Martes. 16.04.2024
El tiempo

Os traballadores de Ferroatlántica denuncian a campaña de mentiras que está a facer a empresa

Os traballadores de Ferroatlántica denuncian a campaña de mentiras que está a facer a empresa
Os representantes dos traballadores de Ferroatlántica reiteran que na reunión celebrada este mércores coa dirección de empresas se confirmou o que levan semanas denunciando: "que o plan da empresa leva á perda de emprego, ao desmantelamento e ao peche progresivo das fábricas de Cee e Dumbría. Un obxectivo que non ocultan nin a ofensiva mediática nin a chantaxe social que a empresa está a levar a cabo". Nunha nota de prensa remitida onte, os representantes dos traballadores denuncian que o plan industrial anunciado por Ferroatlántica non pode vincularse en ningún caso á venda dun dos seus principais activos: as centrais hidroeléctricas. Do mesmo xeito que non se pode segregar o futuro das fábricas de Cee e Dumbría da actividade de produción eléctrica, xa que, segundo indican, "a única garantía de emprego é a que vén determinada nas concesións das centrais hidroeléctricas en relación á viabiliadade das ferroaleacións". Para os traballadores, esta vinculación está establecida na concesión administrativa para a explotación dos recursos hidráulicos, que Ferroaltántica pretende saltar, buscando negociar un plan industrial que "é ilegal". Tal e como recordan, a empresa só ten unha concesión, non ten unha propiedade sobre os ríos e os seus aproveitamentos, que están suxeitos ao interese público. Xubilacións A este respecto, o comité denuncia a intoxicación da empresa cando ofrece incorporar traballadores e traballadoras novos ás fábricas a través da implantación dunha FP Dual. "A dirección xoga ao despiste mesturando os contratos relevos coa incorporación de persoal en prácticas, dúas modalidades laborais que non gardan ningún tipo de relación", sinalan dende o comité. "A empresa fala dun relevo ordenado nos procesos de xubilación ofrecendo datos falsos", din os representantes dos traballadores. Segundo explican, eses 34 traballadores e traballadoras de máis de 61 anos susceptíbeis de seren "relevados" na práctica xa están prexubilados cun contrato de relevo e co relevista traballando. Por outra parte, indican que non existe en FP a rama siderometalúrxica polo que ao seu parecer "é a Xunta quen ten que regular o sistema educativo e, en todo caso, tería que ser un instituto da comarca que imparta algún ciclo relacionado coa actividade desenvolvida nas fábricas- quen solicitara a FP-Dual e logo, a través do convenio de colaboración do que fala Ferroatlántica, enviara ao seu alumnado a facer as prácticas a Cee ou Dumbría". Ademais indican que existe unha bolsa de traballo de mais de cen traballadores cualificados que cubren vacacions, baixas,...o que garantiza o relevo xeracional. Beneficios Os representantes dos traballores critican que Pedro Larrea califique as centrais hidroeléctricas de"actividade non estratéxica", condición que si lle outorga á publicitada planta de carbón vexetal. Segundo indican dende o comité, Larrea cifra en nove millóns de euros o custe deste proxecto - que apenas xerará 20 empregos - e asegura nos medios de comunicación que se destinarán 23 millóns de euros para modernizar as fábricas da comarca. "Logo de 25 anos de abandono", sinalan dende o comité de empresa. "Entendemos que estas cantidades forman parte do paquete de inversións de 55 millóns de euros presentado ao Comité para o período 2017-2021" sinalan os traballadores. Segundo indican os traballadores, o grupo Villar Mir ten un plan; "pero non é un plan de futuro para a comarca nin pensado nos intereses da empresa en Galiza". Segundo explican, así se demostra nos últimos 25 anos, nos que o grupo "só se dedicou a enriquecerse a conta das centrais, mais sen reinvestir nin un só euro na modernización e ampliación das capacidades produtivas das fábricas". Plan de reconversión "O plan industrial prometido por Ferroatlántica, non é digno de tal nome, xa que non pode ser sobre a base de vender as centrais hidroeléctricas, que significa descapitalizar e desmantelar os activos da empresa e na práctica facer deste plan industrial unverdadeiro plan de reconversión e desmantelamento das fábricas" indican dende o comité de empresa.

Novas concentracións

concentracion Ao igual que acontecía o pasado venres 16, hoxe e o vindeiro día 30 hai convocadas sendas concentracións ás 18:30 horas diante da fábrica de Brens.

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios