Martes. 23.04.2024
El tiempo

Moncho Noceda: "Neste concello a participación e a transparencia xa é unha realidade"

Moncho Noceda: "Neste concello a participación e a transparencia xa é unha realidade"
Moncho Noceda alcalde e candidato do BNG de Carnota

Entrevistamos ao actual alcalde de Carnota, Ramón Noceda. Un Noceda que xa fora alcalde entre o 83 e o 91, nun concello onde o BNG foi sempre forza maioritaria. De feito, só houbo dúas das 11 lexislaturas de goberno popular, con José Oreiro, actual candidato do PP, como alcalde.



  • QPC: Con que obxectivo afronta a súa lista estas eleccións do 24M?

Sinceramente aspiramos a obter unha maioría suficiente para poder continuar traballando man con man coa veciñanza de Carnota sen que ninguén nos siga poñendo paus nas rodas nin nos someta a chantaxes.


  • QPC: Cales son os puntos fortes do seu equipo?

Traballamos con 5 ideas clave ben expostas no noso programa: Queremos servizos públicos e de calidade que revirtan no ben de todos, por exemplo recuperaremos a xestión directa da auga municipal no 2016. Afondaremos nas fórmulas de participación e transparencia na xestión municipal. Seguiremos apostando por patrimonio, natureza e deporte como potenciais fundamentais de desenvolvemento do noso municipio. Converteremos a adversidade en oportunidade mediante a concentración parcelaria e a creación pioneira de microcooperativas de veciñanza desempregada para aproveitar os recursos locais e incrementar a oferta de bens e servizos. E por último, sen o que non será posíbel nada do anterior, temos que desempeñar o concello e adaptalo á realidade que vivimos.

Lista do BNG de Carnota 2015
  • QPC: Foron uns anos axitados. Como explica o delicado asunto dos despedimentos?

Un veciño que ingresa mil non pode querer gastar dous mil, e do mesmo xeito Carnota non pode soster a día de hoxe, cos ingresos que ten, case a mesma plantilla que tivo na última lexislatura. Esta situación obrigou a tomar medidas duras pero absolutamente necesarias para garantir a viabilidade do Concello que estaba seriamente ameazada. De feito cando tomamos posesión Carnota debía 5 millíóns e o entorno do PP auguraba que en 4 meses Carnota estaría en suspensión de pagos. Hoxe podemos dicir coa cara ben alta que aquí estamos, vivos, en pé e coa metade de débeda. E para iso non foi só racionalizar a plantilla: revisamos cada céntimo que o concello gastaba, empezando polos salarios políticos.


  • QPC: E hai pouco sabíamos que está sendo investigado polo Xulgado de Muros por unha suposta de prevaricación administrativa continuada na contratación. Que ten que dicir?

Houbo unha denuncia do secretario que xa fora arquivada, e agora outro traballador municipal volveu denunciar polo mesmo. E como en calquera denuncia, o xulgado pide información relativa ao asunto que motiva a denuncia. Sobre ela teño que dicir que penso que se equivocaron, pois a maioría dos contratos dos que me acusan foron feitos por Oreiro, e será el en todo caso o que terá que rendir contas de como se fixeron. Se dalgo estamos moi orgullosos no BNG é de que nesta lexislatura conseguimos erradicar o enchufismo estabelecendo unhas bases de contratación públicas e obxectivas, onde non participa nin un só membro da corporación. Aínda que na oposición tenten esgrimir isto como contrapunto ás gravísimas imputacións de Oreiro e Marisol ante o TSXG, para os que a fiscalía mesmo impuxo unha fianza de dez mil euros, toda a veciñanza sabe que nesta lexislatura non se enchufou a ninguén polo que temos a conciencia moi tranquila.


  • QPC: Cre que vai saír adiante o proxecto da instalación de gas detrás do colexio a pesar das queixas veciñais?

Confiamos que entre todos seremos quen de paralo en seco. É un auténtico abuso e unha temeridade pretender instalar un tanque de calquera material explosivo a menos de 60 metros dun colexio público. Se nós continuamos no goberno, desde logo, non o imos permitir e os veciños están con nós.


