Venres. 19.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
20:56
16/10/09

Patrimonio do ¿Estado?

Patrimonio do ¿Estado?
As verdades como puños de José Luis Louzán

Leo con ollos ben grandes as novas sobre a declaración de bens feita molos membros do goberno, presidencia, vicepresidencia, ministros e secretarios de estado. Un listado asombroso do que extraio dúas claras conclusións. A primeira, que coma sospeitaba, nos gobernan millonarios. A segunda que parecemos tontos. As dúas teñen ampla explicación dende o terreo do sentido común.

Despois de ler a relación que o BOE publicaba esta maña (no limite do prazo legal para facelo publico, por certo), vexo que a ministra que menos posúe ten mais de seis millóns de pesetas dos de antes. Tratase da de Igualdade, recen chegada a carreira política, e quen non tivo tempo aínda de poñerse a “amasar” cantidades pavorosas de propiedades e cartos. Algo así fixo Rubalcaba, xuntando a nada desprezable cantidade de 1.113.546 euros ( mais de 185 millóns de pesetas das antigas). Un home que leva na primeira plana do escenario político mais de 20 anos ¿onde di que gañou todos eses cartos?... Ahh¡¡¡¡, unha herdanza. Vale.

Dos demais, vemos claros e poucos escuros, pero onde vemos débedas (que os ministros tamén lle piden cartos os bancos... so que a eles danllos) non debemos sufrir. Aínda que as súas señorías non percibisen nada como Ministros (que non é así) so coa súa acta de Parlamentario no Congreso embólsanse uns interesantes 5.000 euros de media o mes... mais que suficiente para acometer o pago das cotas da hipoteca ou do préstamo persoal. Sen problema.

Así que, coma quedou acreditado, son millonarios e multimillonarios os que rexen os nosos destinos. Persoas que erguen pola maña e soben, si así o desexan, a vehículos con chofer para ser trasladados a onde precisen, sen custo algún para os seus erarios. Unha vez neses edificios, exercen un “emprego” remunerado por todos para, a mediodía, acudir si lles parece a un restaurante de luxo onde poder comer coma gusten, sabendo que unha de cada cinco veces, e sempre si visitan o lugar por vez primeira, van ser convidados “No, no, bajo ningún concepto... que pensaría” diría o Ministro “No se preocupe Don Tal... faltaría mas”. Os mais íntegros acaban pagando... ou deixándose convidar por algún dos membros da mesa, normalmente subalternos de grandes contas bancarias ou “mercaderes” interesados no favor ou na prebenda. O final do día seguro que gastan, en roupa, en libros ou en tabaco... ¿e que?. O día a día dun veciño calquera tradúcese en tempo para chollar e tempo para gastar. Fin.

Así as cousas, queda claro o de que parecemos tontos. So un enorme fato de idiotas pode consentir unha clase política fora das clases. Un estilo de vida de luxo e oropel a ollos vista e en base a cargos públicos. Nada de vida monacal, nada de franciscanas costumes, lectura, repudio do agasallo... nada de nórdico comportamento, Ministros a pe mercando no Zara e ceando nunha taberna a carón dos plebeios “Es cuestión de seguridad”. Xa. Tratase de estar “seguros” de que nada vai cambiar para eles, incluso inmersos na mais dramática crise económica dos últimos 15 anos.

É intolerable que a dia de hoxe non se faga causa publica do feito de que alguén dedique a súa vida a labor política e se enriqueza coma si traballase na empresa privada. Non digo que teñan que durmir baixo unha ponte ou tapados con cartos e comer en albergues públicos... pero un algo de moderación, un pouco de estima polos administrados pasaría, por exemplo, por declarar a renuncia a todos cantos ingresos conleva o cargo si, por exemplo, un ten mais patrimonio que o que se vai dedicar a primeira fase da construción da autovía da Costa da Morte. É un exemplo nada máis.

Sexa coma fora o feito é que hoxe se publicaba o patrimonio dos membros do goberno... ¿para cando o patrimonio da oposición?. Digo nada mais para non levar sorpresas cando certo Rexistrador que practicamente non exerceu coma tal ensine o seu patrimonio multimillonario... levando mais de vinte anos dedicado tamén a labor política ¿que foi, moitos rexistros cando exerceu?. Xa...

  • José Luis Louzán.

Comentarios