Venres. 29.03.2024
El tiempo

O PIB per cápita dos nosos concellos

O PIB per cápita dos nosos concellos

Cando hai dous anos o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou os anteriores datos do Produto Interior Bruto (PIB), comentábamos aquí que un PIB «elevado» non implica necesariamente maior calidade de vida dos veciños, senón que expresa maior actividade económica nese territorio.

O exemplo que ilustraba esa afirmación consistía no da venda de árbores para madeira, que efectivamente provoca un aumento do PIB pero, tamén, a perda do benestar que proporciona un frondoso bosque.

Clarificado o anterior, os datos que ofrece o IGE sobre o PIB per cápita dos nosos concellos preséntanse nesta táboa.

Taboa PIB per Capita ns Concellos da COsta da Morte

Ademais das cifras, o noso instituto estatístico oficial conclúe que os municipios galegos cun maior «PIB per cápita» presentan, cando menos, unha das seguintes características:

1. Son municipios cun tecido industrial consolidado, están próximos aos grandes núcleos de poboación e teñen acceso a vías de comunicación de alta capacidade.

2. Trátase de concellos nos que o emprazamento dun grupo empresarial elevou os niveis de actividade económica.

3. Son aqueles nos que se xera un valor engadido moi elevado pola explotación dun recurso natural mineiro ou enerxético.

En consecuencia, excepto Cee (22.553 €) e Dumbría (21.915 €), o resto dos nosos concellos –mentres non se mude a estrutura económica e produtiva–, continuarán por debaixo da media do PIB por habitante de Galicia (21.727 €). Porque apenas contamos con industria transformadora que aporte valor engadido; somos periféricos, distantes das principais cidades e carecemos de boas infraestruturas de transporte, enerxéticas e tecnolóxicas.

Comentarios