Venres. 29.03.2024
El tiempo

“O sector náutico aínda ten moito que crecer na Costa da Morte”

“O sector náutico aínda ten moito que crecer na Costa da Morte”
Catamaran atracando no porto de Muxia Catamarán atracando no porto de Muxía Días de verán e días nos que comprobamos o potencia náutico da nosa bisbarra. Ducias de barcos (veleiros, iates, catamaráns…) fan paradas de tránsito nos nosos portos, nas nosas enseadas, convertindo o sector nunha boa fonte de ingresos para toda a bisbarra. Así o comproban en Corme, por exemplo, ese fondeadoiro natural onde paran centos de barcos e baixan a consumir a vila. Tamén o fan noutros portos, dotados de servizos útiles para o viaxeiro, como a Marina Muxía, o Club Náutico de Camariñas ou o porto deportivo de Muros. Son 4 dos puntos máis importantes da bisbarra, a pesar de que a Xunta só ofrezca datos dos seus portos autonómicos (Muros e Muxía) esquecendo o bo traballo de promoción do Club camariñán (tamén con Bandeira Azul como o muxián) ou a natural estampa cormelá. Barcos fondeados na enseada de Corme Barcos fondeados na enseada de Corme En todo caso, o marxe de mellora é altísimo, como recoñece Marcos Trillo, responsable da Escola de Vela Cataventos de Corcubión e da Marina Muxía. “Hai moito que medrar no sector náutico da Costa da Morte. Os portos suman, é bo ter unha infraestrutura en cada zona, porque se hai máis portos non quere dicir que haia que repartir o peixe entre todos, senón que se xenera máis peixe”, explica cunha clara visión de sinerxias. De feito, ten claro que moitos dos que chegan a Muxía fano despois de comprobar que en Camariñas non hai prazas xa para pernoctar. Ademais moita xente ve que a zona dá para disfrutar e fica un día, ou dous, en cada porto. En todo caso, para facer as rutas máis doadas, Trillo explicaba tamén na Radio Nordés, “sería bo a creación de novos portos na ría de Corme e Laxe e tamén na ría de Corcubión, por exemplo. De Coruña a Camariñas ou Muxía hai unhas 50 millas, e de Muxía a Muros 35. Son etapas longas, e se a xente puidera facer paradas intermedias en sitios como Corme ou Corcubión a xente podería facer rutas máis tranquilas. Un tío que fai 500 millas do tirón dende Gran Bretaña non ten problema, pero unha familia que vén dende A Coruña facendo unha pequena ruta, prefire facer etapas cortas”, explica. “Con 5 ou 6 prazas en cada porto sería un gran impulso”. En todo caso, non é doado a creación de novos pantaláns de servizos en ningunha das dúas rías. En Laxe xa saben o que é perder un pantalán no primeiro temporal, e por Corme avisan de que pasaría o mesmo. Habería que construír un dique de abrigo que custaría uns 2 millóns de euros e que realmente serviría para os 4-5 días de forte temporal que hai cada ano.

Grandes cifras

O Club Náutico de Camariñas O Club Náutico de Camariñas As cifras de paradas de tránsito son moi boas, e seguen medrando ano tras ano. En Camariñas por exemplo rexistraron 432 barcos oficiais dende o 1 de xaneiro, conseguindo un aumento nun 15% o número de embarcacións en relación ao ano pasado e converténdose no mellor destos últimos 5 anos. De feito, no mes de xullo foron 12-14 os iates que tiveron a diario, tendo moitos días cheo e con lista de espera ou mandando os barcos a Muxía ou a fondear a Lingunde (o pasado mércores había uns 15 barcos fondeados diante do areal camariñán). No porto deportivo Marina Muros apuntaron 354 barcos durante o primeiro semestre do 2018, mentres que na Marina Muxía, uns 226. Boas cifras comparadas con outros portos autonómicos. Porto deportivo Marina Muxia cheo Porto deportivo Marina Muxía cheo un día de verán

Como un hotel, fai falta unha boa oferta de servizos

A realidade é que non hai desmasiadas prazas nos nosos portos. Muxía ten 25 prazas dispoñibles para tránsitos e Camariñas ten algunha menos, pero rondan esas prazas, pois boa parte das 84 prazas dos seus pantaláns están ocupadas todo o ano. As prazas son como un hotel, hai que chamar pola radio (UHF) e preguntar se hai prazas para reservar esa noite. Por exemplo en Muxía pode custar arredor dos 20-30€ a noite. E da necesidade de servizos, Trillo valora que “é certo que cando fai bo tempo ninguén necesita servizos, pero cando hai mal tempo todo o mundo quere ter un amarre preto porque se sente inseguro para pasar a noite, porque ten que facer un arranxo”… Por iso servizos como gasoliñeira, varadoiro ou restaurante son positivos para atraer visitas.

”Estamos no medio da autopista do mar”

E cando falan do marxe de mellora, unha das claves é a situación estratéxica mundial da Costa da Morte. ”Cando saímos por aí ás feiras internacionais (Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, o Salón Náutico de París, o Southampton Boat Show...) bástanos con ensinar o mapa, porque se en terra estamos na esquina de Europa, nas rutas marítimas estamos no medio e medio da autopista que todo o mundo ten que usar. Se queren ir de Southamton ao Mediterráneo ten que pasar por aquí. Se alguén vai de Francia ao Caribe, ten que pasar por aquí, e dicímolo con coñecemento de causa por tivemos casos semellantes este ano”, explica Trillo.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/corme-o-fondeadoiro-natural-mais-movido-da-costa-da-morte/ https://quepasanacosta.gal/a-feira-nautica-de-camarinas-protagonizan-un-gran-crecemento-na-sua-segunda-edicion/ https://quepasanacosta.gal/de-muxia-a-muros-facendo-o-camino-por-mar/ https://quepasanacosta.gal/10-praias-2-sendeiros-e-2-portos-da-costa-da-morte-luciran-bandeira-azul-este-veran/ https://quepasanacosta.gal/o-porto-deportivo-de-muxia-presente-no-salon-nautico-de-la-rochelle/

Comentarios