Venres. 29.03.2024
El tiempo

Mónica Martínez nos #DirectosQPC: “Considérome unha muller de aldea”

Mónica Martínez nos #DirectosQPC: “Considérome unha muller de aldea”

Volveron os #DirectosQPC. E comezamos unha nova serie de entrevistas a través da páxina de Facebook de Que pasa na Costa con Mónica Martínez. A zaseira convertiuse o pasado mes en Concelleira de Deportes do Concello da Coruña, todo un fito para unha muller que apenas leva ano e medio en política.

Mónica contounos como entrou no mundo da política (“un reto ao que non lle puiden dicir que non”), e todo o que lle está cambiando a vida dende que é concelleira. Loubou ao que será o seu director de área, Alfonso Hermida, unha condición que lle puxo á alcaldesa Inés Rey para tomar o mando da concellería, e repasou algúns dos temas prioritarios como a reforma da normativa de usos das instalacións municipais. A súa idea é crear un Consello do Deporte coruñés, onde estean presentes todos os estamentos implicados (clubs de todos os deportes, sector privado, institucións educativas, administracións…) para, entre todos ir creando “un Plan Estratéxico do Deporte da Coruña, que sirva de base para comezar a cambiar de raíz o que levamos arrastrando ano tras ano de traballos a salto de mata”.

Falou da súa vinculación coa Costa da Morte, pois toda a súa familia é de Zas e Cabana, e volve, sempre que pode a San Cremenzo, a casa familiar, o lugar onde creceu e onde aprendeu os valores de “sacrificio e esforzo” que lle fan sentir “unha muller de aldea”.

Repasou con nostalxia e gañas de repetir aqueles actos relacionados co seu adorado Fútbol da Costa, presentando a Gala do primeiro Álbum de Cromos con David Vidal, ou a Gala entrevistando a Augusto César Lendoiro, un home sobre o que sente unha verdadeira admiración.

Outros DirectosQPC

Comentarios