Martes. 16.04.2024
El tiempo

María Xosé Alfonso: "Agardamos obter o recoñecemento da cidadanía a catro anos de intenso traballo"

Muros é o único concello da comarca, e un dos cinco de Galicia, que conta con 4 únicas candidatas mulleres alcaldía. Hoxe falamos coa actual alcaldesa María Xosé Alfonso, que repite como cabeza de lista de Compromiso por Galicia, despois de que en 2015, o PSOE permitira coa súa abstencións que gobernase a terceira forza nas eleccións.

Foto (3)
María Xosé Alfonso, actual alcaldesa e candidata do CxG en Muros
María Xosé Alfonso: "Agardamos obter o recoñecemento da cidadanía a catro anos de intenso traballo"
  • QPC: Cales son as liñas principais do seu programa para as municipais?

Ao igual que fixemos hai catro anos temos un programa moi realista e factible no que, unha vez conseguido o saneamento financieiro do concello, o mantemento de vías públicas, parques e zonas recreativas será prioritario. Pero iso sen descoidar todo aquilo que inflúa na actividade económica e no emprego, por exemplo seguir traballando na desestacionalización do turismo ou impulsar novas fórmulas de aproveitamento dos nosos recursos agroforestais. Iso si, sen deixar de aspirar a grandes e importantes obras como por exemplo a rehabilitación da lonxa vella, o remate do cine París ou seguir ampliando a rede de saneamento alí aínda non chega. Todo isto completado con medidas nas áreas de Servizos Sociais, Medioambiente, igualdade, cultura, deporte, benestar animal, seguridade cidadá...

  • QPC: Como ve a situación político do concello de Muros?

Nestes último mandato conseguimos rebaixar sustancialmente o clima de crispación que reinaba no mandato anterior. Agora ben, é un concello no que se teñen dado situacións moi pouco habituais dende o punto de vista político, e onde o resultado destas vindeiras eleccións é moi aberto e incerto. Se ningún grupo acada maioría absoluta vaise xerar moita expectación ante as negociacións para posibles pactos, que fará o PSOE se ten que volver a elixir entre o PP ou CxG? 

  • QPC: Con que aspiracións chega o seu partido a estes comicios?

Compromiso por Galicia chega a estes comicios sen renunciar a nada, e agardando obter o recoñecemento da cidadanía a catro anos de intenso traballo nos que, a pesar de ter todo en contra, se conseguiron grandes logros. Agardamos mellorar o resultado de hai catro anos, e poder seguir traballando na mellora do noso concello dende o goberno.

  • QPC: A pesares de que a presenza da muller incrementouse na política nacional, no ámbito local a porcentaxe de mulleres segue sendo moi inferior á dos homes. O caso de Muros vén a ser a excepción que confirma a regra, non? Contemplan un plan de igualdade? Que medidas concretas se aplicarán neste ámbito?

Parece ser que si, que somos a excepción que confirma a regra, pois nesta ocasión as catro candidaturas que se presentan están encabezadas por mulleres.En Muros xa hai un plan de igualdade e un CIM funcionando e, ademáis das actividades específicas que se veñen facendo en torno ao 8 de marzo e ao 25 de novembro, trabállase en igualdade durante todo o ano, e continuarase traballando transversalmente con todos os sectores de poboación.

  • QPC: Cal é a estratexia para crear emprego nos catro anos e que resultados (cuantificables) esperan conseguir? Hai pensada algunha proposta para ampliar a oferta municipal de emprego ante a falta de servizos? Hai propostas económicas para fixar poboación (incentivos fiscais para atraer novos veciños e evitar que se marchen os mozos e non tan mozos, desgravacións ou bonificacións para creación de empresas, etc.)?

Seguiremos contratando ás empresas locais sempre que a nova lei de contratación nolo permita, seguiremos axudando ás empresas que se queiran poñer en marcha no noso concello con asesoramento e axuda na tramitación e consecución das autorizacións necesarias, seguiremos promocionando o noso concello para atraer visitantes e seguir xerando actividade económica no sector servizos, traballaremos na conciliación familiar e laboral, continuarase coas bonificacións xa vixentes para creación de empresas e tentaranse ampliar, continuarase na loita polo abaratamento das parcelas do parque empresarial (parcelas propiedade de SEA),......

  • QPC: Tendo en conta a feble situación económica local (2° PIB máis baixo de Galicia), o lóxico será tentar a atracción/mobilización de inversión de fóra. Que actividades concretas teñen pensado poñer en marcha para isto? Que outros sectores, ademais do turismo e as actividades relacionadas co mar, pensan potenciar para reverter a dinámica negativa da comarca?

Ademais das actividades relacionadas co turismo e co mar, hai outros sectores moi importantes que promocionar, por exemplo, as actividades relacionadas co monte, actividades formativas e de promoción da aparición e mantemento de todo tipo de pemes, e con especial importancia as actividades e empresas relacionadas coa conciliación laboral e familiar,coidados de persoas maiores ou enfermas dependentes e de nenos e nenas de 0 a 3 anos...

  • QPC: Que medidas se pretenden formular para loitar contra a estacionalidade do turismo? 

Para combatir a estacionalidade do turismo pretendemos seguir aproveitando os valiosos recursos cos que conta o noso concello, posto que como recursos temos moito máis que praias, temos un fermoso casco histórico, unhas magníficas estacións de petróglifos, un magnífico muíño de marea, unhas magníficas instalacións en Sel cun museo xa moi interesante, uns fermosos roteiros por beiras de ríos e monte, etc..... Pero tamén temos todo o ano unha interesante oferta cultural e deportiva que complementa os recursos anteriormente citados.

  • QPC: Que proxectos teñen en marcha para recuperar, aproveitar e poñer en valor edificios emblemáticos como o Cine París, as instalacións da Lonxa Vella, o Mercado de Abastos; ou o resto de antigas salgaduras que hai polo concello?

O Cine París ten establecidos no PXOM os posibles usos, e estes son socioculturais, por certo, deuse neste mandato un avance importantísimo coa rehabilitación da envolvente do edificio (alicerces, paredes e tellado) que permitirá xa algúns usos, rehabilitación que está en fase de licitación e que en poucas semanas pode estar empezada fisicamente.

A Lonxa Vella creemos pode ser un magnífico Mercado de calidade que ademáis de albergar postos de venda dos produtos da nosa ría e do noso campo, tamén pode albergar espacios para a degustación deses produtos e incluso para actividades formativas relacionadas coa preparación dos mesmos.

Ao actual edificio do Mercado hai que darlle novo uso que garanta actividade no Casco de Muros, e podería ser, por exemplo, un magnífico xulgado.

Con respecto ás antiguas conserveiras e salgaduras que temos hai un importante problema que resolver, que son as trabas que a Lei de Costas pón para seren destinadas a novos usos, moitas delas poderían ser destinadas a establecementos hoteleros que tanta falta fan en Muros, de feito hai xa algunha iniciativa en marcha coa que se colabora dende o Concello pero está parada por esta cuestión. Por suposto, traballaremos para que Costas do Estado reconsidere esta postura e facilite a rehabilitación e uso destas edificacións en condicións sostibles e respetuosas co medioambiente e patrimonio.

Comentarios