Mércores. 17.04.2024
El tiempo

As mulleres, as minorias e as periferias, as protagonistas do FIOT 2019

As mulleres, as minorias e as periferias, as protagonistas do FIOT 2019

As súas cifras son absolutamente desorbitantes para unha comarca como a Costa da Morte. Sen lugar a dúbidas é a programación cultural máis completa do ano na nosa bisbarra. E ollando o que lle está a pasar ao FITO (o Festival Internacional de Teatro de Ourense), trala decisión municipal de non achegarlle as súa axudas, o FIOT (Festival Internacional de Outono de Carballo) albíscase como a meirande aposta teatreira de toda Galicia.

Así quedou claro durante o acto de presentación, conducido polo xornalista Luís Fraga ante un público máis numeroso que nunca, e que incluíu a interpretación dunha adaptación do inicio de “La comedia sin título”, de Lorca. Durante o acto, o concelleiro Xosé Regueira como Alberto Sueiro lamentaron a situación dos seus compañeiros ourensáns, ao tempo que refrendaron a posición da capital de Bergantiños como “como corazón das artes escénicas e referencia do outono” e a “a relevancia do teatro para entender outras realidades”.

O propio Sueiro, presidente da asociación organizadora Telón e Aparte, dou a chave desta 28ª edición, na que as mulleres, as minorías e as periferias serán as grandes protagonistas durante o máis dun mes de programa (do 27 de setembro ao 1 de novembro).

Cartel FIOT Carballo 2019 400

Carmen Maura, a Companhia do Chapitô, Jauría e o teatro galego, pratos fortes

Por algo ten estas cifras o FIOT. Porque se traes a xentes como Carmen Maura, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Tito Asorey, Carolina Román, Álvaro Tato… compañías como a Companhia do Chapitô, o espectáculo Jauría, a dramaturxia de Jordi Casanovas baseada no xuízo de La Manada, ou consegues as estreas dos espectáculos galegos ‘Medida x medida’ (de PT Excéntricas) e O Electo (de Contraproducións), tes case asegurado un “completo” continuado.

Gastronomía, teatro na rúa, a rúa dos contos, Café con Microescenas, OTNI, Fiotiño, FioTEEN…

Ademais da programación de sala, o programa completáse cun amplo abano de actividades. A Rúa dos Contos, unha proposta de narración oral, pioneira en Galicia, que este ano celebrará a súa 21ª edición. O galego Carlos Blanco e o asturiano Rodrigo Cuevas destacan como principais protagonistas dun amplo e irreverente programa de contos, monólogos, concertos e teatro en pequeno formato que encherá de humor e ironía os locais de hostalería e o mercado municipal de Carballo. Pero tamén estarán grandes coñecidos como Xurxo Souto, ArtesaCía, Carmen Conde, Tito Rober, Oswaldo Digón, Patty Diphusa, María da Pontragha, 3 Patas e Federico Pérez.

As propostas do Teatro de Rúa buscan un público máis familiar, focalizando os espectáculos no circo e o clown.

Non faltará este curso o Certame de Microescenas Metro Cadrado, unha aposta por achegar, desde a proximidade, as artes escénicas a enclaves especiais e non convencionais á hora de acoller unha representación teatral, como poden ser un lavadoiro municipal, unha barbería ou unha paquetaría, entre outras.

E que dicir da programa do OTNI (Obxecto Teatral non Identificado), co teatro máis vangardista e inclasificable para os amantes das novas experencias teatraies, como a chegada de Kulu Orr, creador absoluto e intérprete de Control Freak, un inclasificable espectáculo de humor intelixente e tecnoloxía punteira, dirixido especialmente á mocidade, que combina artes circenses e enxeñería informática, no que o israelí demostra as súas habilidades rompendo as fronteiras artísticas.

Nen@s e moz@s tamén terán a súa programación específica co Fiotiño e o FioTEEN, que pensa na mocidade artellando, por exemplo, accións teatrais nos institutos, a asistencia ao ensaio xeral de Medida x medida e O Electo, ou a representación nos centros escolares de Por unha peseta, da compañía Apatacón.

Non faltará a implicación da hostalería coa iniativa Dálle un bocado ao FIOT, con tapas e petiscos exquisitos inspirados no Festival Internacional Outono de Teatro.

Xograresa

Este ano, ra actriz galega Patricia de Lorenzo, membro de Chévere, será distinguida polo festival co premio Xograresa de Outono 2019.

Outra mostra do compromiso co teatro galego do festival carballés.

Venda de entradas

Xa podedes ir formulando o voso calendario de preferidos en fiot.gal, e estade atentos porque a venda de entradas abrirase o vindeiro 13 de setembro coa posta a disposición do público dos abonos do Programa de Sala. A partir do venres 20 será posible adquirir individualmente as entradas para os diferentes espectáculos do FIOT que precisan de billete para poder acceder aos mesmos, como son Programa de Sala, Rúa dos Contos ou OTNI.

Novas relacionadas

Comentarios