Venres. 29.03.2024
El tiempo

Os inicios do cultivo do millo forraxeiro na Costa da Morte

Os inicios do cultivo do millo forraxeiro na Costa da Morte
millo-forraxeiro Descansando sobre o millo forraxeiro. Imaxe: Xurxo Lobato para a Gran Enciclopedia Galega. A canícula de agosto está a piques de rematar, como dicían os máis maiores do meu lughar; e o millo deixou de ser unha promesa para converterse nunha realidade. Aqueles miúdos e vulnerables gromos que apenas agochaban unha premonición, grazas á venturosa mestura das vivificadoras forzas do sol e da chuvia, erguéndose con prontitude do chan, trocaron en rexos mastros que despregan as súas suntuosas e arqueadas follaxes a tódolos rumbos da rosa dos ventos. Os tenros e amarelentos verdes doutros días xa foron substituídos por gradacións onde o azul foi gañando avantaxe, dando lugar a tonalidades dun profundo verdor que exercen o seu dominio sobre todo o que as rodea. Xa pasaron os tempos nos que os indecisos e inestables sensenos poxaban por saír. Agora coroan con penachos de gala, da cor do trigo maduro, a numerosa tropa que en perfecta formación se estende por tódalas agras. Os pés co seu erecto e barbeado casulo, anuncio de que a espiga cristaliza con axeitado tamaño e substanciosa densidade, semellan estatuas de Príapo, o Deus da fertilidade, erguidas con laboriosidade polos nosos labregos en substitución das que levantaban en pasadas Idades os gregos e os romanos. Tódolos sinais presaxian unha abondosa colleita: cumprida de corpo e graúda na espiga. Pronto comezarán as máquinas de ensilar a ronrronear polas leiras ata transformar o millo das dilatadas plantacións, despois dun adecuado almacenamento, nun dos compoñentes fundamentais da mantenza do gando ao longo de todo o ano. Mais hoxe imos deixar este millo forraxeiro que acughula os nosos predios, para retrotraernos no tempo e lembrar as primeiras experiencias que houbo nas zonas eminentemente agrarias e gandeiras da Costa da Morte co cultivo destas variedades híbridas; aínda que as de antes e as de agora alcanzaran e alcancen resultados moi diferentes. O paisano que protagoniza a fotografía que ilustra as palabras que me quedan por escribir, despois de apañar o millo, de carrexalo e de descargalo; sentouse unha folga antes de poñerse con outro traballo. A imaxe foi realizada nos anos setenta do século pasado polo prestixioso fotógrafo Xurxo Lobato para a Gran Enciclopedia Galega. Pero aínda que non souberamos a data da súa realización, coido que poderíamos adiviñalo polos datos figurativos que nos aporta. O labrego, en liñas xerais, é bastante atemporal, quizais o elemento máis característico da súa indumentaria sexa a gorra que leva na cabeza. Dende hai máis de trinta anos son moito máis correntes as viseiras, chapelas ou gorros procedentes das máis variadas casas comerciais. As boinas, agás algúns amantes das tradicións, son unha peza de museo. Pero hai outros dous detalles que, coido, o sitúan nun tempo moi concreto. Refírome ao millo que a modo de pano de fondo recorta nitidamente a figura humana que, coas pernas e o fouciño en escorzo, se proxecta en dirección ao espectador; dotando a imaxe de profundidade, de volume e de monumentalidade. O seu resultado final lémbranos obras do soado pintor mexicano Diego Rivera. O elemento que nos falta por subliñar é o fouciño. Apañar o millo con este trebello hai moito tempo que pasou á historia. Pero volvamos ao millo. Houbo un momento entre os últimos anos da década dos sesenta e os primeiros da dos oitenta do século pasado, no que se produciu nos nosos agros, dun cultivo xa clásico, unha variedade nova: o millo forraxeiro. Un período temporal que na historia da agricultura deste País foi coma un suspiro na vida dunha persoa; mais cando eses anos coinciden coa infancia e adolescencia deste que escribe ou de calquera outro, alcanzan un significado, unha transcendencia moito maiores. Despois das melloras xenéticas que realizara D. Cruz Gallástegui Unamuno na Misión Biolóxica de Pontevedra durante os anos vinte e trinta da pasada centuria; a introdución destas gramíneas supuña un pequeno cambio con relación ao manexo agrario e gandeiro anterior. Dicimos isto porque este era un millo moi especial. A semente, froito dalgún tipo de hibridación, había que mercala e, a diferenza do tradicional, púñase moi basto para aproveitar ao máximo o terreo. O resultado era unha planta cun pé bastante maior e máis carnoso que o do millo do País. Pola contra, con relación a este último, a súa espiga non se lograba axeitadamente, e quedaba cun tamaño insignificante. Hai testemuñas que coidan que sementándoo máis raro e esperándolle o seu tempo, tería unha boa espiga. Outros informantes defenden unha idea diferente: ás veces quedaban algúns pés illados ata ben avanzado setembro sen que o casulo dera mostras de melloría. A extensión de terreo destinada a esta especie era pequena, pois unicamente se cultivaba para completar a manutención do gando vacún durante o verán. Cando os herbais, debido á seca do estío, deixaban de producir forraxe suficiente para a alimentación das vacas; naqueles poucos anos botouse man desta nova produción. Acostumábase sementar nos terreos máis próximos á vivenda: na casa na que eu me criei tíñamos unha horta relativamente grande, sempre o botábamos nela para telo moi ao xeito. Como podemos apreciar pola foto, apañábase en verde; xa que as necesidades que viña cubrir non eran compatibles coa súa maduración. Maduración que non aportaría ningunha mellora, todo o contrario, perdería humidade e carnosidade. Entre os anos finais da década dos setenta e os primeiros oitenta a mecanización dos labores agrarios e gandeiros consolidouse definitivamente. Estas innovacións viñeron acompañadas dunha especialización das explotacións na produción de leite; o que derivou tamén en cambios no sistema de cultivos: introducíndose algún novo, outros foron abandonados, e uns poucos reducíronse á mínima expresión. A incorporación das pradarías artificiais supuxo que as terras que antes ocupaban cultivos coma o trigo, o centeo, as aveas, o alcacén, as nabizas ou as dúas variedades de millo, o tradicional e o forraxeiro, foran ocupadas en grande parte para a produción de herba. En moitos casos esta diversidade de cultivos foi desaparecendo; noutros, os menos, seguiron dedicando espazos cada vez máis pequenos ao trigo ou ao millo tradicional. A produción de trigo do País, noutros tempos tan importante na zona de Carballo, a día de hoxe é absolutamente residual. As patacas, as coles e as nabizas foron máis resistentes a todo tipo de cambios; dándose exemplos coma o de Coristanco, onde a raíña dos tubérculos non só se mantivo, senón que se incrementou considerablemente ata converterse nunha verdadeira especialidade da zona. Agás neste último caso, a supremacía absoluta das pradarías, non só ocupou o espazo reservado á labranza, senón que tamén se puxeron en cultivo importantes superficies de monte para ampliar a súa produción. Mediada a década dos oitenta o cultivo do millo de espiga, o tradicional, nas explotacións que o seguían producindo, era practicamente simbólico. A variedade forraxeira da que falamos anteriormente fora desaparecendo; só en contadas casas con labranzas escasas que non se apuntaron á especialización leiteira, seguiron, en grande parte, co sistema anterior ás innovacións que esta modernización xerou. Mais no ano 1993 a Comunidade Económica Europea puxo en marcha as subvencións para o cultivo de cereais. Dentro da familia das gramíneas a que se considerou máis produtiva e rendible foi o millo. Unha nova variedade de millo forraxeiro que producía colleitas onde, tanto o pé como a espiga, tiñan un desenvolvemento considerable que cubría axeitadamente as necesidades alimentarias do gando. A partir daquel momento as praderías empezaron a facerlle sitio ao millo. Chegando na actualidade a un perfecto sistema de rotación: onde boa parte da superficie a herba, durante o mes de maio é labrada para sementar este cereal e, coa recollida do mesmo en setembro, a herba recupera outra vez este espazo. E así volveu ás agras un cultivo que fora fundamental na Galicia litoral, prelitoral e nos grandes vales interiores dende a súa introdución no século XVI. Non é o mesmo millo, nin é a manutención humana a súa principal misión, pero aí está acomedando o gando deste País e nestes días, enchendo de esplendor os nosos campos.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios