Venres. 19.04.2024
El tiempo

Música, natureza e arte maridan no Comarea Experience

Xentes do Comarea limpando a praia de Arnela
Xentes do Comarea limpando a praia de Arnela
Música, natureza e arte maridan no Comarea Experience

Este mércores xa se empeza a escoitar zapatilla fresca por Muxía. Vén da man deste ilusionante Comarea Experiencie 2019, un festival que nace da iniciativa e as gañas de facer cousas dunha boa banda de rapaces da vila da Barca, e que nesta 5ª edición parece que vai romper moldes. Venres e sábado serán os puntos fortes co festival de música electrónica na Praia da Cruz, a súa nova ubicación máis cercana á vila, pero dende xa, numerosas actividades completan un ambicioso programa.

Un Comarea que se presenta como a posible gran revelación do panorama festivaleiro de Galicia, que nace coa intención de loitar contra a dictadura da verbena, e cunha conciencia medioambiental radicada no seu adn, como demostraban a pasada semana a rapazada da Asociación Xuvenil organizadora realizando unha limpeza da praia de Arnela.

Unha colleita de crebas que ademais servirán para decorar boa parte da escenografía do festival, dando así outra vida a ese lixo chegado dende o Atlántico.

Ademais do aspecto medioambiental, tamén tratan de concienciar sobre a violencia machista, e haberá un punto de apoio e información permanente sobre a violencia machista.

Comarea Festival medioambiente e muller

Actividades paralelas

O Coído alberga estes mércores pola tarde varios obradoiros de breakdance e popping dance, por exemplo, unha cita máis que divertida para aprender a moverse con xeito. O xoves pola tarde tamén poderás aprender a mover as “cachas” co obradoio de twerk e dancehall, antes da interesante charla sobre o patriarcado na industria musical.

En clave musiqueira, xoves e venres de 12:00 a 15:00h desenvólvese un Taller de Iniciación na música electrónica.

Tamén o xoves, pero ás 19:00h, o Mercado do Voluntariado acolle unha Charla sobre a biodiversidade nas praias muxiás.

E durante a fin de semana, como colofón a todo un gran festival, haberá exhibición de cometas na praia dos Muíños, con 5 especialistas e todas as cometas que se queiran animar.

Para todas estas citas podes preguntar no 669 148 834.

Festival Comarea Muxia 2019

A música, o corazón

A música urbana será a protagonista durante a fin de semana. Pero haberá moito máis, como esa singular sesión vermú que sempre aportan os Monoulious Dop, presentes en ducias de festas este verán pola volta.

Arce, Edgar Cal e Carlos Skais, Víctor Fernández, Glitchgirl, Bárbara Lago, Blanca Ross, Fernando Costa, Carl Craignet… son algúns dos artistas que farán do Comarea o epicentro da música urbana neste verán.

O festival armou ademais a posibilidade de organizar a viaxe en bus dende Coruña, Carballo ou Santiago.

Comarea Experience Festival Muxia 2019

Novas relacionadas

Comentarios