Sábado. 20.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
12:11
22/08/08

Onde vas Alfonso XIII?

Onde vas Alfonso XIII?
As verdades como puños de José Luis Louzán

Pasadas xa feiras e festexos un servidor retorna preguntándose por unha frase que nestes días escoitaba en innumerables ocasións. A oración resúmese en “iso sempre foi así”, ou tamén “e que iso é así de toda a vida”. As dúas frases saian a colación dun debate que mantiña en relación o mercado dominical de Cee e a súa conveniencia ou non en pleno século XXI.

É publico e notorio, e senón o era agora xa o vai ser, que eu considero un erro inescusable a celebración nas actuais circunstancias do mercado dominical en Cee tal e como se celebra actualmente. Ollo, con isto non quero dicir que considere que o mercado deba desaparecer, nin que deberían prohibilo e queimar en fogueiras os que nel participan nin nada de nada desto. O que eu penso é que as circunstancias que facían necesario, case vital, para a economía local e para o abastecemento de mercadorías na zona por aquel entón a existencia deste espazo agora parecen obsoletas e case cómicas dende a óptica de 2008.

Por si non o saben a razón “legal” que sustenta a apertura de todo o comercio da vila de Cee en Domingo mentres tódolos demais negocios do resto de vilas deben por obrigación permanecer pechados é un documento do 1928. Fagamos un pouquiño de historia ¿parécelles?

No ano 1909, en pleno movemento sindicalista na Europa recen chegada o século XX a España a gobernaba un Rei. Era Alfonso XIII, que chegara o goberno despois da rexencia da súa nai no ano 1902 e so con 16 anos. Aconsellado polos políticos da época decidiu abolir o traballo dominical e prohibir toda actividade. A decisión mostrouse inviable ben pronto basicamente porque, entre outras cousas, a xente quería comer o pan do día, tomar un grolo nunha tasca ou poñer flores os mortos (esto ultimo e moitas cousas mais so os ricos). A prohibición total polo tanto foi abolido e pouco despois foron moitos concellos que celebraban mercados en Domingo os que solicitaron o permiso real. Moitos obtivérono, moitos outros non, e Cee foi un dos que si. Claro que, para a época, cunha seria de claras mermas legais, que hoxe en dia nos fan rir.

Por poñer varios exemplos do ditado no BOE da época polo monarca para acceder a petición das autoridades locais de Cee naquel momento se cita en varias ocasións que, para confirmar a tradicionalidade do mercado se acepta como boa “la palabra de los mas viejos del lugar, que recuerdan que este mercado se celebra desde hace mucho”. Esta ben. Visto o visto vou reunir a varios maiores do contorno para que, previo pago, me afirmen como exento de pagar impostos. ¿Non colara non?

Mais. No mesmo escrito os comerciantes da vila na época afirman que “no existen dependientes en la localidad” (pois non eran tontos non), feito que evidentemente cambiou e que naquel momento podería ter motivado que non se concedese o permiso, ou que as feiras que se celebraban na localidade eran de tal importancia que a súa supresión “daría lugar a una emigración colectiva”. Paréceme isto ultimo esaxerado para época cando mais na actualidade.

Fora como fose finalmente o rei accede e sentencia que se fixe a duración do mercado e das feiras “ en las horas absolutamente precisas” e, atención , “ debiendo ademas adoptarse las medidas previstas para garantizar las compensaciones mínimas a los obreros y dependientes que hayan de trabajar en Domingo en virtud de la excepción hecha”. E dicir, pagar horas extras a aqueles que traballan en Domingo, e que non se cobraron nunca, xamais, na vida.

Esta é a base de un dese tipo de cousas “que sempre foron así”. A próxima semana abondaremos nesto de cousas que sempre foron así para falar de como sería o noso mundo si nos rexeramos sempre por este tipo de axiomas inamovibles.

  • José Luis Louzán.

Comentarios