  • QPC: Cales cren que son as eivas máis grandes no seu concello?

O noso Concello ten absolutamente de todo, pero faltou iniciativa empresarial que convirta todas as súas potencialidades en postos de traballo que permitan que a xente poida instalarse e facer a súa vida aquí. Como tampouco queremos que o Concello sexa unha axencia de colocación imos apoiar a creación de microcooperativas de veciñanza desempregada con apoio do Concello, para aproveitar todos os nosos recursos, e ampliar a oferta de bens e servizos para a veciñanza. Cremos que hai demanda para a creación experimental de media ducia delas e que cada unha pode xerar do orde de 4 ou 5 postos de traballo directos.


  • QPC: Cal é o proxecto do que fai bandeira e a que partida orzamentaria adicará máis cartos?

Prevemos que se seguimos no goberno os próximos catro anos os orzamentos participativos absorberán boa parte da capacidade inversora do noso municipio. Cremos que un goberno ao servizo do pobo non pode funcionar mediante ocurrencias de ningún político, senón que a veciñanza agradecerá moito máis se lle deixan decidir as prioridades nas que queren que se gasten os cartos.


  • QPC: Tres propostas concretas, e importantes, do seu programa.

Temos un extenso programa que resume as propostas xerais e as concretas para cada lugar, recollidas durante a precampaña en 17 asembleas veciñais. Por destacar algunhas, á mocidade gustoulle moitísimo a de crear un Centro xuvenil en Pedramarrada, con conexión a internet, ludoteca, biblioteca e sala de ensaio... ata nos van axudar a acondicionalo! A proposta dos orzamentos participativos conectou moi ben coas entidades veciñais, e varias delas xa están totalmente implicadas na súa posta en marcha. E para a nosa xente maior a proposta que máis gustou foi a do voluntariado, co que pretendemos que toda esa xente que desgrazadamente vive soa teña un sitio no que reunirse e sentirse atendida, querida e socialmente integrada.


  • QPC: Como potenciará a participación cidadá no Concello?

Neste concello a participación e a transparencia xa é unha realidade pois era unha aposta fundamental no programa que nos levou ao goberno, aínda que a contención financieira destes anos nos impediu desenvolvelo en toda a plenitude. Por exemplo, a proposta dos orzamentos participativos, é dicir, que os veciños decidan o destino dos investimentos municipais para seu lugar, desgrazadamente só logramos poñela en práctica nun par de ocasións. Mais polo xeral conseguimos que a veciñanza se sinta máis informada, partícipe e implicada nas cousas do seu Concello, e seguiremos nesa liña.


  • QPC: Como analiza o traballo da oposición nesta lexislatura?

O pouco que fixeron foi por paus nas rodas. En 4 anos entre PP e PSOE só presentaron 3 mocións, con iso digo todo. A falta de colaboración foi total, non axudaron nadiña a levantar a situación e tampouco fan autocrítica nin admiten a súa parte de culpa. Estamos nesta situación porque eles pensan que Carnota é un saco sen fondo. Metéronnos en obras faraónicas que ninguén lles pedía sen mirar de onde ían sacar os cartos para pagalas, convertiron o Concello nunha axencia de colocación laboral, puxéronse uns soldos incribles, non pagaron nin un só recibo do lixo en catro anos a pesar de cobrarllo puntualmente á veciñanza e aínda por enriba permitíanse luxos que resultan obscenos para calquera. En fin, que se quedaron cousas sen facer foi por culpa dos excesos de quen hoxe nos acusa de non facelas, non pola vontade de servizo público deste goberno. De todas formas hoxe a situación é moito mellor e sabemos que se a veciñanza se implica poderemos mirar ao futuro con máis optimismo. Carnota depende de todas e de todos e o 24 de maio o pobo vai escoller entre dúas opcións: seguir co BNG pola senda da xustiza, a honradez e participación ou volver aos tempos do despilfarro e do pago de favores que teñen pactado PP e PSOE



Novas relacionadas

Fonte

Comentarios