Xoves. 25.04.2024
El tiempo

MounQup e Igmig traerán as súas músicas ao festival dos Premios Fouciño

MounQup e Igmig traerán as súas músicas ao festival dos Premios Fouciño
festival-premios-foucino Os concertos, que serán o próximo 30 de xuño en Baio, poñeránlle o broche a este certame do audiovisual Ainda co bo sabor de boca que nos deixou o Carballo Interplay, poñemos xa a mirada na próxima cita do audiovisual galego: os Premios Fouciño de Baio que dende o pasado mes de xaneiro percorren os centros educativos da provincia para adentrar aos máis novos neste mundo. E mentras a campaña de difusión do evento avanza, a organización - que recae no Concello de Zas - vén de confirmar a presenza de dous grupos que están pisando moi forte no panorama galego para o festival que terá lugar o 30 de xuño en Baio. Os primeiros en confirmar a súa presenza no festival son MounQup e Igmig; dous grupos que tiveron un destacado papel dentro da pasada edición do Certame Musical Fran Pérez “Narf”, organizado pola Deputación da Coruña . Igmig é un grupo composto por tres músicos de Vigo que se caracterizan tanto pola súa posta en escea como polas súas misturas de estilos como o que eles definen como o post-punk, o rock-progresivo, o funky a electrónica e incluso a música clásica. En 2014 sacaron o seu primeiro traballo - Shaishakarrascaishe - e no 2017 publicaron o seu segundo - Ai, que lío! -. Tamén formará parte desta terceira edición dos Premios Fouciño a música de MounQup. Diso encargarase Camille Hédouin que conquistará ao público co seu estilo “electónica rural”. Ademais de comparala como a “Björk galega” os críticos musicais destacan a súa posta en escena, a súa forza na voz, o ben que comunica e o traballo de creación que hai detrás dos seus proxectos.  De orixe francesa, Camille Hédouin chegou a Galicia en 2011, aprendeu galego e no 2012 puxo en marcha MounQup. Á espera da confirmación de máis grupos para o festival, a organización avanza que ao igual que os anteriores anos a entrada aos concertos é gratuita.   Concurso Ademais dos concertos e das proxeccións durante a semana previa ao festival, unha das actividades principais dos Premios Fouciño é o concurso de curtas cuxa inscrición continúa aberta até o 30 de maio.  Hai dúas categorías; unha para centros de ensino e outra libre e entre as dúas repartiranse 1.000 euros en premios. A temática das curtas é libre, a súa duración non pode exceder os cinco minutos e no caso de que teñan diálogo debe de ser en galego. As bases pódense consultar a través da páxina web do Concello de Zas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios