Venres. 29.03.2024
El tiempo

María Balteira chega á Galería Mulleres da biblioteca de Muxía

María Balteira chega á Galería Mulleres da biblioteca de Muxía
galeria mulleres maria balteira A Galería Mulleres da biblioteca municipal de Muxía - dirixida por Viki Rivadulla - está este mes protagoniza por unha muller que tivo moita sona nos seus tempos por desempeñar o oficio de cantar e bailar: María Balteira. María Balteira (María Pérez), de familia fidalga con propiedades en Armeá - Betanzos -, foi a máis sonada das soldadeiras da nosa época medieval. As soldadeiras eran mulleres adscritas á Corte que tiñan como oficio cantar e bailar e recibían por iso unha soldada, de aí o nome. Nas ilustracións do Cancioneiro de Ajuda aparecen danzando ou facendo música. María Balteira é a máis nomeada delas na literatura galego-portuguesa. Aparece en cantigas de escarnio de dez trobadores, cunha caracterización moi negativa e paradigma de todos os vicios (xogadora, trampulleira, enganadora, transmisora de doenzas venéreas etc...), pero non se fai referencia á súa arte de xograresa. Nesa época a muller podía ser monxa ou boa esposa, pero non escoller outro camiño con certa marxinalidade. Esta caracterización tan negativa responde ao ánimo de facer rir que tiñan as cantigas , mais tamén ao imaxinario masculino da época inzado de prexuízos machistas. Tivo moita sona na súa época, sobre todo na corte de Afonso X, e a xulgar por esta sona, debeu destacar no seu oficio. A súa beleza foi utilizada con fins políticos ; tamén foi doadora de herdanzas para os mosteiros de Sobrado e Monfero e sabemos que participou nalgunha cruzada. Ademais da grande cantidade de trobadores que se ocuparon da súa figura, o interese sobre a Balteira chega ata os nosos días, tanto en estudios (Menéndez Pidal, Martínez Salazar...) como en obras literarias ( Luís Seoane, Lorenzo Varela...) . A figura de María Balteira ben pode ser unha icona da liberdade fronte ás normas do sistema patriarcal, unha muller leda, gozadora e trangresora. Mais como di Marica Campo: En todo caso, María Balteira é excepción ou é a punta do iceberg dun conxunto de mulleres ousadas? Non se esqueza, de calquera xeito, que ela pertence a unha nación, Galicia, cunha marcada tradición artística feminina, desde as puellae cantoras a que se refiren clásicos como Estrabón ou Lilio Itálico, ata na continuación diacrónica, a "meniña gaiteira", de Rosalía de Castro.

Galería Mulleres de Muxía

Máis novas relacionadas

Fonte

  • Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios