Xoves. 28.03.2024
El tiempo

"Dombate non é un centro comercial"

"Dombate non é un centro comercial"
Actividades no Dolmen de Dombate Imaxe de diversas actividades no Dolmen de Dombate

Este 31 de decembro rematou a concesión da xestión do Dolmen de Dombate ao Concello de Cabana. A Deputación asume o mando do Museo cabanés, e contra das habituais políticas de municipalizar os bens patrimoniais despois dun ano no que se contabilizaron 30.000 visitantes.

A nova está xerando moita espectación por Bergantiños e xa resoan os rumores de que o Domlen vai botar o peche. Falamos con Xesús Soto, Deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento polo BNG, para ver como se presenta o asunto, dous días antes dunha importante reunión co alcalde de Cabana.

  • QPC: Por que toman a decisión de asumir a xestión do dolmen e non renovar a concesión ao Concello de Cabana

Xesús Soto: Tomamos a decisión de asumir a xestión do Dolmen de Dombate porque hai unha serie de informes internos de Patrimonio e Arquitectura que non aconsellaban a renovación do convenio tal e como se estaban realizando as actividades. Hai cousas nas formas, sempre baseándonos nos informes técnicos, que se están levando a cabo, que non se estaban facendo conforme á necesidade de coidar o patrimonio. Preservar os valores patrimoniais é o principal, máis que xuntar 5.000 persoas. Isto non é un centro comercial nin un estadio de fútbol, ten que ser un centro de recepción de visitantes de outro tipo, porque as aglomeracións excesivas poden ser agresivads co propio dolmen.

Non digo que a xestión é mala pero merece ser mellorable. En todo caso, imos falar co concello de Cabana sobre estas cousas e mesmo se pode prantexar a renovación do Convenio. Polo de pronto estamos explorando diversas fórmulas de xestión para que no curto o prazo se volvan facer actividades de divulgación cunha xestión un pouco mellor.

Cómpre lembrar que é o centro megalítico máis importante de Galicia, e mira que temos 4.000 ou 5.000. Polo que entendemos que temos que darlle prioridade, dende o punto de vista da preservación e tamén dende unha visión orzamentaria.

 
  • QPC: Pero o Dolmen vai pechar as súas portas?

Nin moito menos. Segue habendo vixilancia, polo que o museo segue estando aberto a todos os visitantes. O tema non está nin moito menos abandonado. De feito, o pasado mes de decembro entraron 3 bolseiras, tituladas na Escola de Belas Artes de Pontevedra para facer prácticas de control nos centros patrioniais da Deputación, con especial atención ao Centro de Dombate. Estas persoas xa están traballando, por exemplo na estación microclomática, coidando de que o dolmen estea a unhas condicións térmicas e de humidade axeitadas.

 
  • QPC: A xestión vai ser directa ou a través dunha externalización de servizos?

Estámolo estudiando dende todos os puntos de vista, e temos varias vías que se poden barallar. A xestión directa, ou tamén contratar unha empresa especializada. E tamén barallamos a opción de renovar o convenio pero establecemento uns condicionantes, sempre en prol da mellor posta en valor do dolmen e de preservar os elementos escultóricos e de todo tipo do centro.

 
  • QPC: Que prazos se seguirán agora?

Polo de pronto, vai haber un par de contratos menores de obras, que aconsellaban ter certa tranquilidade, En todo caso, realízanse pola semana así que non van ter maior incidencia. De tódolos xeitos, esperamos ter todo en marcha neste primeiro trimestre. Estamos ademais estudando as liñas básicas para as actividades a desenvolver.

 
  • QPC: Vaise contar con Ángel Eiroa, veciño da zona, actual guía e gran valedor do patrimonio cabanés?

Pois por agora non se sabe. É persoal do Concello e supoño que volverá ao seu posto anterior.

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios