende o comité. "A isto hai que engadir os limitados tempos nos que a dirección, a través dos responsábeis dos departamentos, obriga a realizar os traballos para non incumprir o actual sistema de ininterrumpibilidade", enganden. A posición da empresa Pola súa banda, a empresa emitiu esta tarde un comunicado no que di que "antepón a seguridade das persoas a calquera interese económico ou de calquera outro tipo". Así o asegura Javier Vázquez - director das fábricas de Cee e Dumbría -. En relación co suceso, a empresa di que puso en marcha de inmediato unha investigación co fin de esclarecer o acontecido que segundo sinalan dende Ferroatlántica "nada ten que ver coa falta de inversións nin coas presas pola interrumpilidade". "A seguridade laboral foi e é, para a dirección, a prioridade absoluta no desenvolvemento da actividade deste centro de traballo que rexistra, ademais, ratios de siniestralidade entre as máis baixas de todo o grupo, que conta con máis de 20 fábricas coa mesma actividade, distribuidas por todo o mundo", indican dende a empresa. Ao mesmo tempo, dende a dirección sinalan que "nos últimos anos a inversión anual en materia de seguridade sitúase entre un e dous millóns de euros, que comprenden tanto os gastos directos de prevención de riscos como diversas actuacións de mellora". "Asígnanse todos os recursos necesarios a este capítulo" sinala Javier Vázquez. "É máis, aportanse todos os recursos necesarios para atender tanto as necesidades que se detectan como suxerencias dos traballadores" indican dende a empresa.

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios