Venres. 29.03.2024
El tiempo

“Por que ninguén quere revisar onde está o Promontorio Nerium?”

Mencer dende Punta Nariga-Malpica
O sol, durante un mencer do solsticio, visto dende Punta Nariga, saíndo polo carreiro do mar entre as Sisargas e Santo Hadrián
“Por que ninguén quere revisar onde está o Promontorio Nerium?”

”Todo cadra”, sinala algo enfadado Suso Lista. “E non sei, a verdade, por que ninguén di nada”, reflexiona sobre a súa teoría de que o Promontorio Nerium é Nerigha. Co único ánimo de intentar xerar un san debate, obrigarnos a revisar a nosa historia, e intentar facer que agromen novas, ou vellas, lecturas sobre a mesma, facemos un repaso das pesquisas que leva facendo o divulgador cormelán nos últimos meses.

O certo é que poucos arqueólogos ou historiadores queren meterse co peliagudo asunto. Ana Romero Masiá deixaba as portas abertas a calquera lectura en QPC. Na mesma liña Lino Gorgoso, o arqueólogo xalleiro, lembra que “non existen evidencias mínimamente tanxibles para afirmalo. As Aras Sextianas son un altar/templo levantado por M. Sexto Quirinalis no NW para conmemorar o final das Guerras Cántabras, pero hai tantas evidencias de que sexa aí coma en Fisterra, Catoira ou mesmo (máis crible), en Campa Torres (Xixón). Co tema do Promontorio Nerio... igual, pode ser en mil ubicacións, especialmente Fisterra e entorno, pero nada verificado”, apunta o xalleiro.

Máis aberto amósase Miguel Losada, Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Dende unha excavación absolutamente rompedora na Mezquita, valora que "non me extraña que estea ilusionado. Aínda non me puiden achegar por aí, e teño moitas gañas, pero só co que el me contou é unha hipótese perfectamente pausible, para considerala. Calquera outra cousa sería unha falta de respecto", sinala criticando "o mal endémico de Galicia de crer que todo está dito, que todo é sabido, e que non se pode descubrir nada significativamente nova. Iniciativas como a de Suso animan a romper con esa dinámica", valora.
 

O sol como referencia

”Paréceme fundamental ter en conta o feito, case único na Europa continental, de que dende o monte de Punta Nariga, durante o solsticio de verán, o sol saia e se poña polo leito mariño, saíndo polo carreiro entre as Sisargas e Santo Hadrián, e poéndose polo Atlántico”, explica.

Mencer Dende o castro das barreiras en Nerigha FB
Mencer dende o Castro das Barreiras, en Punta Nariga

”Isto dá sentido a todo. O Promontorio Nerium está claro que é Nariga. O tempo do Sol, o Ara Solis, é o Santo Hadrián de Malpica, cuia romería se celebra precisamente o 21 de xuño, coincidindo co solsticio de verán. As illas Sisargas son as “Cesáricas”, onde estaría as Aras Sextianas”, explica.

Para corroborar a súa teoría, que rompe con case 2.000 anos de investigacións, sinala que “Finisterre era unha comarca para os romanos, non un punto como coñecemos agora, e así foi de feito ata o século XV.” E ademais de recuperar as lecturas de Estrabón, Mela ou Tolomeo, Lista aporta novas probas a revisar. “En 1921, Adolf Shulten escribía o seu libro “Hispania” no que afirma que o Promontorio Nerium é Nariga, e cita como fontes a Emil Braun, antropólogo alemán do século XIX; e ao polaco Konrad Haebler, bibliotecario e historiador alemán de comezos do século XX”.

Tamén recupera a obra “Colección de hechos memorables o El Erudito” do gramático latino Solino, “onde no século IV describía as Illas Sisargas como un grupo de islas situadas ao carón do Promontorio Nerium”.

solpor Dende San adrian
Solpor dende o Santo Hadrián: Fotos de Suso Lista

Novas relacionadas

Comentarios