Venres. 29.03.2024
El tiempo

O bolo do pote de Mazaricos traspasa a fronteira a idade

O bolo do pote de Mazaricos traspasa a fronteira a idade
Os alumnos do Obradoiro recibindo aos nenos

Traspasa fronteiras de idade a gastronomía costeira, e así o demostrou a última actividade do Obradoiro de Emprego “Proturismo2017”, que se desenvolve entre os Concellos de Dumbría, Mazaricos e Santa Comba. O alumnado da especialidade de Promoción turística local e información ao visitante levou a cabo a actividade de promoción “O bolo miúdo”, unha xornada turístico-educativa dirixida aos máis pequenos da vila.

Coa colaboración da Asociación Amas de Casa de Mazaricos e do Concello, a aula gastronómica mazaricá acolleu esta singular cita que ten como obxectivo principal a posta en valor do bolo do pote entre a poboación local e da contorna. Nesta ocasión o público destinatario foron os máis pequenos do municipio, contando coa asistencia dos colexios de San Cosme, Pino de Val e A Picota, que puideron elaborar da man das mulleres da Asociación Amas de Casa este produto gastronómico propio da cociña tradicional galega, amais de coñecer os ingredientes que o compoñen.

Nenos de Mazaricos amasando o Bolo do Pote Nenos de Mazaricos amasando o Bolo do Pote

A través dunha obra de teatro e varias actividades educativas, os nenos coñeceron dende a historia até o procedemento de elaboración do bolo do pote, e a importancia de conservar e dar a coñecer os produtos propios da súa zona. A xornada “O bolo miúdo” tivo unha duración de tres horas e foi deseñada integramente polo alumnado do Obradoiro.

Agora, xa todos desexan que chegue a fin de semana do 3 e 4 de marzo cando se celebre a singular festa gastronómica do Bolo do Pote, que alcanza a súa XX edición.

Novas do Bolo do Pote

Novas do Obradoiro

Fonte

Comentarios