Xoves. 18.04.2024
El tiempo

O libro Mar de Paixón nace percorrendo ducias de anécdotas sobre a historia do Fútbol da Costa

O libro Mar de Paixón nace percorrendo ducias de anécdotas sobre a historia do Fútbol da Costa
Mar de Paixon-O Futbol na Costa da Morte

Xa está aquí o libro "Mar de Paixón. O fútbol na Costa da Morte". Xa fumos coñecéndoo cos artigos de Héctor Pose e en breve, o propio Pose e Luís E. Porto farán a presentación oficial do libro. A cita será este vindeiro venres 6 de decembro ás 18:00h na Taberna O RIbeiro de Corcubión.
No transcurso da mesma, moderada polo xornalista de Radio Coruña-Cadena SER, Fran Hermida, estarán os autores así como figuras senlleiras do fútbol da Costa (Sieso, Manín, Manolín, Lois, José O Negro...) para manter unha conversa amigable entre os presentes.
A segunda cita será o sábado 7 de cembro ás 18:30h na Libraría Brañas de Carballo, e aquí será o xornalista Ferreiro o moderador e estarán ao seu carón míticos como Antonio Periscal, José Antonio Moreira, Óscar Suárez, Francisco Pallas...

Oito prologuistas fixeron a súa colaboración escrita, cada quen desde a súa ciencia, son José Antonio Caride, Ramón Villares, Vítor Vaqueiro, Manuel P. Rúa, Marcos Lorenzo, Fran Hermida e María Lado ou un dos máximos protagonistas das competicións que narramos, Manolín Oliveira. Se algo encerra o libro-álbum “Mar de paixón. O fútbol na Costa da Morte” entre as súas moi ilustradas 240 páxinas, é paixón e mar salgado. De San Román de Cabovilaño e Caión (A Laracha) ata Portosín e Noia; de Malpica a Negreira e terras de Soneira, 69 equipos en 23 concellos, conforman o mapa futbolístico trazado no volume.

Un xeito de amplificar o labor social de tales entidades federadas, nomeadamente nos anos en que a oferta cultural e deportiva era pírrica, é recreándose no relatorio dos seus verdadeiros protagonistas. Directivos imprescindibles; adestradores con ou sen título; xogadores que naceron e abandonaron o fútbol no mesmo club sen cobrar; socios e seareiros no imaxinario popular; utilleiros en nómina ou nenos do botiquín; árbitros que encarrexaban ou xustos. E xogadores que pola súa valía técnica, goleadora ou humana, deixaron pegada: Tonié, Chencho, Chicho, Calo, Xelucho, Tonecho, Periscal, Pallas, Moreira, Miculita, Manín, Dominguiños, Camuel, Cobiñas, Geno, Sindo, Giance, Mino… Tamén as camadas máis recentes: Huelvis, Juan da Marinera, Esmorís, Alejandro, Martín, Óscar Suárez, Suso Moreno, Repi, Emi…Ou dobremente se eran irmáns: os Casal, Collazo, Gundín, Puskas, Calabanda, Varela, Froxán, os Tinolo...

Tamén hai estatística co historial das tempadas e de cada club recóllese en 115 táboas, así como os máximos goleadores. Todo salpicado de referencias ás singularidades dos vizosos patrimonios que definen este territorio. Paisaxe, toponimia, areais, faros ou romarías. Máis de medio cento de capas de libros darán pistas ao lector se quere afondar no coñecemento da Costa da Morte.

Aparecen reseñados cerca de trinta fotógrafos, auténticos notarios do acontecer local: Vidal, Caamaño, Esteirán, Tajes, Fuentes, Andrés, Alonso, Pombo, Gervasio Varela, José Manuel Casal, Lema…Vinte e nove artistas ligados natural ou creativamente á Costa da Morte, cederon obra para acrecentar a valía estética do libro: Xulio Valcárcel, Vari Caramés, Manuel Sendón, Nacho Porto, Juan Louro, Antonio Nodar, Felipe-Senén, Fran Herbello, Inma Doval, Estevo Creus, Xacobe Meléndrez, Enrique Lista, Alberto Rodríguez, Peter Scheneider, Francesch, Nolo Suárez, Laureano Vidal, Peter Kramer, etc.

Artigos do Mar de Paixón

Fonte

Comentarios