Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O PP de Muxía pide en pleno por en valor as pedras de Muxía e o seu entorno e a protección da Pedra D'Abalar

Pedra de Abalar
Pedra de Abalar
O PP de Muxía pide en pleno por en valor as pedras de Muxía e o seu entorno e a protección da Pedra D'Abalar

O Grupo Municipal do Partido Popular de Muxía presenta ó Pleno Municipal unha moción para a solicitude de axudas coa finalidade de por en valor as pedras de Muxía e o seu entorno e, deste xeito, protexer a Pedra D’Abalar.

Segundo explican nun comunicado, son conscientes da relevancia do turismo, pois “é xa un dos sectores máis importantes na economía do noso concello non só polos niveis nos que se atopa actualmente senon tamén porque todo fai indicar que será o sector que máis medre nos próximos anos e, polo tanto, que máis creación de emprego aporte á economía local”, indican.

Destacan que co “gran traballo” que están a desenvolver as asociacións turísticas e co tramo do Camiño Fisterra-Muxía, ademais da chegada do Parador, estase a poñer Muxía “cada vez máis no mapa turístico do mundo".

Por isto, dende o PP de Muxía reclaman que “dende a administración local debemos de ter un especial interese en coidar, conservar e potenciar, sempre dende o respecto ó medioambiente e a conservación do entorno, todo o que rodea ó noso santuario e cremos firmemente en que Muxía non pode permitirse por máis tempo ver situacións como a do anaco da Pedra D’abalar que rompeu sen protexer”.

Deste xeito, indican que “non podemos permitir por máis tempo que o anaco da Pedra D’abalar estea exposto a calqueira que queira levar un cacho e que debería de estar protexida” e propoñen como solución as liñas de axudas convocadas pola Xunta de Galicia para melloras de infraestructuras turísticas, para promoción e dinamización do Xacobeo 2021 e para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, xa que “poden ser un bo xeito de financiar estas actuacións sen gastar dos recursos propios do concello e porlle deste xeito solución a estas demandas”, explican.

Comentarios