Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Olimpiada do IES Fernando Blanco debatiu sobre o control parental da vida virtual dos fill@s

Fran Hermida dirixiu a Gran final da Olimpiada do IES Fernando Blanco
Fran Hermida dirixiu a Gran final da Olimpiada do IES Fernando Blanco
A Olimpiada do IES Fernando Blanco debatiu sobre o control parental da vida virtual dos fill@s

Este venres 12 de abril tivo lugar a Gran final da VIII edición da Olimpíada cultural “O Saber ten Premio”, no salón de actos do IES Fernando Blanco onde estaba presente o alumnado, as súas familias, o profesorado e os patrocinadores que a fan posible.

Esta Gran final estivo conducida polo xornalista corcubionés Fran Hermida. A ela chegaron 3 equipos que se clasificaron despois dunhas duras semifinais previas. Avión azul, End Game e Te Boté foron os equipos finalistas. Unha gala que ademais contou con actuacións musicais e vídeos das actividades realizadas no curso, como un proxecto de filosofía sobre música e emocións, así como de actividades de parkour e acrosport.

Primeiro os tres equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre máis de 900 preguntas elaboradas por todo o profesorado do centro e de todas as materias e de todas as ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático. Nesta primeira parte resultaron clasificados os equipos Avión Azul e Te Boté.

A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema “Debe haber control parental sobre a vida virtual dos fillos e fillas?", na que os dous equipos clasificados defenderon posturas opostas. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro.

Outro dos equipos finalistas da Olimpiada do IES Fernando Blanco

Unha vez rematado o debate e calculada a media aritmética das dúas partes resultou gañador do 1º premio de 600 € o equipo Avión Azul (aquí enriba), composto por Carmelo Cambeiro Domínguez (1º ESO), Christian Vieites Iglesias (1º Bacharelato B), Adrián Rodríguez Priegue (1º Bacharelato C), Bruno Lariño Nieto (1º CM Mantemento electromecánico) e Rubén Sande Lado (1º CM Electromecánica de vehículos). Este premio foi entregado por Julio López da ES Bazarra.

Outro dos equipos da Olimpiada

O 2º premio, de 400 €, foi para Te Boté (aquí enriba), composto por Pedro Gallart Mancha (1º CM Xestión administrativa), Juan Bautista Marcote Pérez (1º CM Xestión administrativa), Sabela Castro Sar (2º Bacharelato C), Saulo Rey Domínguez (2º Bacharelato C) e Patricia Pérez Álvarez (2º ESO). Este premio foi patrocinado pola Ferretería Severo Roget Romero. Fixo entrega do premio Severo Roget.

Un dos equipos da Olimpiada o Saber Ten Premio do IES Fernando Blanco

O 3º clasificado foi End Game (aquí enriba), gañador dun premio de 400 €, estaba composto por Brais Velay Vázquez (1º Bacharelato B), Adriana Toba Casal (1º Bacharelato A), Samuel Caamaño Suárez (1º CM Electromecánica de vehículos), Juan Santiago Trillo Traba (2º CB Electricidade e electrónica) e Adrián Berbia Traba (1º CM Electromecánica de vehículos). Este premio patrocinado por Compucee Aplicaciones Informáticas Costa da Morte, SL foi entregado por Mónica Villaverde.

Unha edición que conta co patrocinio económico da Estación de Servizo Bazarra, Aplicaciones Informáticas Costa da Morte-Compucee e Ferretería Severo Roget.

Novas relacionadas

Comentarios