Venres. 19.04.2024
El tiempo

O Bm Camariñas mantén o liderato

O Bm Camariñas mantén o liderato

O Balonmán Camariñas mantén o liderado na 1ª Autonómica, empatado a puntos co Atlético Novás e co Rasoeiro, trala contundente vitoria ante o Hierros Miguel na casa. Os camariñáns son ademais o equipo máis goleador e o menos goleado, polo que xa é un serio candidato para conseguir unha das prazas para a loita polo grupo do ascenso e volver á 1ª Estatal onde competía o ano pasado canda o Xiria.

Ademais, a fin de semana deparou tamén a primeira vivtoria do C.B.Camariñas Encaixe diante da súa afección na 1ª Autonómica feminina.

Precisamente o Calvo Xiria enfrontábanse no Pavillón Municipal de Coia ó Seis do Nadal na 1ª Estatal. Chegaban empatados, pero de novo as baixas lastraban aos carballeses, contando por segundo partido consecutivo con dous xogadores xuvenís, Martín e Jorge, que pouco a pouco van atopando o seu lugar no equipo e sumando ao colectivo do Xiria. Así e todo, os carballeses non foron capaces de aguantar e caeron.

1ª Autonómica, xornada 4

  • Resultado: Balonmán Camariñas - Hierros Miguel Seis do Nadal (36-19)
  • BM. CAMARIÑAS: Alex (p), Víctor (p), Fari (4), Iván Pan (4), Quin (6), Damián (2), Borja (5), Moncho (2), Catalán (4), José Ramón (2), Xabi (3), Perón (2), Antelo (2).

O rodete camariñán volve ser determinante en casa. Unha boa portería e unha boa defensa levaron ao Conservas Boya a unha fácil vitoria ante un 6 do Nadal - Coia moi voluntarioso, pero que nunca puido co acerto defensivo dos conserveiros. Boa defensa e rápidas transicións fixeron que o marcador, paulatinamente fósese abrindo ata os 17 goles de finais, que non son reflexo da diferenza co correúdo equipo vigués.

1ª Autonómica Feminina xornada 4

  • Resultado: C.B Camariñas Encaixe - Bm. Narón (23-22)
  • C.B. CAMARIÑAS: Sandra, María (3), Aída (6), Silvia (1), Nerea (2), Vero, Cris Sande (1), Cris Caamaño (3), Laura (3), Fátima, Alicia, Cris Blanco (4)

Unha gran segunda parte permitiulle ó equipo camariñán remontar un partido que se lles puxo costa arriba despois do descanso (12-17). As ganas de gañar, os axustes en defensa e os conseguintes contragolpes fixeron endosar un parcial de 11-3 que declinou o partido do lado local.

1ª Estatal, xornada 4

  • Resultado: Magope Sei do Nadal-Coia - Calvo Xiria (33-29)
  • CALVO XIRIA: (15+14): Kike [p], Alex (2), Jesús (3), Brais, Chimpo (8), Manuel (5), Ramón -equipo inicial- Iago [p], Gonzalo (2), Jorge, Ángel (2), Dubra (3), Martín (2), Sergio (2).

Moi boa entrada con preto de 350 persoas no Municipal de Coia, entre os que se deixaron sentir os case 50 seareiros que acompañaron ao Calvo Xiria.
Os primeiros minutos foron de igualdade no marcador e no xogo de ambolos dous equipos. Non había boas accións ofensivas e so nas contras conseguían os equipos perforar a portería dos seus rivais. Mais pouco a pouco foi o Calvo perdendo o seu sitio no campo nas tarefas defensivas e permitía que o seu rival chegase ao descanso con 18 goles no seu haber.

Na segunda metade o partido voltou pouco a pouco á igualdade. A defensa carballesa parecía voltar a funcionar e pouco a pouco foi achegándose no marcador ata poñerse por diante. Pero as exclusións favoreceron ao cadro vigués que voltou a mandar no partido. As accións defensivas de Denis nos derradeiros minutos. Eso sí moitas delas merecedoras de sanción disciplinaria: golpes na faciana, agarróns e empurróns unha vez superado polo seu oponente contaron sempre ca aquescencia da parella arbitral.

Ao final as prisas caeron do lado carballés e a brecha no marcador fíxose, no pitido final, a maior dos segundos trinta minutos. Cómpre destacar por bando carballés a Chimpo e Alex García.

Vindeira cita

  • 1ª Autonómica Masculina: O vindeiro sábado viaxa o Camariñas a unha das pistas máis difíciles da categoría. En Ribadavia enfrontarase ao equipo do Ribeiro Viña Costeira, un dos clásicos da categoría.
  • 1ª Autonómica Feminina: .
  • 1ª Estatal: A vindeira xornada visitará Carballo o Mecalia At. Novás, equipo recentemente descendido da División de Honra Prata, que conta, e moito, nas quinielas para facerse cun dos postos que da acceso á fase de ascenso. De seguro un rival complicadísimo para o Calvo Xiria. Coma ven sendo habitual o sábado ás 18:00 horas no Vila de Noia.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Notas de prensa do Balonmán Camariñas e do Calvo Xiria.

Comentarios