Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Muros recupera o seu sabor salgado

Muros recupera o seu sabor salgado
Muros Vila de Auga e Sal Igrexa Muros Vila de Auga e Sal

Interesante o proxecto cultural e turístico “Muros vila de Auga e Sal”. Unha iniciativa, promovida pola Parroquia de San Pedro de Muros e a Confraría de Pescadores, e apoiada polos Fondos Feder do GAC, que pretende recuperar o patrimonio da vila muradá vinculado á súa tradición mariñeira, tanto polo seu valor cultural como polo seu potencial turístico, sempre enfocado a dinamización da economía local.

A creación dunha ruta e dun Centro de Interpretación recuperando dous espazos singulares como a antiga colexiata de santa María do Campo e o novo Centro de Interpretación, Muros na Igrexa Parroquial de San Pedro, son dous dos puntos básicos desta proposta, que servirá ademais de recoñecemento ao traballo secular dos mariñeiros.

O proxecto aproveita e supón un cambio cualitativo nunha xa longa traxectoria de rehabilitación do patrimonio mariñeiro levada a cabo desde a parroquia de Muros. Ata agora víñanse facendo visitas guiadas na Colexiata, percorrendo as súas salas de exposición e a torre. A acollida destas polo público foi o que impulsou un proxecto máis ambicioso, na busca, sempre, da doble repercusión cultural –mantemento e recuperación do patrimonio- e turística –aumento dos atractivo s turísticos e do tempo de estancia dos visitantes-.

Por iso, este sábado 30 de maio, terá lugar un pequeno acto de inauguración desde as 12.00 h. O punto de encontro é o adro da antiga colexiata.

A ruta

O elemento central é a nova ruta guiada Muros vila de Auga e Sal. A través dela, e co apoio dos guías, dase a coñecer os fitos máis relevantes da historia de Muros e do seu porto. Comeza con dous puntos clave: a antiga colexiata de santa María do Campo e o novo Centro de Interpretación, Muros, vila de auga e sal, que ocupa os restos da antiga igrexa parroquial de San Pedro. A partires de aí percorre as rúas do casco histórico -as emblemáticas Real e Axesta, pasando polo Carme e a praza do mercado de abastos- e a franxa litoral, onde destacan as fachadas porticadas e o porto pesqueiro. A ruta contempla tamén a opción de achegarse ata o santuario da Virxe do Camiño.

O novo Centro de Interpretación

Centro Interpretacion do Muros Vila de Auga e Sal

Trátase sen dúbida da intervención material máis salientable do proxecto. É un pequeno espazo que aproveita as dúas estancias que quedan en pé da antiga igrexa de San Pedro, con orixes que se remontan ata o século X.

A primeira sala actúa de recepción e área expositiva. Alí repásase a evolución da vila e o seu porto, con parada nalgúns episodios históricos como a heroica loita contra os franceses. A segunda área é un espazo audiovisual que, seguindo a propia ruta, lembra os lugares de visita imprescindible en Muros e as súas festas máis destacadas.

Como nota curiosa podemos destacar que ao longo das obras de rehabilitación, apareceu unha antigua zona de enterramento en pedra, que ocupaba o chan do antiguo presbiterio.

Outras intervencións

Ademais desta obra de rehabilitación o proxecto incluíu outras intervencións:

  • Sinalización do patrimonio da vila e da propia ruta.
  • Mellora do servizo de recepción de visitantes e de exposición na antiga colexiata, que ha ser compatible co culto.
  • Edición da guía turística Muros, vila de auga e sal, e outros materiais de comunicación. A ruta quere estar presente en todos os establecementos turísticos e hosteleiros da zona para así captar aos visitantes que se achegan á localidade.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios