Venres. 19.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
14:38
07/11/17

O Esquema Nacional de Seguridade

O Esquema Nacional de Seguridade

O intercambio de información entre cidadáns, empresas e entidades locais, utilizando medios electrónicos, constitúe unha práctica estendida que tende a xeneralizarse. Por esa circunstancia, é preciso establecer mecanismos que preserven a seguridade dos sistemas informáticos fronte a todo tipo de ciberamenazas.

Pois ben, con ese obxectivo creouse o Esquema Nacional de Seguridade (ENS), que pretende proporcionar confianza no uso de medios electrónicos. Está constituído por uns principios básicos (seguridade integral, xestión de riscos, liñas de defensa, etc.) e requisitos mínimos (xestión de persoal, autorización e control de accesos, protección das instalacións, etc.), capaces de salvagardar a información dos entes públicos nas súas actuacións electrónicas.

Sen embargo, o grao de implantación na Administración municipal, a pesar de que todos os concellos deberían ter os seus sistemas adecuados ao ENS con anterioridade ao 5 de novembro deste ano, é practicamente inexistente. Razóns de tipo económico, de escaseza de medios materiais e recursos humanos, de falta de concienciación da súa necesidade, entre outros, conforman algúns dos principais obstáculos da súa aplicación práctica.

Con todo, ninguén cuestiona a súa utilidade e, precisamente por iso, entendemos que os nosos concellos deben adecuarse con urxencia a este Esquema. E non só para respectar o disposto legal e regulamentariamente –que tamén–, senón porque, do contrario, a entidade non pode garantir o acceso, dispoñibilidade, autenticidade, integridade, confidencialidade e trazabilidade da información contida nos seus sistemas de información. E iso, obviamente, non se pode consentir.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios