Venres. 29.03.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
09:30
11/02/11

Municipais

As eleccións municipais teñen algo de especial, de mitolóxico, de ancestral. Dos comicios democráticos que se celebran nos distintos niveis (Estatais, autonómicas e municipais) estas, as pegadas ó chan do día a día son, tal vez, as máis duras e encarnizadas. Supoño que hai algo atávico en todo isto, algo primitivo e prehistórico. As municipais se dirimen a un nivel de porta a porta moi básico. Canto máis pequeno o concello, ademais, peor. Máis proximidade, maior coñecemento. Danse enormes paradoxos o observar resultados de eleccións municipais e comparalos con outros comicios. En Galicia hai concellos onde o PP arrasa nas eleccións autonómicas e estatais pero perde cos socialistas nas municipais. A persoa, o candidato, alcanza un nivel e unha importancia capital nunhas municipais. As eleccións, así, se gañan na rua… e nos bares. Sabe moito a bisbarra de alcaldes que non deberían selo. Que non deberían ser nin presidentes de escaleira. Rexedores de tódalas faccións políticas que vencen elección tras elección a base de mazarse a viños día si día tamén en longas rotas polos bares do concello (ou polos pubs) onde convencen a un electorado tan desinformado e ignorante coma eles. Pero electorado a fin e o cabo, con dereito de sufraxio e, polo visto, maioritario. Así, certo alcalde recibía aplausos pola súa “proximidade” o pasar de luns a venres de unha a tres da tarde polos bares da vila. Escoitando, falando e, o máis perigoso, tomando decisións. Eses son os estadistas da Costa, os máis queridos, os máis aplaudidos e votados. As municipais son terreo aboado para o demagogo. Un entorno onde vale máis un convite que un programa, onde ten máis peso a hora de obter apoios o apelido dun paisano que as súas ideas ou compromisos. As municipais “o celme mesmo da democracia” coma dixera aquel teórico ensinan o peor e o mellor. Maiorías absolutas do peor preparado para o cargo e voltas electorais que arrebatan maiorías absolutas en base a que o alcalde “non soubo pagar o que prometeu” nas anteriores eleccións. As municipais do próximo 22 de maio van poñer unha vez máis a proba a cordura xeral e dos seus resultados brotara, quen sabe si de xeito similar o 25 de maio de 2003, a verdadeira medida do nivel cultural, intelectual e da capacidade da poboación da Costa da Morte para elixir unha opción que non parta de bases pouco firmes ou directamente corrompidas. Claro que, para poder escoller, sempre deben existir posibilidades entre as que seleccionar. O mellor iso é o malo. Que non as hai.
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Artigos relacionados

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios