Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O cinismo dos macrigaitas

O cinismo dos macrigaitas

Estou farto de ver a coñecidos meus facendo pantasmadas na esquina do Centro Galego de Bos Aires. Hai máis de 40 anos que fago seguimento das actividades no outrora máis importante fogar emigrado do mundo e sei algo das causas que o afundiron na actual crise. Chega un momento en que non queres escoitar máis insensateces e mentiras. Dóeme que os actuais dirixentes sexan uns fracasados, non por eles senón polos devanceiros. Que estará a pensar o bo de Álvaro Campos? Quen será de consolar ao moi xeneroso doutor Pérez Prado? Se afinamos o oído escoitamos os berros do loitador de Meira e tamén os razoamentos do nobre fillo dos Peares.

Hai que deixarse de enredos e sinalar aos culpables de que o Centro Galego estea asulagado. Non hai que ir moito atrás para detectar cando o veleno entrou no corpo da maioría dos dirixentes. Foi exactamente o día en tres das agrupacións históricas lle quitan o apoio ao presidente Vello Pombo. Os perdedores das eleccións poñen por diante o seu interese persoal. Son os que non sinten amor pola entidade se non a preside o seu candidato. Son os que eu chamo “macrigaitas”. Este grupo de votantes macristas de orixe galega falaban contra Cristina en todas as reunións que lles cadraba asistir. O seu admirado líder era Macri, daquela xefe de goberno da cidade de Bos Aires.

Coido que para definir o perfil dos macrigaitas o mellor é botar man da escritora Sandra Russo que pon o dedo acusador enriba da clase media. É ben sabido que os nosos macrigaitas din sempre pertencer a clase media máis alta. Non hai que ser moi espelido para determinar que o voto deste sector social foi decisivo na victoria electoral de don Mauricio. Para Sandra Russo “una tara genética de la clase media yace en su propio imaginario que habría que rastrear en la asombrosa capacidad de negación de esos abuelos inmigrantes que quemaron las naves. La clase media se ve más bella de lo que es. Se ve más flaca. Se ve más rubia y más europea de lo que es. Se ve más educada. En ese imaginario tarado que en mayor o menor medida todos llevamos incorporado, la clase media siempre ha creído ver su destino atado al de los de arriba y siempre ha despreciado a los de abajo”.

Estes macrigaitas vivían moi ben con Cristina. Todos teñen dúas ou máis propiedades inmobiliarias e miles de dólares aforrados no banco. Os perceptores dunha pensión non contributiva non a necesitan para vivir e por iso é que ía enteira para mercar dólares. A gran queixa era que cobraban en pesos arxentinos. Dicían que Cristina os roubaba. O dólar estaba a 10 pesos. Cada mes mercaban uns 300 dólares. Non era abondo. Agora, no mellor dos casos, mercan 100 xa que ademais baixaron moito os ingresos dos fillos e netos. Estes mesmos son os que nunca intentaron buscar axuda do goberno da cidade e tampouco logo no goberno nacional. Eran críticos implacables contra quen lles enchía a grella de chourizos a 34 pesos o quilo. Agora non abren a boca co quilo a 122 pesos. Tampouco se queixan de que o quilo de patacas pasase de 7 a 24 pesos.

Son unha xentiña moi curiosa ou máis ben cínicos totais. O actual interventor do Centro Galego é unha persoa que cumpre as ordes do goberno que non son outras que pechar a mutualista dos galegos. Non pasa nada. Tranquilos. O interventor está a negociar cunha empresa propiedade do máis forte fondo voitre do mundo, Blackrock. Hai que entender que se votaron a Macri, está todo dito. Cando escolles a un contrabandista é porque perdeste o respecto a ti mesmo. Así e que onde os socios honrados ven unha estafa ti ves un esforzado interventor o redor dos “ñoquis” con altos salarios. Un triste final para o moi nobre Centro Galego. Os nosos descendentes perderon as raíces. Cambiaron o rego na solidariedade por un lugar no grupo dos que se axeonllan diante do altar da ignominia. Sei que sodes moi desgraciados e non tedes a valentía de pedirlle perdón aos devanceiros. Por favor, non deades máis vergonza. Ide para a casiña. Acendede unha veliña para que don Mauricio chegue ao remate do seu noxento período de depredación e poida logo ser xulgado pola morea de delictos cometidos. Lembrade o dito de que torres máis altas caeron.

 
  • Manuel Suárez Suárez.
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios