Martes. 16.04.2024
El tiempo

As mulleres da cultura galega póñense voz en Muros

Onde estan as mulleres da Cultura en Muros
As mulleres da cultura galega póñense voz en Muros

Continúa en marcha a programación no marco do “Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021” que se desenvolve en Muros. Desta volta serán dúas sesións do ciclo “Onde están as Mulleres da Cultura?”, ideado por Patricia Hermida, da empresa Dotbeat!; e que se celebrará os venres 9 e 16 de outubro, ás 19:00 da tarde no Centro cultural e xuvenil de Muros.
Xa saben que o aforo é limitado polo que resulta imprescindible a reserva previa no teléfono 981762294.

Serán dúas sesións baseadas en experiencias motivadoras de profesionais que traballan en eidos da cultura onde a muller está infrarrepresentada (literatura, artes plásticas, teatro, danza, música, audiovisual) na procura da xeración de referentes reais. As sesións terán dúas partes diferenciadas: unha primeira cun formato similar ás charlas, e posteriormente iniciarase un debate con todas as invitadas, conducido por unha xornalista vencellada á cultura, e onde se analizará como afrontar a produción artística ou técnica trala crise da COVID-19.

O venres 9 será o turno de:

  • Olga Osorio, cineasta, guionista, fotógrafa e profesora audiovisual. As súas curtametraxes foron seleccionadas nalgúns dos festivais máis prestixiosos do mundo, recibindo ao longo da súa traxectoria máis de 100 premios.
  • Lula Goce, Doutora en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, profesional da arte urbana que ven de xirar por medio mundo, pintando murais que transforman barrios desde o respecto á contorna tras un profundo estudo do lugar. A súa arte xa chegou a India, China, Xapón ou Australia.
  • Paula Rego, baterista de Agoraphobia. Fixo xiras coa súa banda por Estados Unidos, Inglaterra, Filipinas e percorreu os principais festivais da Península.
  • Belén Regueira, Licenciada en Xornalismo pola USC, boa parte da súa labor profesional está vencellada aos medios públicos galegos, na Radio Galega e na TVG, onde presentou o musical Chambo e o faladoiro infantil O país dos ananos.

O venres 16 tócalle a:

  • Eli Ríos, escritora. “Aprender a ler e mudar os referentes”, é ao que apela para crear espazos respectuosos para as mulleres e chegar á igualdade. Ela, que medrou pensando que só os homes escribían, hoxe é unha das referentes no mundo literario, con unha produción multipremiada.
  • Iria Piñeiro, muller de recursos infinitos, é unha actriz polivalente que pasou de interpretar para outros en obras de teatro, series ou programas, a abordar, da man da compañía Chévere, a súa primeira creación autoral “Anatomía dunha Serea”, coa que acadou dous María Casares, denunciando a violencia obstétrica.
  • Carmen Senande. Para completar o cartel acompañaranos esta muradana Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e especialista en museoloxía e en arte contemporánea. Obtivo diversos premios e mencións tanto en pintura como escultura, realizando mostras individuais e colectivas.
  • Marta Gómez será a periodista que as guíe o día 16. É máster en Documentais Cinematográficos e Redes Sociais. Traballa en medios de comunicación, especializándose na última década en programas culturais, na actualidade dirixe o Zigzag na TVG.

 

As sesións serán gravadas para a súa difusión posterior e inclusión no Fondo de Proxectos Culturais.

Comentarios