Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O mes de novembro en Bos Aires

O mes de novembro en Bos Aires

Doña Macrigaita está mateando debaixo dunha parra que prantou o pai no fondo da casa para ter sombra no patio durante os calurosos veráns porteños. Acórdase de cando, á tardiña, cos seus “ojotas” poñíase a refrescar as baldosas cuns cantos baldes de auga. Non se esquece de que en novembro os pais añoraban as castañas asadas que polo día de San Martiño (11 de novembro) comíanse en toda Galicia. Repetían refranes como que “polo San Martiño, mata o teu porquiño” ou “por San Martiño, castañas e viño”. Eran tempos felices nos que nunca faltaba unha tira de asado na grella xa que se vivía cuns marcados compases rítmicos que che daban seguridade. Agora a norma é a inestabilidade e o exemplo mellor, témolo nas eleccións presidenciais do pasado 27 de outubro.

Dálle unha volta á bombilla para que a auga chegue ata o fondo do mate. Quere aproveitar ben o efecto medicinal da gran herba “Abuelita” que a está afastando do hospital do Centro Galego. Por certo, a curmá de Villa del Parque, contoulle que seguen as protestas na esquina de Belgrano e Pasco contra os despedimentos que realiza o BasaOlmosGroup. Aqueles empregados que non conten cun salvoconducto expedido polo gordo coimero Daer quédanse sen laburo. A verdade é que non entende o silencio das agrupacións que dicían defender o hospital para que non o ocupasen polos negros graxa. Acórdase de alegrarse moito ao escoitar ao interventor Moyanito, na radio, comentando que malia a pesada herdanza estaba sacando do pozo á mutualista dos galegos.

Volvendo ás eleccións, sendo sinceira debe de poñer de manifesto que moitos macristas non viron acertado o lema de ”Xuntos polo cambio”. Moi mal, é un erro que serviu para piantar votos. Pasaron catro anos e é evidente que don Mauricio cambiou o país. Non ten sentido volver co “cambio” porque xa se fixo. Queres máis cambio que sacar do orto á egua Cristina? Queres máis cambio que borrar ao choripán das esquinas porteñas? Queres máis cambio que deixar de respirar o fume do asado na grella? Creo que Macri perdeu fol e engurrouse ao ver que en fronte tiña ao amigo e colaborador de Néstor. Ao final vai resultar que Macri é machista e só ten insultos para cando o rival é do sexo feminino. Estou pensando en mentir e dicir que votei a Alberto. Faime quedar ben diante da miña sobrilña que sempre me dicía que apoiar un programa neoliberal é negativo para a inmensa maioría dos arxentinos. Nunca lle confesei a miña ignorancia total sobre o significado do neoliberalismo.

Creo que me estou avivando. Quero dicir que antes atacaba a Cristina polo cepo cambiario aos dólares. Quentoume moito, estamos en democracia e cómprome os dólares que queira. Repetía o que outros dicían sobre a “chorra” que se afanaba os nosos dólares e que só che deixaba 1500 para viaxar. Bueno, agora téñome que calar do mesmo xeito que as miñas amizades macristas que non critican a Macri por poñer un cepo con tope de 50 dólares. Pero saltoume a gayegada e mirá vos, non me calo porque si estaba mal o cepo de Cristina é obvio que está mal o de Macri. Non é fácil deixar de ser cornudos. É difícil sacarse a venda e recoñecer que este cepo é unha foda total. Queres que viaxe con 50 dólares? Houbo unha serie de cagadas que lle fixeron abrir os ollos a moitos macristas que detectaron no lema electoral, unha mensaxe oculta. Ao dicir “xuntos” referíanse aos amigos beneficiados por Macri e ao dicir “cambio” pensábase nunha modificación particular dos sentimentos de cada un dos candidatos para dotarse de insensibilidade ante calquera atisbo de solidariedade social. Son moitos os que perderon o laburo e cumprían. Son moitos os que pecharon o seu negocio e cumprían. Son moitos os que perderon ingresos malia ver que aumentaba o linchamento dos mapuches patagónicos. Algúns empezaron a considerar que algo debe de influír a política cando fai catro anos tiñas un mango no peto e agora o que tenés son buracos e débedas.

UN ANO EN BOS AIRES

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

 

Comentarios