Martes. 16.04.2024
El tiempo
Miro Villar
12:24
03/01/19

O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema

O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema
Perfecto López a carón de Otero Pedrayo mentres escoitan a Suárez Picallo, 1959 Perfecto López a carón de Otero Pedrayo mentres escoitan a Suárez Picallo (1959)

No ronsel do imprescindible O soño da Galiza ideal. Estudos sobre exiliados e emigrantes galegos (2016), da autoría de Xosé Manuel Núñez Seixas, a colección «Memoria» de Galaxia publica a biografía dunha desas persoas emigradas de orixe humilde e que fixo fortuna na Arxentina, o vimiancés Perfecto López (1904-1970), alcumado O Tato da Valiña.

A rigorosa investigación do filólogo Xosé María Rei Lema, agrandada polo afecto de quen comparte veciñanza, descobre o labor pouco coñecido e valorado dun deses homes, como Rodolfo Prada, que contribuíron co seu mecenado a moitas iniciativas literarias, socio-culturais e políticas do galeguismo como demostración do amor á Terra.

Un extracto das anotacións sobre Perfecto López proferidas por Otero Pedrayo, a escritora inglesa Nina Epton, Alonso Ríos, Suárez Picallo e Valentín Fernández abren esta obra e sintetizan moi ben o seu perfil biográfico, pois revelan a súa orixe aldeá ("hombre rudo" di Otero) e como chegaría a se converter nun dos "bos e xenerosos" pola súa entrega persoal e económica á causa galeguista.

Dous paratextos, o Prólogo asinado polo alcalde nacionalista de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, que saúda o interese da investigación e salienta que desde o respecto pola singularidade local tamén se pode ser universal, e a Introdución do propio Rei Lema na que xustifica a razón do estudo e agradece as achegas á súa investigación, anteceden aos sete capítulos de desigual extensión que se completan coa extensa Bibliografía e un ben interesante Apéndice gráfico.

«Os primeiros anos en Vimianzo (1904-1922» céntrase na documentación sobre a súa humilde orixe no lugar da Toxa, fillo natural da xornaleira Dolores López, traballo que tamén exerceu na súa mocidade Perfecto, así foi "recolledor de pinas" e nunha breve estadía na Coruña peón, carboeiro e ferreiro, ata que un veciño lle pagou a pasaxe para a Arxentina.

De maneira máis sucinta, Rei Lema relata «As viaxes a Buenos Aires e o seu asentamento (1922-1935)», desde os 18 anos e o seu primeiro traballo de ferreiro para a Municipalidade, logo de taxista coma moitos outros galegos e axiña nos negocios automobilísticos. En 1931 regresou brevemente a Galiza, porén fracasa a súa tentativa emprendedora e regresa á cidade riopratense onde vai chegar o éxito empresarial como concesionario das mellores marcas do sector do automóbil e anos despois tamén noutros ámbitos. De resultas dos resultados favorables Perfecto López principia a participar nas sociedades de emigrantes e en 1933 faise socio da Asociación Benéfica y Cultural (ABC) de Corcubión e do Centro Gallego.

Así vai chegar «O ascenso social e o achegamento ao galeguismo (1935-1943)» que coñecemos deseguida. Nese período a excepción virá dada polo golpe de estado franquista de 1936 xa que coñecidos seus como os irmáns Manuel e José Alborés Gándara (este alcalde republicano) sufriron as gadoupas da represión, Manuel "paseado" preto de Arzúa e José, fuxido 14 anos polos montes da Costa da Morte. A ABC de Corcubión, e Perfecto López en particular, foron leais á II República, e en 1937 crean a Agrupación del Partido de Corcubión de Ayuda al Frente Popular. Ferve a organización de actos de apoio e recadación de fondos, sempre con López coma o maior benefactor, pois a súa economía era xa ben folgada na altura.

Nesta época, alén de casar en 1938 coa vimiancesa Gloria Romero Sánchez e do nacemento do seu primeiro fillo Perfecto un ano despois, xa empeza a aparecer con diferentes cargos directivos societarios e xunto a outros galeguistas loitan, sen éxito, polo control do Centro Gallego, en mans conservadoras e filofascistas.

Porén, o momento máis importante prodúcese o 18 de xullo de 1940, cando Castelao e a súa muller Virxinia Pereira chegan a Buenos Aires a bordo do Arxentina. Constitúense dous grupos de galeguistas de Arxentina e Uruguai que se comprometen a soster a economía do matrimonio, coas achegas xenerosas de Manuel Puente, Rodolfo Prada e Perfecto López, entre moitos outros. Como ben é sabido, Castelao acrecentou o seu labor político e ideou a Irmandade Galega, continuadora do PG, e revitalizouse o voceiro A Nosa Terra. E o emigrante vimiancés sempre estivo aí e tivo moito a ver co feito de que a ABC de Corcubión fixese parte do proxecto.

