Venres. 29.03.2024
El tiempo
Manuel Vilar
22:41
23/08/20

Moraime. Centro histórico da Costa da Morte

Presentacion en Moiraime do libro de Xan Fernandez Carrera a
Manuel Vilar, Xan Fernández Carrera, e Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, durante a presentación do libro na Igrexa de Moraime
Moraime. Centro histórico da Costa da Morte

O sábado 15 de agosto a igrexa de Moraime abriu as súas portas para acoller a presentación do libro Moraime. Centro histórico da Costa da Morte da autoría de Xan Fernández Carrera, autor doutras guías sobre o noso territorio. Tiven a sorte de acompañalo nesa presentación e feliz de asistir a un acto que, pola xente que asistiu, mostra que Moraime é un ben cultural que levanta interese e que non vamos permitir que caia outra vez no abandono e desleixo. As portas abertas do templo, para que a xente puidese asistir ao acto e manter as distancias físicas, era como unha metáfora que expresaba a función social  do patrimonio e o acceso libre para gozar dun ben cultural.

Aquí transcribo o texto que preparei para a presentación.


*****

Un artigo de 1908, publicado por un enxeñeiro militar que escribiu sobre o románico da ría de Camariñas, ao falar de Moraime comeza máis ou menos deste xeito: no fondo da enseada de Merexo, e como a medio quilómetro do mar, hai unha aglomeración de media ducia de casas cunha enorme igrexa que ben podía acubillar a todas elas. Un vulgar campanario non indica nada desde lonxe, pero ao achegármonos e ver as súas esculturas, ao entrar nela, estanos dicindo que oculto naquel val hai algo máis que unha modesta igrexa parroquial.

Esta mesma sensación téñoa experimentado en varias ocasións cando tiven o pracer de guiar algunhas visitas, a última no novembro pasado aos amigos do Instituto de Estudos Miñoráns, visita incompleta por mor das obras de restauración, pero tamén con xente doutras partes e colectivos, como a Asociación de Amigos del Románico, A.C. Monte Medulio de Ferrol, socias e socios do Museo do Pobo Galego, xente do SEMESCOM, visita esta coguiada con Xan. Se alguén quer coñecer a Costa da Morte dígolle que ten que comezar por Moraime, pois Moraime está no principio da historia do que hoxe chamamos Costa da Morte.

Todos os que non coñecían Moraime quedaban sorprendidos pola súa monumentalidade, polos ricos programas escultóricos das súas portadas, polas pinturas, pola súa historia, como quedaban sorprendidos polo descoñecemento e abandono en que estivo durante anos, especialmente o descoidado que estivo desde que foi declarado BIC en 1972. Contra o abandono non hai mellor medicina que o acceso ao coñecemento. Nomear para existir. Coñecer para apreciar e valorar. O acceso ao coñecemento é un dereito democrático. O libro de Xan Fernández Carrera é un paso neste camiñar, unha guía para coñecer e ter argumentos para valorar.

E, por que é importante Moraime? Porque é un ben cultural complexo e de múltiples lecturas; é un templo cunhas dimensións pouco usuais para a zona e para unha parroquia rural; polos elementos artísticos que a conforman; polo lugar no que se asenta: sobre unha vila romana e un xacemento xermánico. Continuidade histórica sobre un mesmo espazo. Permanencia que nos ancora e nos asegura ante un presente fráxil e movedizo.

Sen menosprezar os valores artísticos, quero destacar o papel histórico deste lugar. Primeiro, como asentamento romano. Non era este unha casiña perdida nun territorio afastado e pouco romanizado, senón todo un centro de produción que, seguramente, estaría orientado á exportación polo mar, entón un medio seguro. Era este asentamento un lugar clave no control desta parte do territorio da Gallaecia. Segundo, un asentamento xermano sobre o mesmo espazo ocupado antes polos romanos. O material atopado, segundo algún estudoso, é rico dentro da pobreza xeneralizada dos achados en Galiza desta época. Volve ser un lugar clave. Terceiro: sobre estas bases aséntase unha comunidade de frades, un mosteiro que organiza un territorio, hoxe coñecido como Costa da Morte, pero que tamén podemos nomear como Nemancos, un nome milenario que non deberiamos deixar perder. E hai máis elementos, como o magnífico busto de Francisco Asorey no cemiterio.
Somos o que somos por unha historia que nos empurra cara a diante. Aquí, detrás de nós, está o papel destes frades. Eles, a falta doutras estruturas, organizan o territorio desde comezos da baixa idade Media: asentan poboación, rompen novas terras, crean novos lugares, apadriñan novas igrexas capaces de configurar unha organización territorial, a parroquia, e unha vida en sociedade. Fan deste sitio un lugar de referencia, un lugar recoñecido e recoñecible máis alá dos seus límites locais.

Esta importancia vaino a levar a ter un papel por veces destacado na Historia do noso país. Desde pequeno, cando viña por aquí, escoitaba falar de que estivera agochado un rei. Mais na escola, nos libros de texto, dicían que nós non tíñamos rei, que os reis eran de Asturias, de León, logo de Castela e de España. Pensaba para min: como ían traer un rei desde León para agochalo aquí? Non era de León, era de aquí, e trouxérono non para agochalo, senón para educalo nun lugar seguro e de prestixio,  tamén de confianza.

Moraime era entón un referente na política galega. Educaron a un rei, mais tamén participaron na elección de Diego Xelmírez como bispo de Compostela. O abade Hodorio foi chamado a unha xuntanza clave para o futuro de Compostela e de Galicia. Baixo a autoridade de Reimundo de Borgoña, pai do futuro rei, xuntáronse “as persoas máis significantes”. E entre as persoas importantes da Galicia daquela estaba Hodorio participando na elección dunha das figuras claves da nosa historia, seguramente estaba polo seu quefacer, mais tamén porque era o abade dun mosteiro importante e clave na organización do territorio do extremo noroeste.  

Mais o poder político, e con el as elites dirixentes, marcharon cara climas máis cálidos, cara ao sur, e a política fíxose mesetaria e o papel de Moraime periférico. Foi decaendo, perdendo forza no económico e na toma de decisións políticas, atacado por quen o tiña que defender. Impónselle unha dependencia centralizada, mais loita pola súa independencia. Deixa de ser mosteiro, xa non terá couto, será priorado, para acabar sendo unha parroquia rural, a máis extensa e importante do concello de Muxía. Xa en 1607 Xerónimo del Hoyo dixera que como non hai monxes, vaise abandonando. Este abandono lévanos a non coñecer con certeza onde estaba o edificio conventual: pegado ao lado norte do templo ou no lado sur. Agora se nos di que a fonte non é romana, senón medieval, entón ben puidera estar no claustro.

E o abandono chega case até os nosos días. Perdeuse o arquivo e o arquivo parroquial, estragouse a vila romana e o xacemento da época xermana, tapáronse muros que ben podían quedar á vista. Mais sempre houbo xente interesada en afondar no seu coñecemento. Dende frei Martín Sarmiento a mediados do século XVIII, a Salgado Rodríguez a mediados do XIX, García de Pruneda ou a americana Georgiana Goddard King a comezos do XX. Nos días acedos de xullo de 1936 estaban de xeira por estas terras as xentes do Seminario de Estudos Galegos. O resultado dese traballo non puido agromar por mor da violencia desatada e polo desprezo pola vida, quizais perdemos unha Terra de Nemancos, mais quédanos algunha crónica, a da revisa Alborada xa dicía: “Moraime, tan cheo de problemas, tan necesitado de restauración”. Algúns estudosos repiten o que dixera Leandro Carré, que era un lugar digno de fixar a atención, como antes dixera Salgado Rodríguez, “un lugar digno de ser estudado polos amantes das glorias galegas”. Nos últimos tempos foron moitos os que investigaron para dar a coñecer Moraime, que traballaron para abrir as súas portas e dalo a coñecer á sociedade: Xavier Rey Souto, Víctor Castiñeiras, Xosé Ramón Ferrín González, Cristina Cavada Giadás, Eva López Añón, Sousa Jiménez ou Xosé Henrique Benlloch.

Avanzamos no coñecemento, mais temos que avanzar a máis velocidade no recoñecemento social, porque  quen lexitima un ben cultural non son os seus valores artísticos ou históricos, senón os valores culturais en relación á sociedade actual. Se nós non o valoramos podemos volver ao que xa se dixera en 1857, que a súa visita sorprende gratamente, mais a idea do seu porvir é sen dúbida triste. Para que isto non sexa así temos que esforzarnos na difusión do seu coñecemento, difundir para que a sociedade o coñeza mellor.. Este libro vai nese camiño. Entón, seguiremos construíndo patrimonio, porque este é un proceso social, non un conxunto de obxectos. 

  • Manuel Vilar ÁlvarezLicenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural. Director do Pobo Galego.

 

MÁIS ABERTURAS. MEMORIAS E PAISAXES de Manuel Vilar en QPC

Novas relacionadas

Máis información

Comentarios