Venres. 19.04.2024
El tiempo

Mouzo Castiñeira: “A aposta polo Deporte está funcionando, é sementar”

Mouzo Castiñeira: “A aposta polo Deporte está funcionando, é sementar”
Mouzo Castineira alcalde de Laxe Jose Manuel Mouzo Castiñeira, alcalde de Laxe Case ano e medio despois de que recollera o bastón de mando, achegámonos a Laxe a falar co seu alcalde, José Manuel Mouzo Castiñeira. Falamos de turismo e deporte, de mar, e dos problemas enquistados no concello laxense.  
  • QPC: Que tal o verán, turisticamente falando?
O verán está indo de marabilla. Con moito sol e mesmo algún día sen vento. Hai moitísima xente todos os días, a ocupación é practicamente total. O pobo de Laxe pode estar contento. A aposta polo Deporte está sendo un éxito, iso é sementar. Porque campionato Galego de Socorrismoi foi un éxito e o de España trouxo moitísima xente, xente que se cadra non coñecía Laxe e que depois repite. Agora toca festas, o Mercado Pirata e a Festa da Cervexa, o Naufraxio, o solpor poético, concentración de coches clásicos… non paramos.  
  • QPC: Máis dun ano xa como alcalde? Como a transición?
Sen problema. Foi doada, pois xa sabía como funcionaban as cousas pois eu levo máis de 10 anos aquí metido. Os primeiros 4 anos estiven sen dedicación, compaxinando co meu traballo de condutor de autobuses. Os 4 últimos empecei con dedicación, pero pronto a oposición quitouma, e aí volvín ter que traballar cos buses, e viña ao concello como podía.  
  • QPC: Como lle cambia a vida a unha persoa pasando de concelleiro a alcalde?
E de concelleiro a alcalde a cousa cambia moito, e pesa máis a responsabilidade que as horas de traballo. Agora toca estar 24 horas operativo. Pero antes había algún problema e chamabas ao xefe. Agora toca solucionarcho a ti, porque ademais non lles podes esixir aos concelleiros que traballen tanto, porque eles non teñen dedicación. Moitas veces chégache un concelleiro con boas ideas pero logo o que ten que executalas son eu, que son o único que traballa aquí. Teño unha boa anécdota cun rapaciño que me preguntou hai pouco no campamenro urbano, como era a vida do alcalde. E lle dixen: “Só tes que falar con 3.200 persoas, que son as que ten este concello”. E o neno respondeu cun “bufffffff” ben simpático.  
  • QPC: E que tal a resposta dos veciños?
Pois é variada, hai para todos os gustos. Hai xentes que están contentos e outras que non tanto. O veciño sempre esixe moito, e é normal. Para os veciños segues sendo o alcalde un martes pola mañá e un domingo pola tarde, tanto para agradecerche como para dicirche o que tes que facer.  
  • QPC: Xa cos temas de actualidade. Algunha vez tratarase o problema dos áridos na praia e no porto?
Pois parece que Portos nos está vacilando. Xa ían empezar en primavera co Dragado e agora resulta que din que estamos en Rede Natura, como se non estivésemos antes de presentar o proxecto, e como se eles se preocuparan algunha vez de iso. Agora dinnos que hai que esperar outros 9 meses para novos trámites burocráticos… Ademais, o dragado é só un parche, así non facemos nada, porque de nada vale ir quitando area cada certo tempo e botándoa nunha esquina, como fan agora. E non vai servir de nada un dragado de 3 metros, cando tes 50 metros de area na praia, que seguro que vai acabar indo de novo para a praia. E como sigamos así, a area vai chegar ao colexio…  
  • QPC: Cal é a solución óptima?
Os técnicos din que habería que tirar 70 metros do actual dique comercial, que debe ser dos anos 80, e facer outro cara fóra. Así cambiarían as mareas e sería a única maneira de para a desfeita. Non pedimos que se faga xa para este vindeiro ano. Sabemos que é unha obra complicada, por iso pedimos que se vaia preparando un proxecto plurianual e que se vaia facendo pouco a pouco.  
  • QPC: É un asunto que une aos grupos municipais.
Unión é verdade que a hai. O PP tamén está comprometido con este asunto, pero dende arriba danlle a mesma resposta que a nós. En todo caso, penso que o Parlamentario laxense do PP podería tirar algo máis. Pero bueno, entendemos que isto non é unha cousa política e que temos que solucionala entre todos.  
  • QPC: Por que cres que non se acomete?
Porque non interesa politicamente. Arriba están Portos (da Xunta) e Costas (do Ministerio), botándose as culpas os uns aos outros, e ao final o que o pagamos somos os veciños de Laxe.  
  • QPC: Cres que haberá compromiso firme nalgún momento?
Ten que chegar o momento no que se comprometan, sobre todo se hai cambio na Xunta, e eu penso que si que o vai haber. Non haberá maiorías pero si cpode que vexamos un bipartito ou un tripartito.  
  • QPC: Como vai o tema do Escaravello?
Pois parece que hai boa vontade para sacar o litixio para fóra. Hai un par de meses tivemos reunión ca familia propietaria, e a nosa idea é facer un aparcadoiro con céspede e baldosas de cemento. E parece que tanto Concello como familia temos gañas de chegar a un entendemento e sacarnos de enriba este tema tan enquistado, e solucionar os temas xurídicos.   Fonte

Comentarios