Venres. 19.04.2024
El tiempo

A muller camariñá, máxima protagonista da Mostra do Encaixe

Unha palilleira de Camariñas nunha imaxe de Ruth Matilda Anderson en 1924
A muller camariñá, máxima protagonista da Mostra do Encaixe

Xa pensa o Concello de Camariñas na XXX Edición da Mostra do Encaixe. Unha edición moi especial, que porá o foco no “papel da muller camariñá como elemento vertebrador na sociedade camariñá”.

As palilleiras e costureiras serán as grandes protagonistas, destacando nesta ocasión as cincuenta mulleres costureiras de Camariñas que elaboraron material de protección para a veciñanza de xeito totalmente altruiísta. Tamén, por suposto, as mulleres que rexentan unha tenda de Encaixe.

Pero a organización tamén quere aplaudir iniciativas como a da compostelá Edith del Valle, quen acaba de lanzar unha liña de mascarillas que levan o nome de mulleres singulares de Camariñas. Unha delas, por exemplo,leva o nome dunha das compoñentes do primeiro equipo de balonmán femenino camariñán aló polo 1956: ADELA.

ADELA na mascarilla de Edith del Valle
Mascarilla de Edith del Valle co nome de ADELA

‘Desde a Mostra, como mulleres pero tamén como camariñás que somos, parécenos relevante reivindicar a figura da muller a través do Encaixe, polo que supón para o noso municipio, pero en diferentes ámbitos, como no tecido comercial e empresarial ou no deporte’, destaca Dolores Lema, a directora da Mostra.
Por outra banda, a concelleira de Encaixe, Encarna Liñeiro, quixo agradecer ‘o que todas elas fixeron e fan por Camariñas, polo Encaixe e, en definitiva, por cada un e unha de nós, por facer o municipio que hoxe somos: un referente Mundial’, declarou a edil.

Novas relacionadas

Comentarios