«Anos de loita a carón de Castelao (1944-1950)» é, sen dúbida, o capítulo máis interesante e revelador, porque Perfecto López vai aparecer sempre nas actividades do rianxeiro: na homenaxe pola publicación do Sempre en Galiza; na creación do Consello de Galiza; nas homenaxes polo seu nomeamento como ministro do Goberno de Giral no exilio republicano, e tamén na correspondencia cando Castelao anda por París e non pode aceptar, como era adoito, o convite da ABC de Corcubión para participar na súa festa anual.

O capítulo remata coa importante e longa estadía de Perfecto López na Terra en 1949, porque se vai converter de aquí en diante na persoa que levou a "conexión" entre o Consello de Galiza e os galeguistas do interior, aínda que non resultase moi frutífera. E un breve epígrafe final desenvolve o misterio da terra galega que se levou para o soterramento de Castelao da que López foi portador, como tamén o foi da "Mensaxe da Terra" que se publicou en A Nosa Terra en xullo de 1950, de autoría colectiva mais con certeza redactada por Ramón Piñeiro, na altura xa o líder galeguista.

Dirixentes da colectividade galega portaron o cadaleito de Castelao, entre eles Perfecto López, na parte traseira coa gravata negra, xaneiro de 1950 Dirixentes da colectividade galega portaron o cadaleito de Castelao, entre eles Perfecto López, na parte traseira coa gravata negra, xaneiro de 1950

«Os anos cincuenta» testemuña a feraz actividade de Perfecto López nesa década, tanto desde a presidencia da ABC de Corcubión como na súa participación no Grupo "Nós", que presidía Manuel Puente e que constituía o sostén do Consello de Galiza. Mais este capítulo é fulcral á hora de recoller as importantes diferenzas entre o galeguismo do interior e do exilio, fragmentado tamén entre os herdeiros do Consello e o denominado "Grupo Tortoni", máis virado a posicionamentos esquerdistas, con Seoane, Cuadrado, Baltar, Blanco-Amor, Núñez Búa, Lorenzo Varela ou Valenzuela, entre outros.

Malia todo, o galeguismo do exilio contribúe en desigual maneira á fundación da Editorial Galaxia e máis unha vez Perfecto López estará entre os accionistas do proxecto. Por volta de 1953 nunha nova estadía por terras galegas contacta cos galeguistas de Galaxia, nomeadamente con Otero Pedrayo, pois unha das súas misións era levar para editar na Arxentina os mecanoscritos dos dous primeiros tomos da súa Historia de Galicia. Nese momento tamén coincidirá coa escritora Nina Epton, da que Rei Lema reproduce varios fragmentos alusivos a López do libro Grapes and Granite, do que existe versión galega desde 1993 da man de Antonio e Francisco Fernández del Riego, e que se converten na mellor descrición da súa personalidade.

A súa presenza na organización do I Congreso da Emigración Galega; na fundación da Editorial Citania, que editaría en Buenos Aires un amplo catálogo de importante obra galega, como A esmorga de Blanco-Amor; as súas novas viaxes de retorno que serven para dar testemuño das continuas desavinzas in crescendo entre os galeguistas do exilio e os que se refuxiaban na resistencia cultural no interior, ou a súa implicación na viaxe de Otero Pedrayo á cidade porteña son outros episodios fulxentes do seu compromiso.

«Os últimos anos» transcorren con vellas angueiras, como a súa presenza nun Consello de Galiza a cada vez máis feble, e outras novas como apoiar a revista Alén Mar da Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, dirixida polo seu fillo Perfecto nos tres últimos números. Creba a súa saúde e o seu pasamento ten enorme trascendencia na colectividade. En Vimianzo habería que agardar ata 2001 coa homenaxe que lle tributou a entidade Adiante Soneira. A maiores, Rei Lema engade un breve capítulo «A semente que agroma. Perfecto López Romero» sobre o labor do seu fillo.

Perfecto López, de escasa formación académica, non escribiu nada, agás un poema no que lembra a súa avoa analfabeta e algúns textos ou discursos que testemuñan o seu bulir no asociacionismo da emigración, mais o seu labor de mecenado faino digno de lembranza no noso sistema cultural e literario e Rei Lema artellou unha biografía de lectura áxil que nos permite recoñecer esa débeda.

Novas e artigos relacionadas

 

Comentarios