Venres. 29.03.2024
El tiempo
10:14
19/10/11

Máquina eléctrica de Ramsden

Máquina eléctrica de Ramsden

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Máquina eléctrica de Ramsden

  • Inventor: Jesse Ramsden (1735 - 1800)
  • Fabricante: G. Fontaine (París)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891.
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Electroloxía.

Descrición e funcionamento

Máquina formada por un disco de vidro de 80 cm. de diámetro que xira entre dous pares de almofadiñas de crina, sostidas por un portante vertical que fixa o eixo do disco e a manivela para movelo.

O disco e o portante van montados sobre unha grande mesa de madeira, na que encastran catro pés aillantes de vidro que soportan dous conductores eléctricos (grandes tubos cilíndricos de latón rematados en esferas), colocados paralelamente ó eixo de xiro do disco.
Os conductores rematan en cadanseu peine curvo, con formas que se adaptan á do disco para recoller a electricidade xerada no frotamento.

As máquinas eléctricas son instrumentos destinados a producir electricidade mediante un traballo mecánico. Nas de fricción obtense a electricidade por frotamento sobre un corpo mal conductor: neste caso, as almofadas de coiro recheas de crina frotan un disco de vidro que xira mediante un manubrio.

A máquina de Ramsden é o resultado das melloras que no 1766 realizou Ramsden sobre a primitiva máquina eléctrica de Otto Von Guernicke.

O seu funcionamento consiste en que, durante o movemento de rotación, o disco cede os seus electróns ás almofadiñas, ó frotar con elas, co que éstas quedan cargadas negativamente. Esta carga das almofadiñas pérdese no chan porque circula a través das tiras de estano e da cadea (que non se conserva). O vidro, que quedou cargado positivamente, exerce influencia sobre os peines da máquina, que atraen polas puntas ós seus electróns para recobrar o seu estado neutro. Así, os conductores quedan cargados positivamente, e ó aproximar a man saltará unha chispa que se renovará mentras siga xirando o disco.

Para o funcionamento óptimo da máquina é imprescindible que estea completamente seca e ó abrigo da humidade. Asimesmo, se o disco espolvoréase con xofre, o rendemento da máquina mellora.

Esta máquina empregouse nos gabinetes de física dende 1768 posto que podía suministrar grandes cantidades de electricidade.

O inventor

Jesse Ramsden foi un mecánico británico que se adicou á construcción e perfeccionamento de instrumentos de precisión, tales como anteollos, teodolitos e círculos graduados.

Traballou en Londres de aprendiz dun fabricante de instrumentos matemáticos, e pouco despóis abreu o seu propio negocio. O seu invento máis famoso, ademáis da máquina eléctrica, foi un círculo vertical de 5 pés, rematado no 1789, e que foi usado por Giussepe Piazzi, en Palermo, no seu famoso catálogo de estrelas. Ademáis, no 1785, fixo un novo teodolito para o Xeneral Guillerme Roy, que foi empregado para unha nova revisión da distancia entre Greenwich, Londres e París.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios