Venres. 29.03.2024
El tiempo

Muxía tamén ponse En Negro contra as Violencias

25N-si-e-si copia
Muxía tamén ponse En Negro contra as Violencias

Un ano máis, con motivo do “Día Internacional pola Eliminación das Violencias contra as Mulleres”, o Concello de Muxía, a través da Concellaría de Igualdade (CIM), reivindica o seu papel de axente activo na loita contra as violencias exercida sobre as mulleres.

Faino a través de diferentes actividades:

- Obradoiros de sensibilización e prevención de Violencia de Xénero para o Bo trato, dirixido ao alumnado do IES Ramón Caamaño.
O obxectivo é reflexionar, nun espazo seguro, sobre a realidade social en canto ás súas demandas e expectativas respecto: á propia imaxe, ás relacións, á sexualidade, á identidade, o bo trato, a violencia e as expectativas propias e do sistema en que cada un se move.

Certame de proxectos audiovisuais e expresións artísticas.
Pretenden recoñecer, valorar e impulsar todo tipo de expresións artísticas que amosen como a mocidade aborda a actual situación de desigualdade de mulleres e homes con actitudes e comportamentos baseados no respecto, a igualdade, a liberdade, autonomía e o firme rexeitamento á violencia sexista. Por enriba da calidade técnica ou artística, valorarán a calidade da mensaxe, a súa capacidade para xerar reflexións e debates desde o empoderamento das mozas, e o compromiso dos mozos contra o machismo.

- Curso de defensa persoal e autocapacidades.
Impartirase por monitores/as especialistas en defensa persoal e integrantes da Federación Galega de Loita, e será os días 2 a 4 de decembro, en horario de 9.30 a 13.30 horas, no Edificio de Servizos múltiples municipal.

Obradoiro autodefensa Muxia 25N 2019

- Concentración 25 de novembro.
O luns 25 de novembro, ás 12:00 realizarase unha concentración diante do concello, aberta a toda a veciñanza, na que tamén participará o alumnado do IES Ramón Caamaño e o CEIP Virxe da Barca. A concelleira de Igualdade, Olalla Benlloch, lerá un manifesto institucional e o alumnado do IES Ramón Caamaño participará coa lectura de textos reivindicativos para o acto.

Muxía en Negro

Elaborouse unha guía para fomentar a participación do alumnado do IES Ramón Caamaño- Campaña “Muxía en Negro”, que serve para facer un chamamento a seguir traballando conxunta e coordinadamente coa implicación de toda a cidadanía para erradicar as violencias machistas e destacar a valentía, coraxe e forza das mulleres que superaron esta situación; para lembrar ás que foron asasinadas , e para dar esperanza ás que aínda viven esta terrible situación, para recordarlles que é posible saír dela, que todas estamos aquí para apoialas.

Así, animan a que dende o 23 ao 26 de novembro, as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. sexan vestidos de negro (os manequíns, os manteis do restaurante, ou un/ha mesmo/a). Dende o Concello de Muxía poñen a disposición o material da campaña e información a quen o solicite a partir do día 22. As persoas interesadas en participar só teñen que chamar ao número de teléfono 981 708595 ou enviar un correo electrónico a [email protected] cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono).

TODAS AS ACTIVIDADES DO 25N NA COSTA DA MORTE

  •  

Comentarios