Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os mapas de naufraxios de Pepe de Oleghario. Uns verdadeiros tesouros

Os mapas de naufraxios de Pepe de Oleghario. Uns verdadeiros tesouros

Pepe de Oleghario amosando os seus mapas de naufraxios a Rivadulla Corcon nun programa da TVG

Xa son míticos os mapas deste patrón. Establecimentos de media Costa da Morte tiveron a ben mercarlle un dos tesouros que o bo de "Pepe de Oleghario" fai a man. José López Redonda deixou o seu barco "Jordi" no porto de Sardiñeiro pero nunca deixou a mar, e agora é coñecido como o gran Rexistrador de naufraxios.

A súa sabedoría dos fondos mariños e da historia dos naufraxios en toda Galicia, e a súa destreza ca pluma, permítelle realizar estas xoias en forma de mapas. Son os mellores mapas de naufraxios que haia en Galicia, e sen embargo non forman parte de ningún museo, máis alá do Castelo de San Carlos onde o bo de Alexandre Nerium amosa con cariño estes tesouros aos visitantes. Mentres seguiremos esperando eternamente polo Museo subacuático da Costa da Morte que xa desboutou a Xunta, a pesar da infinita riqueza dos nosos fondos mariños.

Pepe de Oleghario ten recollidos máis de 1.000 naufraxios en toda Galicia, aproximadamente a metade na Costa da Morte. Precisamente foinos descubrindo a base de ler moito, pero sobre todo de ir á pesca. Os peixes sempre buscan acubillo nos pecios, e por iso, atopar un era unha riqueza, non só cultural, senón económica.

El, que sabe, pode transformar a súa experiencia e os seus descubrimentos en mapas, en datos. Non coma outros milleiros de mariñeiros que a pesar de saber tanto coma el levaron os seus coñecementos ao cadaleito. El quere deixar o seu legado, e o seu legado, aos seus máis de 70 anos, son estas alfaias marítimas.

Longa vida a este bravo mariñeiro.



Outro home de mar

Deixamos tamén este vídeo de Enrique da Fabriqueira, de Caldebarcos, que tamén sabe a mar:

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios