Venres. 19.04.2024
El tiempo

Modesto Fraga, Rocío Leira e Lola Canosa, expoñentes da homenaxe poética aos Faros da Costa da Morte

Modesto Fraga, Rocío Leira e Lola Canosa, expoñentes da homenaxe poética aos Faros da Costa da Morte

Xa temos resultado do “Certame de Poesía sobre os Faros da Costa da Morte”, convocado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM). I é que se ben houbo 3 categorías, cómpre destacar que os gañadores da categoría absoluta son grandes personalidades do eido cultural da Costa da Morte. Así é o poeta fisterrán Modesto Fraga, sempre tan vencellado ao mar, o que levou o primeiro premio por 13 poemas que forman un Manual de Navegación impresionante.
A ceense Rocío Leira, unha "abusona" de premios costeiros, acadou o segundo premio cun poema épico. Mentres que o terceiro premio quedou en Vimianzo, na casa de Lola Canosa, cun tríptico de sonetos dedicados aos 3 faros máis senlleiros da Costa da Merte.

Cómpre lembra que este certame nace para poñer en valor a riqueza paisaxística e turística que teñen estes sinais luminosos da nosa costa, e máis concretamente da Costa da Morte, é dicir aquela que abrangue dende as illas Sisargas ata o Monte Louro. A razón da escolla dun certame de poesía é a de continuar o labor de grandes escritores galegos que se viron inspirados nestes senlleiros edificios, como foi o caso de Gonzalo López Abente, Xervasio Paz Lestón ou Antón Zapata García.

Pois ben, o xurado, composto polo poeta fisterrán Alexandre Nerium, o poeta de Cee Miro Villar e o investigador literario de Vimianzo Xosé María Rei Lema, veñen de escoller aos 8 gañadores.

Categoría infantil

Na 1ª categoría (nenos e nenas de ata 12 anos) presentáronse un total de 11 poemas. O xurado salientou a participación dos colexios públicos de Baio e de Cee nesta categoría, e decidiu por unanimidade outorgar os tres primeiros premios desta maneira:

  • 1º premio (vale por un importe de 75 euros) para NURIA VILARIÑO LEMA, do C.E.I.P. Labarta Pose de Baio, polo poema “Un rastro da túa luz”, presentado baixo o lema “Río Grande”.
  • 2º premio (vale por un importe de 50 euros) para ELISA DEL PILAR PRADALES MARTÍNEZ, do C.E.I.P. Eugenio López de Cee, polo poema “Costa da Morte”.
  • 3º premio (vale por un importe de 25 euros) para YAIZA ROMERO MARTÍN, do C.E.I.P. Eugenio López de Cee, polo poema “Baixo os faros”.

A composición gañadora “Un rastro da túa luz” resultou ser un percorrido poético polos faros dende a Torre de Hércules ata o faro de Monte Louro, con estacións no Roncudo, Vilán, Cemiterio dos Ingleses, Touriñán, Fisterra, Lobeiras..., en versos de feitío clásico.

Catgeoría adolescente

Na 2ª categoría (de 13 a 16 anos) o xurado decidiu por unanimidade declarar ex-aequo o primeiro premio. Unha vez abertas as plicas resultaron ser os gañadores do primeiro premio (cadanseu vale por un importe de 100 euros):

  • ANA MARÍA GIL REY, de Zas de Carreira, polo seu poema “Andainas dun vello faro”, presentado baixo o lema “A serea do faro branco”.
  • DARÍO MIRANDA PASTORIZA, de Bamiro-Vimianzo, polos seus poemas presentados baixo o título e lema de “O lento virar do faro…”.

“Andainas dun vello faro” é unha composición dialogada entre un paxaro e o propio faro que se atopaba só. A conversa realízase en pareados.
“O lento virar do faro…”, cuxo título agradou aos membros do xurado, presenta dous poemas (“Amigo fiel” e “Guía na noite”) que se centran na temática do faro como guía para navegantes.

Categoría absoluta

Na 3ª categoría (maiores de 16 anos) presentáronse un total de 8 composicións, das cales o xurado salienta a súa calidade media. Logo dun debate decidiuse outorgar por unanimidade os tres premios da categoría. Unha vez abertas as plicas os premios corresponderon a:

  • 1º premio (dotado con 500 euros) para MODESTO FRAGA MOURE, de Fisterra, pola composición “Alba de luz (Manual de navegación)”, presentada baixo o mesmo lema.
  • 2º premio (dotado con 350 euros) para ROCÍO LEIRA CASTRO, da Pereiriña-Cee, polo poema “Desorballando o tempo”, presentado baixo o lema “Axóuxere”.
  • 3º premio (dotado con 200 euros) para MARÍA DOLORES CANOSA LÓPEZ, de Vimianzo, por “Três sonetos para três farois”, presentado baixo o lema “Faros da Costa da Morte”.

O xurado quere destacar a calidade da composición gañadora “Alba de luz (Manual de navegación)”, que presenta unha estrutura formada por trece poemas dedicados a cadanseu faro da Costa da Morte, mesmo indicando as súas coordenadas nas cartas mariñas. Con moitas referencias ao mundo clásico, moita musicalidade no ritmo e con especial incidencia no léxico mariño, así como na microtoponimia costeira.
O 2º premio foi para “Desorballando o tempo”, cuxo epígrafe tamén chamou a atención do xurado, sendo unha única composición de longo alento épico e moita narratividade no seu discurso lírico.
E o 3º premio foi para un tríptico de sonetos dedicados aos faros Vilán, Fisterra e Roncudo, que son os tres de máis relevancia na Costa da Morte.

A realización deste certame ten lugar grazas ao Proxecto Singular “Percorrendo Vieiros da Costa da Morte” aprobado pola Deputación da Coruña.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Novas relacionadas

Outras novas

Comentarios