Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O BNG estuda solicitar a intervención da Fiscalía ante a venda anunciada das centrais do Xallas

O BNG estuda solicitar a intervención da Fiscalía ante a venda anunciada das centrais do Xallas
bng-ferroatlantica A portavoz do BNG - Ana Pontón - reuniuse cun nutrido grupo de representantes dos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica Co anuncio da venda ilegal das centrais do Xallas enriba da mesa, a portavoz do BNG - Ana Pontón - anunciou onte que o Bloque baralla pedir a intervención da Fiscalía ante a pretensión de Ferroatlántica, - mesmo comunicada á CNMV- de proceder á venda das centrais hidroeléctricas do Xallas, e advirte que se o goberno da Xunta insiste en ignorar esta pretensión ilegal pode incorrer en prevaricación. “Feijóo, tan locuaz noutros temas, garda mutismo cando están en xogo centos de empregos na Costa da Morte en lugar de explicarlle a Ferroatlántica que non se van vender as minicentrais do Xallas. É moi mal sinal. Alármame que Villar Mir diga publicamente que vai facer algo que é ilegal, como di unha sentenza xudicial, e aquí non pase nada”, explicou Pontón na súa visita á central instalada no Ézaro onde mantivo un encontro cunha nutrida representación dos e das traballadoras. “Ao mellor imos ter que pedirlle á Fiscalía que investigue e dicirlle ao PP que se mira para outro lado e non toma cartas no asunto podería incorrer en prevaricación”, salientou a dirixente do BNG. Pontón puxo como último exemplo dese silencio o feito de que onte mesmo o PP vetara no Parlamento a proposta do BNG de aprobar un pronunciamento unánime da Cámara en contra da segregación e venda das centrais, “dando un paso atrás e demostrando a súa falta de compromiso co emprego na Costa da Morte”. Postos de traballo en risco Na visita a Dumbría deixou claro que o BNG “vai remover Roma con Santiago” para evitar a venda, “auténtica espada de Damocles sobre o futuro da comarca da Costa da Morte, porque todos e todas sabemos que se venden as minicentrais quedan en risco centos de traballo, por iso pedimos firmeza ante ao que sería unha ilegalidade”, explicou. A dirixente nacionalista tamén advirte sobre a impunidade na que parece instalada a empresa: “Villar Mir xa se sacou a careta, porque ademais de anunciar a venda di con claridade que é para facer caixa para o seu grupo, e non estamos dispostos a que se especule cun ben público e que un empresario madrileño faga negocio a costa dun recurso deste país, parécenos intolerable e impresentable”, alegou. Pontón anunciou que o BNG volverá levar o asunto ao próximo pleno xa que o considera un tema clave para toda unha comarca “e queremos escoitar a opinión de Feijóo sobre a intención de Villar Mir de especular cun ben público deste país”, concluíu.  

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios