Venres. 29.03.2024
El tiempo

Os traballadores de Ferroatlántica non cren á Dirección e anuncian a folga

Os traballadores de Ferroatlántica non cren á Dirección e anuncian a folga
Imaxe da Asemblea de Traballadores de Ferroatlantica do pasado venres-Foto-Rafa Quintans Imaxe da Asemblea de Traballadores de Ferroatlantica do pasado venres-Foto-Rafa Quintáns Despois da reunión mantida esta mañá entre o Comité de Empresa de Ferroatlántica e o representante chegado de Madrid, Pedro Larrea, os traballadores confirmaron a folga. A empresa confirmou a venda das centrais hidroeléctricas da península á canadiense Brookfield, a pesar de non ter falado aínda coa Xunta, que ten que aceptar unha venda que suporía a segreación das actividades de produción hidroeléctrica e de ferroaliaxes, en contra do sentido da concesión. Deste xeito, a empresa do Grupo Villar Mir quere chegar a un acordo cos traballadores, para presentarlle a venda á Xunta como un ben para a zona. Se ben é certo que si chegaron a un acordo en Santander e en Sabón (só coa metade do Comité), onde non interrumpe para nada a produción, a dirección non convenceu aos traballadores de Ferroatlántica, que non criu para nada o Plan Industrial presentado pola dirección. O Comité tamén se lembrou do silencio por parte da Xunta, e lembra que existe un compromiso por parte de Industria de convocar á representación do persoal no caso de existiren novidades nestes proceso.  "Que maior novidade pode haber que o anuncio público do acordo de venda?", inquiren.  "Co seu silencio a Xunta está actuando como cómplice da empresa e contra os intereses da comarca".  Por iso, reclaman do Goberno galego un pronunciamento contundente e claro de que non vai autorizar a segregación das actividades enerxéticas e de ferroaliaxes e polo tanto, non vai consentir na especulación cos recursos naturais de todos os galegos e galegas. Á folga  Así, antes do remate da reunión o Comité presentou a folga preacordada na asemblea da semana pasada, que provocará un día de paro durante o mes de marzo. Haberá unha reunión coa empresa para concertar os servizos mínimos. “Se non chegamos a un acordo, é certo que os servizos mínimos os impón a empresa, pero nós queremos parar todo canto poidamos”, recoñece o representante sindical Alfonso Mouzo. A folga, que xa foi rexistrada na Consellaría de Traballo, desenvolverase de 06:00 horas do venres 10 ás 06:00 horas do sábado 11 de marzo e afecta a todos os centros de traballo de Ferroatlántica na Costa da Morte (fábricas de Cee e Dumbría e centrais de Vimianzo e Dumbría). Así mesmo, o paro amplíase a toda a actividade auxiliar que depende de Ferroatlántica. Co gallo do paro de 24 horas tamén está previsto convocar unha manifestación  pola tarde, á chaman a participar a toda a cidadanía para amosar "o sentir unánime da comarca fronte ás pretensións do grupo empresarial". Previamente, o venres 24 de febreiro, haberá unha nova concentración ás 18:30 horas diante da factoría de Brens.  

Contas e plan industrial enganosas

Dende o Comité lamentan as contas presentadas pola dirección. Consideran que os 252 millóns de euros brutos da suposta venda a Brookfield (por certo, empresa que aínda non se puxo en contacto cos traballadores a pesar da carta enviada polo Comité), non son “unha oportunidade de negocio”, como quere vender a empresa, porque critican que “os datos que nos presentaron son irreais. Din que as centrais hidroeléctricas da zona dan 8 millóns de euros de beneficio e nós sabemos que dan entre 25 e 30 millóns, e así as contas cambian moito. Porque fan as contas como eles queren, xa que a xesións das centrais a leva outra empresa do Grupo, Grupo Villar Mir Enerxía, polo que os beneficios os contan segundo lles convén”, sinalan dende o Comité. Pedro Larrea insistíu en que non hai ningún escenario no que se poidan chegar a pechar as fábricas costeiras, e asegurou que o Plan Industrial aumentará nun 40% os postos de traballo, asegurándoos durante 7 anos. "Pedro Larrea volveu hoxe contarnos as bondades dun presunto plan industrial e o que leva é unha folga en marcha. Este comité non está disposto a negociar ningún proxecto industrial que se sustente na venda e segregación das centrais hidroeléctricas, rachando a legalidade vixente, e descapitalizando a empresa.  Terá toda a nosa disposición ao diálogo cando nos presente un proxecto financiado  a través dun plan plurianual de reinversións en todas as actividades que o grupo explota. Mentres isto non ocorra, seguiremos coas mobilizacións até onde faga falta", conclúen dende o Comité. Así mesmo, critican as promesas do chamado Plan Industrial. “Xa andan dicindo que van crear 100 postos de traballo novo, e non chegarían nin a 40. Falan do Forno 23, que xa é un debe que teñen dende hai tempo, e daría só 16 postos; falan dunha pranta de sintentizado de mineral de manganeso, unha pranta de prensado, que crearía só 8 postos; e falan dunha pranta de carbón vexetal, que sabemos que está creando 12 empregos. Son 40, e non 100 directos como andan dicindo”, apunta Mouzo. ”Non lle cremos nada, así que xa lles presentamos a folga”, sentenza. Outro paso dunha loita sindical que vai moito máis alá que uns cantos postos de traballo.  

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios