O alcalde de Vimianzo pide unha reunión co Sergas para informarse sobre a praza de pediatría
07:10 31/01/18
O alcalde interesase polas previsións da Xunta para cubrir a praza de pediatría ante a próxima resolución do concurso de traslados
Continúan os problemas co servizo público de pediatría na comarca. Se hai uns días eran os gobernos de Zas e de Carballo os que protestaban polas carencias deste servicio é agora o turno do concello de Vimianzo. Precisamente, o seu alcalde, Manuel Antelo, remitiulle onte ao Sergas unha solicitude de entrevista co xerente da Xestión Integrada da Coruña para solicitarlle información acerca das previsións que ten a Xunta de Galicia para cubir a praza de pediatría do concello de Vimianzo, diante da próxima resolución do concurso de traslados do persoal médico.
A rotación de profesionais é xa unha práctica habitual nas prazas de pediatría da comarca. "Isto dá lugar a situacións de precariedade e falta de atención en pediatría", sinalan dende o goberno vimiancés. A Antelo preocúpalle que existan dificultades para cubrir a dita praza, e que os nenos e nenas non teñan o servizo de pediatría, ou teñan que desprazarse fóra da comarca para o mesmo. Isto, xunto con outros problemas como a grande rotación de persoal nestas prazas de atención primaria, e tamén de atención hospitalaria no Hospital Virxe da Xunqueira, "fan que a comarca estea discriminada nos servizos de atención á saúde" sinalan dende o concello de Vimianzo.
Antelo entende que a Xunta de Galicia debe ter en conta a situación de periferia da Costa da Morte evitando que sexa un territorio discriminado no que á atención hospitalaria se refire. Neste sentido propón que se deberían establecer incentivos para evitar a rotación de persoal, e os cambios tan acelarados do persoal médico. Incentivos como considerar a situación de periferia da Costa da Morte como criterio na valoración dos postos de traballo, flexibilidades horarias.... "Cruzarse de mans e deixar pasar o tempo non é unha boa xestión por parte da Xunta, nin resolve os problemas dos servizos sanitarios na Costa da Morte", sinala o goberno de Vimianzo.
Novas relacionadas
- 12-01-18: O concello de Zas denuncia o mal funcionamento do servizo de pediatría nos seus centros de saúde
- 23-10-17: Zas continúa sen pediatra a pesar das escusas do PP
- 20-10-17: O alcalde de Carballo transmítelle ao xerente de Xestión Integrada do Sergas a necesidade de máis pediatras no centro de saúde:
- 07-04-16: Búscanse pediatras, de verdade, para Cee
- 2015: A Xunta non cobre a praza de Pediatría en Mazaricos porque “non hai especialistas en lista”.
- 04-09-15: Por un segundo pediatra para Cee e Corcubión.
- 07-04-14: 1000 firmas por un servizo de pediatría decente para Cee e Corcubión.
- 26-03-14: Cee saíu unha vez máis á rúa a berrar pola Sanidade Pública.
- 19-03-14: 1.500 nenos sen pediatra en Cee e Corcubión.
- 2011: “Queremos pediatra tódolos días en Laxe”.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected])
- Concello de Vimianzo