Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O Mercado Medieval de Corcubión non perde tirón

O Mercado Medieval de Corcubión non perde tirón

A vila de Corcubión estivo chea toda a fin de semana no Mercado Medieval Costa da Morte 2012

Non perde tirón este Mercado Medieval Costa da Morte de Corcubión. A cita costeira celebraba esta fin de semana a 12ª edición, e non nota esa febre medieval que invade Galicia e que fai que moitas destas feiras perdan interese. A vila de San Marcos engalanouse ata arriba, e non parou de recibir mareas de xente en toda a fin de semana. O tempo ademais axudou, e malia facer auténticos días de praia, apenas as horas máis pegadizas deixaban un descanso aos feirantes.
Ademais, o de Mercado Costa da Morte é por algo, e ao longo dos 3 días vimos pasar xentes de toda Fisterra, Cee, Carnota, Dumbría, Muxía, Camariñas...

Postos de artesanía de todo tipo (mesmo varios locais), postos variadísimos de comida, espectaculos de maxia, de malabares, de teatro, de lume, música medieval a todas horas (a de Jabardeus é verdadeiramente recomendable), procesións de ocas e cabalos, e mesmo de fachos, unha espeluznante exposición de aparellos de tortura, demostracións de cetrería, domadores de serpes, bailarinas da danza do ventre, un fauno divertidísmo, un xigante dragón...

Corcubión trasladouse por completo ao Medievo, da man, sobre todo, dos seus veciños, sempre dispostos a armar festa. I é que esta celebración segue a ser a que máis une a todo o pobo, malia que as diferencias nos últimos tempos non acaban de limarse de todo.

Defendendo Corcubión

Un exemplo sempre foi o Desembarco. A representación, este ano algo máis lenta que outros, do Desembarco das tropas do Arcebispo Rodrigo de Luna, trasladou a actividade do centro da vila á praia de Quenxe. Aló, un pequeno exército de soldados, cun escuadrón de irmandiños vimianceses que vertebran a bisbarra a través da festa (por certo, a organización quere agradecer a colaboración vimiancesa e avanzaron que o ano que vén tamén haberá participación corcubionesa no Asalto), intentaban derrotar ao pobo de Corcubión. En fronte, un pobo enteiro de campesiños (máis de 100 veciños e varias bravas irmandiñas tamén) defenderon a vila da man do seu heroe Gómez de Rioboo, morto en batalla tras derrotar ao malvado Capitán Caamaño. Como non, Corcubión vencía e os soldados marcharon por onde chegaron, por mar...

Veremos se os vindeiros anos volve ser o pobo de Corcubión o protagonista, como acontecera no 2010.


Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios