Xoves. 18.04.2024
El tiempo

O muíño fariñeiro máis antigo documentado no Concello de Dumbría

Muíño Antigo de Hospital
Muíño Antigo de Hospital
O muíño fariñeiro máis antigo documentado no Concello de Dumbría

Un documento do ano 1562, firmado por Rodrigo Osorio de Moscoso, Conde de Altamira, fala dun foro do lugar de Hospital do Logoso que o deslinda para deixalo en renta a Juan das Touzas. Entre as distintas propiedades está un muíño, coñecido na actualidade como Muíño Vello. Así o reseña o documento: “El Casal del Hospital do Logoso, con todas sus casas, cortes, eiras, cortizos y su molino edificado en la Piedra dos Corvos, que limitaba… (continua o escrito).. mediante la pensión de doce ferrados de trigo por medida nueva de Ávila y cuatro azumbres de manteca pagaderas en Santiago el día 15 de San Miguel de Septiembre de cada año.”

Chama a atención que este documento non fala nada da Capela de San Marcos, anexa a parroquia de Dumbría ata o s. XVI; abarcaba os lugares de O Logoso, Paradela e Hospital. Según testemuñas de persoas maiores deste lugar, era unha capela pequena coa advocación de San Marcos cunha imaxe de pedra (desparecida). Por un lateral tiña un pequeno galpón para acoller aos viaxeiros do Camiño Real a Santiago e tamén aos peregrinos camiño de Fisterra. De frente, polo lateral norte, estaba a fonte, e polo lateral, o cemiterio e parte do terreo do igrexario.

Co paso do tempo, o solar da capela foi ocupado por un cortello, o igrexario foi atravesado pola estrada da Pte. Olveira, e a fonte foi trasladada a outro espacio. Máis ao poñente estaba o Campo da Festa, cun cruceiro, do ano 1770, e un soleiro-pombar. Sábese que neste terreo acampou o exército napoleónico os días 13 e 21 de Abril de 1809, antes e despois das batallas nos pobos de Cee e Corcubión. Se retornamos ao Muíño Vello, que se abastecía por unha canle natural, os seus restos pódense contemplar entre a maleza na marxe esquerda do río. Era de mampostería, cuberto de tella a dúas caídas e unha servidume a través dun carreiro con forte pendente. Debeu ser derribado por unha forte enchenta.

Uns metros augas arriba, na marxe dereita, foi construído outro muíño, coñecido na actualidade como Muíño de Hospital ou Muíño da Pena do Corvo. O nome deste muíño non se debe confundir con outro muíño situado no Vao da Carballa, camiño de Paradela, que foi derribado por unha crecida e reconstruído en 1935 por Manolo do Beiro, coñecido na actualidade como Muíño do Conexo. Cerca do primitivo muíño comenza unha grande fervenza duns 15 m. de desnivel que en inverno forma un espectáculo moi ruídoso. Se retrocedemos no tempo e consultamos o inventario do Catastro do Marqués da Ensenada, sobre o ano 1761 o Muíño Vello estaba a nome de Pedro Canosa. Nestas datas había 10 veciños, sendo os cabezas de familia: Salvador Casas, taberneiro; Pedro Canosa, labrador que vivía co seu xenro, Ignacio Villa; Roque Agulleiro, labrador; Pedro de Quintáns, labrador; Jacobo García, tecedor e estanqueiro; Francisco Canosa, labrador; María Canosa, taberneira; Luis Novo, labrador que vivía coa súa nai María Pérez; Julio do Outeiro, pobre; Froilán Arán, labrador.

E como falamos do concelo de Dumbría, dentro do Territorio Vákner, venme á memoria o bispo Mártir de Arzendjan de Armenia (Turquía) quen coa idea de visitar Fisterra, pasando por Roma, nas datas en que Cristóbal Colón descubría o continente americano, sospeito que este bispo tivo que descansar neste lugar de Hospital. Dí no seu diario “que me trataron con la mayor consideración” (polo camiño). O susto levouno cando se enfrentou cun monstruo misterioso ao pasar pola paraxe “Pedra Ancha-Marco do Couto”, paraxe boscosa e embruxado polas meigas que acampan no Castro do Fragoso que, según me contou a Sra. Manuela do Rico (q.e.d.) do lugar de Vilar ten agochado un valioso tesouro. Aquí tamén están os Petroglifos da Pedra Ancha, o desparecido caserío das Casas de Maias, a mala fama da Fonte dos Ladróns xunto coa Fonte das Camisas, cristianizado polo cruceiro do Marco do Couto, e a pedra marcada coas letras CR. Nesta paraxe tamén se encontra o centroide da figura xeométrica territorial do Concello de Dumbría.

Lugar de Hospital 1956

Lugar de Hospital 2019

Outros artigos no "Modesto Patrimonio"

Patrimonio Pindexo

Comentarios