Venres. 29.03.2024
El tiempo

Obxectivo: salvar o mazarico real

Obxectivo: salvar o mazarico real
Exemplar adulto de mazarico real-Foto-Jesus Dominguez Conde Exemplar adulto de mazarico real-Foto-Jesús Domínguez Conde O mazarico real (Numenius arquata) é unha ave nidificante da que tan só quedan catro parellas reprodutoras na Península Ibérica, na provincia de Lugo, o que a converte nunha das máis ameazadas, a piques da súa extinción tanto no territorio español como no galego. O grupo de investigación Biodiversidade Animal da USC desenvolverá este ano un novo proxecto que busca dar pulo á conservación desta especie, co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Durante a primavera, o grupo que coordina Jesús Domínguez Conde monitorizará a poboación reprodutora do mazarico real, ademais de caracterizar os seus parámetros reprodutivos. O equipo universitario leva dende o ano 2007 traballando no estudo desta ave e en 2014 xa colaborara coa Fundación Biodiversidade no desenvolvemento de medidas de conservación. As parellas reprodutoras están localizadas nos terreos adxacentes ao aeródromo de Rozas, na provincia de Lugo, propiedade do Ministerio de Defensa. Un dos obxectivos será avaliar o efecto que o peche con malla cinexética dos terreos do ministerio pode ter na produtividade da poboación do mazarico. Como explica no xornal da USC o coordinador da investigación Jesús Domínguez, “a supervivencia do mazarico real depende criticamente do mantemento da calidade do hábitat de reprodución e tamén da capacidade de recrutamento de novos individuos”. Na súa opinión, o peche con malla cinexética dos terreos do aeródromo podería ter un efecto positivo ao poder aumentar o recrutamento de efectivos por diminución da presión depredadora sobre os niños e por outras especies como o raposo ou o xabarín. Neste senso, a futura implantación no aeródromo do Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR), que promoven o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e a Xunta de Galicia, inclúe no seu convenio de creación fortes compromisos ambientais, entre eles, os relacionados precisamente coa conservación da poboación desta ave. O CIAR está orientado ao desenvolvemento de vehículos aéreos (UAVs) a través da ‘Civil UAVs Iniciative’ para, con posterioridade, dar resposta mediante novas investigacións en sistemas innovadores ás necesidades exclusivamente civís que demanda a administración (emerxencias, incendios, furtivismo, axuda humanitaria ou investigación atmosférica). Antecedentes O equipo de investigación da USC traballa na monitorización do mazarico real dende o ano 2007. Ademais, en 2014 e xunto coa Fundación Biodiversidade xa desenvolvera outro proxecto para a protección e recuperación desta ave, que ademais da súa implantación no concello de Castro de Rei tamén se localizaba en décadas pasadas na zona da antiga lagoa de Antela, na comarca de Xinzo de Limia. Hai dous anos, o equipo e Jesús Domínguez traballou no deseño e execución de medidas orientadas a reducir a perda de niños e a mortalidade de polos por acción de depredadores como o raposo. Ademais, daquela o equipo compostelán aplicou unha técnica de alimentación suplementaria para minimizar a probabilidade de ataques por aves de presa diurnas cara os polos non volandeiros.

Fonte

Comentarios