Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os pais e nais da Costa da Morte envían unha carta de preocupación ao Conselleiro ante os orzamentos de educación

Os pais e nais da Costa da Morte envían unha carta de preocupación ao Conselleiro ante os orzamentos de educación

Fala por si soa a carta que esta mañá lle entregaron os representantes da Federación de Anpas da Costa da Morte ao titular da consellaría de Cultura, Educación e OU da Xunta da Galicia.

É unha carta aberta ao conselleiro de Educación e OU da Xunta, amosando a gran preocupación dos pais e nais dos alumnos da bisbarra pola aprobación do orzamento da Xunta para o ano 2.013.

Carta aberta da FEDANPA da Costa da Morte ao Señor conselleiro de Cultura, Educación e OU:

A Federación de ANPAS da Costa da Morte están preocupados

Poñémonos en comunicación con vostede para amosarlle a nosa gran preocupación polos orzamentos restritivos en Educación que o Partido Popular vai aprobar no Parlamento Galego e que, con outras medidas políticas que leva a cabo o goberno que vostede representa, condenan ás nosas fillas e fillos, ao alumnado galego, a unha educación de baixa calidade.

Por se non lles chegase a redución realizada en anos anteriores, agora vostedes volven diminuír os orzamentos para Educación, esta vez en 150 millóns, pois pasan dos 2.256 millóns no ano pasado (2012) a 2.106 millóns para o ano 2013. Unha tallada considerábel que representa o 6.6% do total da partida orzamentaria.

Todas e todos sabemos que só través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e conseguir que as xeracións do futuro teñan boa formación académica, ademais de adquirir valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cadaquén, aplicando as medidas compensatorias necesarias para garantir a igualdade de oportunidades para acadar o obxectivo educativo.

En vez de tomar ese camiño, vostedes van en dirección contraria, xa que proseguen coas medidas emprendidas a partir do ano 2010 de desmantelamento do ensino público galego. É rechamante que os concertos educativos coas empresas de ensino privado reciban máis de 240 millóns de euros, que vén a ser o 12% do orzamento da Consellaría da que vostede é titular.

Debería ser delito que a consellaría agasalle con 49 millóns de euros o ensino privado non obrigatorio e incremente nun 5.8% os concertos educativos na FP, mentres hai miles de rapazas e rapaces que non poden matricularse no ciclo formativo desexado pola carencia de prazas no ensino público. Desde o goberno, e coa adopción das devanditas medidas antisociais, semella que pretenden adiantar os prazos de aplicación da LOMCE, poñendo a educación ao servizo das clases dominantes e do ensino privado concertado.

Señor conselleiro, os orzamentos que pretenden aprobar son tremendamente inxustos, masifican aínda máis as aulas, eliminan prazas de profesorado e PAS, obstaculiza a aprendizaxe, reduce a equidade do sistema educativo galego, limita o dereito á educación das nosas fillas e fillos, coarta o acceso aos estudos superiores do alumnado, colabora na segregación por xénero e dos socialmente desfavorecidos, ataca ao noso idioma, acrecenta o fracaso escolar e dificulta o futuro para o alumnado.

Casos para demostrar isto temos dabondo na Costa da Morte, máis do que calquera persoa con sentido común podería asumir: falta de profesorado, necesidades básicas en infraestructura, centros educativos con necesidades de reparación, infraestructuras educativas que incumpren as normas de seguridade, entre outras moitas eivas. Pero vostedes fan oídos xordos a todo isto e financian con diñeiro público a empresas privadas de ensino, duns poucos, mentres desmantelan o ensino público, de todas e todos.

Por outra banda, poñemos no seu coñecemento que na Federación de ANPAs da Costa da Morte estamos a promover un referendo para que as nais e pais expresen (co seu voto en urna) se queren reclamar, ou non, diante da consellería de Educación e Ordenación Universitaria para que esa consellería organice un sistema de reutilización dos libros de texto.As causas son evidentes: a necesidade de que os libros de texto da educación obrigatoria non sexan unha carga económica para as familias.

No actual curso estamos a ver a dura situación na que se atopan as familias debido a crise social e económica, o desemprego e as reducións salariais. As bolsas destinadas á axuda de compra de material son insuficientes para garantir que todo o alumnado estea provisto dos libros de texto e outro material necesario. Esas bolsas non abranguen a máis que o 60% do alumnado, malia a ter un custo equivalente ao modelo de préstamo do goberno bipartito que aseguraba a súa universalidade e gratuidade para todo o alumando do ensino obrigatorio. Por todo o anteriormente exposto, esta federación de anpas prégalles:

- que non aproben eses orzamentos, para o exercicio do ano 2013, tan restritivos que dificultan o funcionamento dos centros educativos e condenan unha parte importante do alumnado a unha educación deficitaria.

- Do mesmo xeito, solicitamos a modificación e incremento orzamentario das partidas económicas asignadas ao ensino, atendendo a criterios que entendan a educación como instrumento de mellora social e para conseguir que as xeracións do futuro teñan boa formación académica no ensino público. A educación non se pode converter nun sistema que perpetúe as desigualdades, grazas aos orzamentos que presentan na súa consellaría.

  • Asdo: Xosé Antón de la Fuente Subiela, Presidente da Federación de ANPAs dos Centros Públicos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da Costa da Morte.

Novas relacionadas

Fonte

  • FEDANPA.

Comentarios