Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Comité de Ferroatlántica retoma as mobilizacións

O Comité de Ferroatlántica retoma as mobilizacións
Concentracion-fbarica-de-Brens Numeroso público asistiu ás mobilizacións convocadas polo Comité de Empresa o pasado decembro. Imaxe: Rafa Quintáns Concentracion Ferroatlantica Mañá vernes, a partir das 18:30 horas, o Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas convoca unha nova concentración diante da fábrica de Brens. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións acordado polas asembleas de traballadores e traballadoras ante a insistencia da empresa en vender as centrais hidroeléctricas, confirmadas pola reaparición na prensa de novas arredor de posíbeis fondos de investimentos interesados na adquisición das plantas de produción de enerxía. "Resulta rechamante que o Grupo Villar Mir ligue a capacidade de inversións nas plantas de Cee e Dumbría e a posta en marcha de novos proxectos á obtención de beneficios mediante a venda das centrais, cando de xeito simultáneo ten capacidade económica para poder levar adiante o proxecto de construción da Quinta Torre no Paseo da Castellana de Madrid, cuns custes estimados superiores aos 300 millóns de euros", indican dende o comité da empresa. Os traballadores e traballadoras de Ferroatlánica asegura que "segundo os datos achegados pola empresa na última reunión co Comité -celebrada o 21 de decembro", a venda das centrais hidroeléctricas podería reportar ao Grupo Ferroatlántica centos de millóns de euros de beneficios. Neste sentido, o paquete de inversións que formula nese suposto plan industrial para o período 2017-2021 so chega aos 55 millóns de euros, a repartir neses 5 anos. "A desproporción entre os millonarios beneficios estimados pola empresa e as inversións anunciadas resulta obvia. Por iso, hai que se preguntar cales son os verdadeiros proxectos que pretende financiar o Grupo Villar Mir con esta operación especulativa e ilegal, por canto a empresa quere saltar a vinculación de actividades establecida na concesión administrativa para a explotación dos recursos hidráulicos", sinalan dende o comité de traballadores. Diálogo social Por outra banda, a representación social lamenta que Ferroatlántica continúe coa campaña de intoxicación mediática, facendo gala dunhas negociacións con comités e centrais sindicais en relación ao falso e ilegal plan industrial que, cando menos, no caso do comité das fábricas e centrais da Costa da Morte non é posíbel. A parte social defende todo o diálogo que sexa necesario para negociar un verdadeiro plan industrial para Cee e Dumbría, pero este ten que descansar sobre unha base previa clara e inequívoca: que a empresa respecta o actual marco legal e, polo tanto, desiste da venda das centrais e asume a non segregación das actividades. Desfacerse das plantas hidroeléctricas significa descapitalizar e desmantelar os activos da empresa e na práctica facer deste plan industrial un verdadeiro plan de reconversión e desmantelamento das factorías. O financiamento para os novos proxectos industriais ten que acadarse sobre un plan plurianual asentado nas obrigadas reinversións en todas as actividades que o grupo explota no noso país e, polo tanto, sobre a non venda e segregación de actividades.

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios