Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O Pazo de Altamira de Corcubión nun plano de 1776

Montaxe historica de Corcubion
O Pazo de Altamira de Corcubión nun plano de 1776

Corcubión e os Altamira

O pazo dos condes de Altamira na vila de San Marcos era o centro de operacións da extensa XURISDICIÓN de Corcubión que se mantivo vixente dende o primeiro terzo do século XV ata 1833. As xurisdicións eran unhas unidades territoriais (continuas ou descontinuas), políticas, xudiciais e administrativas que se crearon no decorrer da Idade Media por doazóns reais a un señor determinado. Os primeiros grandes señores da Costa da Morte foron os  condes de Traba aos que pertenceu, con futuros cambios de dimensión  xeográfica, a daquela denominada xurisdición de Nemancos.

Despois de extinguida esta poderosa liñaxe pasou por moitas vicisitudes onde a forza máis  que o dereito de herdanza foi a que dominou este e outros territorios. Nos primeiros anos do século XV foron os Moscoso de Altamira os que implantaron o seu poder nas xurisdicións de Nemancos (Corcubión) e Altamira (Vimianzo). Con este poder o señor exercía unha autoridade que o habilitaba para gobernar no nome do Rei, para xulgar en primeira instancia, e para cobrar unha serie de impostos aparellados ao dominio do que gozaba.

O porto de Corcubión nunha postal de Hauser y Menet de arredor de 1910
O porto de Corcubión nunha postal de Hauser y Menet de arredor de 1910

Os condes de Altamira puxeron a capital da xurisdición en Corcubión. Xurisdición que tivo variacións territoriais durante a súa longa existencia, mais no ano 1753 estaba formada polas freguesías de Ameixenda, Bardullas, Brens, Caberta, Santa Comba de Carnota, Codesos, Corcubión, Dumbría, Ézaro, Frixe, Lariño, Lires, Morquintián, Olveira, Olveiroa, Pereiriña, Redonda, Refoxos, Salgueiros, Serres, Vuiturón, Toba e Touriñán. Para atender as cuestións antes citadas os Moscoso facían os seguintes nomeamentos: un XUÍZ ORDINARIO que era o que, por delegación do conde, ostentaba o seu poder na xurisdición gobernando todo o territorio ao seu cargo e xulgando todas as causas que puideran presentarse. Dous ESCRIBÁNS: un para as parroquias de Carnota, Lariño e Serres, e outro para as vinte restantes.

Para gobernar a vila de Corcubión designaba catro REXEDORES. Tamén puña un ALCAIDE DO CÁRCERE para atender a cadea da xurisdición que se atopaba na capital da mesma. Ademais deste espazo punitivo, a vila contaba no Campo do Rolo coa súa inescusable “picota”, o lugar no que se axustizaba ou se castigaba fisicamente os delitos, O símbolo más detestable do señorío dos Altamira. Isto puido ser así ata o 1480, ano no que se crea a Real Audiencia do Reino de Galicia, primeiro con sede en Santiago e despois na Coruña. Este alto tribunal, a fonte limpa, como dicían os vellos, estableceu unha serie de procedementos garantistas onde as moi xeneralizadas apelacións diminuíron o poder dos xulgados señoriais, e máis nos posibles casos de penas maiores. O rolo ou o rollo, como era coñecido popularmente, a partir da data indicada funcionaría como un recordatorio do inmenso poder do que aínda gozaba o señor. Á fronte de cada parroquia había un MORDOMO ou vigairo, de calquera das dúas maneiras era denominado; esta figura estaba nomeada polo xuíz ordinario da xurisdición. As súas atribucións eran escasas: levar e traer información entre a freguesía e o xuíz ordinario. Ademais destes cargos había os denominados PROCURADORES DO COMÚN que tiñan a encomenda de defender os intereses dos vasalos. Eran escollidos en votación polos veciños. Cada freguesía elixía o seu e, entre todas, nomeaban un PROCURADOR XERAL para a totalidade da xurisdición.

Xosé Isla de la Torre, ALCALDE MAIOR das posesións dos Moscoso en Galicia e Asturias con residencia no pazo que os condes tiñan en Santiago; elabora no ano 1724 un “Compendio del Estado de Altamira” no que, entre outras cousas, nos informa que os Moscoso cobraban na xurisdición de Corcubión 800 reais ao ano por unha longa serie de dereitos señoriais. Participaban nas sinecuras dalgunhas parroquias polo que percibían 670 reais. Polos froitos que recollían nos montes de Carnota e Olveira  pagábanlle os seus veciños 300 reais. Aínda que o capítulo de ingresos máis importante era o que lle facilitaban os bens raíces, rústicos ou urbanos, que tiñan aforados. Posuían en Corcubión 56 casas e outras propiedades, e por toda a xurisdición 61 lugares e parte de outros. Por todas estas posesións  recibían cada ano 2.700 ferrados de trigo, 306 de centeo, 154 cuartillos de manteiga, 65 galiñas, 2 carneiros, 1.119 reais e 31 marabedís. Esta non era máis que unha parte das inxentes rendas que tiñan en Galicia. No resto do territorio hispánico tamén contaban con numerosos bens froito dunha prolongada e venturosa política de enlaces matrimoniais coas castes máis poderosas da alta nobreza.

Nesta postal de Lacoste de arredor de 1910 podemos ver varias casas do pincho no que hoxe é a rúa de Rafael Juan. Foto J. Sánchez
Nesta postal de Lacoste de arredor de 1910 podemos ver varias casas do pincho no que hoxe é a rúa de Rafael Juan. Foto J. Sánchez

Corcubión como núcleo urbano ten un nacemento tardío. Os especialistas sitúan os primeiros asentamentos nos anos iniciais do século XIII. Por ese mesmo tempo trasládase a parroquia ao seu emprazamento actual dende Santo André da Canle, en posición máis elevada e máis afastada da costa por medo ás incursións piratas, conformando unha aldea onde a agricultura e sobre todo a pesca, serían as principais actividades. Este último sector económico debeu ser o causante do seu desenvolvemento ata converterse nunha vila de moi humildes dimensións.

Aínda que hai antecedentes documentais anteriores, Corcubión entra estrepitosamente na historia unha noite do mes de xullo de 1457 cando o arcebispo de Compostela Rodrigo de Luna ordena aos seus homes de guerra, armados en “catorce o quince navíos e pinazas” a toma e saqueo da vila. Do outro lado, intentando defendela,  estaba dona Juana de Castro e a súa xente, que non lograron impedir os roubos e pillaxes, mais despois de tres días de loita conseguiron facerlle fronte aos atacantes e escorrentalos.

Dona Juana era, como dicían daquela unha “rica hembra” non só polos posibles dons das súas formas corporais, senón polos inmensos bens que posuía. Curmá e herdeira do duque de Arjona, polo seu matrimonio con Rodrigo de Moscoso, os señores de Altamira fixéronse con inmensos dominios en toda Galicia e particularmente na Costa da Morte. Aínda que hai historiadores que consideran que os Moscoso xa dominaban de feito, aínda que non de dereito, estas terras. O matrimonio con Juana de Castro viría sancionar legalmente esta situación.

Segundo pensa Rodrigo Pousa Diéguez as disputas co arcebispo non virían dadas polas posesións territoriais que esta señora herdara, senón polo dominio concreto do porto de Corcubión. En todo caso o prelado compostelán foi desautorizado polo Corrixidor de Galicia que, ademais de recoñecerlle o dominio á condesa de Altamira, multa a Rodrigo de Luna con 1.500 dobróns de ouro.

Grazas á especial predilección que os señores de Altamira, con título condal dende 1455, demostraron por Corcubión nestes primeiros anos  da súa incorporación aos seus dominios, a localidade alcanza no século XV a capitalidade dunha ampla xurisdición como xa dixemos, a renovación da igrexa parroquial, a construción dun pazo para a propia familia condal e a fundación dun hospital.

Falamos de vila, pero o Corcubión de aqueles anos non pasaba de ser, dende a óptica contemporánea, unha aldea grande. Por un memorial de 1507 referente aos bens e dereitos da Casa de Altamira, sabemos que nese ano contaba con 69 veciños. Cando falemos de veciños, agora e de aquí en diante, referímonos á unidade familiar que vive baixo un mesmo teito.

Estes datos sempre os hai que tomar con cautela pois, contra todo prognóstico, nunha “aberiguación de los vezinos” realizada en 1533 figura con 46 veciños. Pola mesma fonte sabemos que Cee tiña 59. Esta última tivera un dinamismo económico e social superior ao de Corcubión, de feito o alfolí no que se despachaba o sal, un produto de primeira necesidade e fundamental para a salgadora do peixe, estaba situado no porto do fondo da ría. Mais esta situación empezará a mudar dende as primeiras décadas do século XVI. Os Altamira inician unha política de acoso ao porto e ao sector pesqueiro ceense. A parroquia de Santa María da Xunqueira pertencía á xurisdición do arcediago de Trastámara (un dos cóengos do cabido da catedral de Santiago) e estaba totalmente rodeada polas posesións dos Moscoso que querían estender o seu dominio ás augas litorais, afogando aos de Cee no fondo da ría sen posibilidades nin de pesca nin de tránsito mercantil. Estes últimos argumentaban que as augas eran privilexio da coroa e polo tanto de uso público. Non se conserva a resolución do preito, aínda que supomos que habería algún tipo de arranxo que, na medida do posible, contentara ás dúas partes. Cando non era pola pesca era pola preeminencia dun ou doutro porto nas operacións de carga e descarga. O caso é que botaron máis dun século ensarillados nos tribunais.

Nun documento de 1574 relativo á elección do procurador xeral de Corcubión, infórmasenos que a vila tiña 122 veciños. Esta tendencia confírmase no Censo que Felipe II lle ordena realizar aos bispos no ano 1587, onde Corcubión alcanza a cifra de 128 veciños. Foron anos de forte crecemento amparado na pesca, nun embrionario artesanado e no comercio; este último favorecido pola situación de dominio que, primeiro o imperio de Carlos V e despois a monarquía hispánica de Felipe II, ostentaban no mundo. Tampouco podemos esquecer o sector agrario que, ou como actividade principal ou complementaria, contribuiría a este crecemento.

Para Cee tampouco foron anos malos, pero non puido competir coa vila de San Marcos que lle arrebatou o alfolí do que antes tratamos e creou unha “Cortaduría” que abastecía de carne ás dúas localidades.

Durante o século XVII non contamos con datos fiables de poboación, e cos que hai é difícil saber o número de veciños que lle corresponden á vila, xa que normalmente refírense á totalidade da xurisdición. Con todo pola visita diocesana que a partir de 1607 e durante varios anos, realiza Jerónimo del Hollo polas distintas parroquias da arquidiocese, sabemos que por aqueles tempos en Corcubión vivían arredor de 120 veciños. Os últimos anos do século XVI foron moi malos, con pestes, malas colleitas, o recrutamento para a guerra contra Inglaterra e Holanda, o temor a piratería; factores que contribuíron ao estancamento ou lixeiro retroceso que observamos. O século XVII aínda que en boa parte da coroa de Castela foi pésimo, con perdas xeneralizadas de poboación por motivos semellantes aos xa expostos; en Galicia, sobre todo a segunda metade, foi unha época de crecemento. Crecemento que continuará na seguinte centuria como nos demostra o Compendio de 1724 do xa citado Isla de la Torre. Segundo esta importante fonte Corcubión ten uns 200 veciños e un sector pesqueiro cuns 30 barcos que, en opinión do autor, coñecera tempos mellores. A arte de pesca máis utilizada era o “Cerco Real”, consistente no cercado dunha ampla área marítima con redes, para o que facían falla moitas naves provistas dun bo número de mariñeiros. Esta actividade alimentaba o comercio existente dedicado á exportación de sardiña e congro curado e á importación de viños para a venda entre os naturais.

A seguinte referencia que temos é a do Catastro de Ensenada realizado en 1753. Esta documentación de procedencia fiscal infórmanos de que a vila tiña 230 veciños: 55 dedícanse á pesca, 20 ao comercio, 12 a oficios artesanais, 10 a tarefas administrativas, 3 enmárcanse entre as chamadas profesións liberais, e non hai ningún fidalgo. Quedan 130 veciños dos que non se especifica a actividade que realizan. Dentro deste grupo, un número non moi grande dedicaríase á agricultura e o resto, seguramente serían asalariados cunha forte mobilidade laboral, moitos deles en función das maiores ou menores necesidades das campañas pesqueiras. Como vemos unha poboación relativamente diversificada pero na que o sector pesqueiro é fundamental.

Rematamos este tránsito polas fontes que nos fornecen de datos relativos á evolución da vila de San Marcos co primeiro censo propiamente dito, o realizado en 1768 por mandado do conde de Aranda. Por el sabemos que Corcubión tiña 912  habitantes. Esta pescuda divide a xente por idades, por sexos e por estado civil, pero practicamente non nos di nada sobre a actividade que realizan. Hai un apartado de exentos do pagamento da contribución que nos informa da existencia dun fidalgo, de 140 mariñeiros matriculados, de 3 milicianos, de 9 empregados da facenda real e un da Cruzada. Os mariñeiros gozaban de exencións fiscais porque tiñan a obriga de alistarse na mariña de guerra cando llo esixiran. Entre a xente de relixión, ademais do cura da parroquia, hai outros tres presbíteros e un sancristán. Este é o último chanzo na viaxe evolutiva que, cunha vila de considerable tamaño, nos coloca a escasos anos do intre no que se sitúa a acción principal desta historia. 

O tecido urbano

A praza da Vila cara a 1924 nunha fotografía Ramón Caamaño
A praza da Vila cara a 1924 nunha fotografía Ramón Caamaño

Mais como podemos traducir esta evolución no tecido urbano no que se inscribía o pazo de Altamira en 1776?

As testemuñas de viaxeiros que coñecemos son escasamente descritivas. A única que merece ser transcrita é a que en 1717 fai o peregrino italiano Gian Lorenzo Buonafede Vanti. Di que a vila de Corcubión “está ben habitado, con boas casas e unha ampla praza onde hai unha fonte con moita auga. A igrexa parroquial, de suficiente beleza, ten tres altares esculpidos con mestría e moi fermosos. O maior está dedicado a San Marcos, protector do lugar, coa súa estatua en relevo moi ben feita; o segundo, o da dereita, é o da Virxe do Carmelo e o terceiro á esquerda, o de Nosa Señora do Socorro”. Xosé Isla de la Torre infórmanos de que “por los años de 1430 se fabricó una nueva iglesia cerca de el Palacio (pazo dos condes), y contigua al muelle”. Tamén cita o campo da Viña no que os mariñeiros arraxaban as redes e armaban os cercos da sardiña; o hospital de peregrinos, un “apacible y dilatado puerto”, o castelo de Santa Cruz e “una fuente muy copiosa que viene encañada a la plaza”. 

Polas investigacións de Paulino Castiñeira Castro sabemos que o núcleo urbano de Corcubión tivo o seu nacemento arredor do Campo da igrexa. E durante boa parte do período medieval pouco máis sería que dúas liñas de casas que a ambos lados da igrexa avanzaban en dirección á actual praza de Castelao, unhas veces de maneira continua e outras con importantes saltos, algúns tramos máis ou menos rectos e os máis con pronunciadas quebraduras. E onde o pazo de Altamira, dende as primeiras décadas do século XV, imporía coa súa importante e maciza volumetría a abismal distancia que tiña que haber entre o señor e o vasalo. Volumetría á que polos mesmos anos se sumaría a renovación da igrexa parroquial. Un Corcubión que, como nos lembra Luis Lamela nun esclarecedor artigo, na súa construción a madeira era o material máis utilizado, dándolle un carácter de miserable provisionalidade en perfecta concordancia coa imprevisibilidade dos froitos do mar e co seu desigual reparto. 

A partir do século XVI a vila empezará a estenderse subindo polas actuais rúas das Mercedes, da travesa de San Marcos e de José Miñones; pero sobre todo ocupando a fronte lonxitudinal da praza de Castelao. No período que vai dende finais do século XVI ata o noso ano de referencia, 1776, Corcubión adquiriría, con algúns importantes matices que trataremos máis adiante, un trazado viario moi semellante ao que, a día de hoxe, consideramos a zona vella. Por suposto non habería a densidade actual: moitos predios estarían sen construír, moitas casas terían as traseiras dedicadas a horta e só co tempo serían urbanizadas. Mais, en liñas xerais, coido que o perfil do espazo urbano sería similar. 

A controversia

A ría de Corcubión nun mapa de Francisco Llobet de 1755
A ría de Corcubión nun mapa de Francisco Llobet de 1755

Temos que recoñecer que en dous planos da ría de Corcubión que consultamos, un de 1739 e outro de 1755, a parte alta da vila, dende o Campo da igrexa e a praza da Vila ata o Campo do Rollo aparece practicamente despoboada de inmobles. Tamén temos que dicir que o obxecto principal destes planos era o correcto trazado do perfil da ría, a posible existencia de farallóns ou bancos de area e, sobre todo nestes casos concretos, a localización das infraestruturas defensivas ou a proposición dunhas novas, e, como non, a situación dos máis importantes asentamentos de poboación. Neste último caso non acostumaban ser moi rigorosos e cuns puntos, uns cadradiños ou unha simple mancha de cor quedaba sinalado este ou aquel núcleo. No mapa de 1755 realizado polo enxeñeiro Francisco Llobet para deixar constancia por un lado da situación dos castelos do Príncipe e do Cardeal que se estaban construíndo, e polo outro do emprazamento doutras dúas estruturas defensivas en proxecto: o Castelo da Punta do Espiño e o da Punta do Agro. Neste mapa Cee aparece coma unha mancha vermella no fondo da ría. Pola contra Corcubión está plasmado a base de formas cuadrangulares exentas ou apegadas formando figuras de difícil descrición. En todo caso o groso das vivendas estaría situado na zona baixa, dende a praza da Vila ata a actual rúa Antonio Porrúa, máis ou menos. Aínda que dubidamos da fidelidade destes documentos, non podemos obvialos. 

A proposta que fixemos anteriormente está baseada no que outros dixeron antes, pero tamén está abalada polo ocorrido noutros asentamentos mariñeiros, situados a certa altura e a certa distancia do mar que, aínda que era fonte de riqueza tamén o era de perigos, e para experimentar o seu temor non era preciso subir a un barco, chegaba con velo e sentilo dende o suposto refuxio do fogar nun día de temporal. Quizais o exemplo máis emblemático do que dicimos sexa a cidade da Coruña, construída durante o medievo nunha das partes máis altas da península que lle dá acomodo, só a partir do século XVI iniciará a súa progresión pola parte baixa, a chamada “Pescadería”.

A maiores de todo o dito, segundo o Catastro de Ensenada de 1753, Corcubión tiña 230 casas habitadas e 8 deshabitadas, en total, ademais da igrexa e do Castelo da Santa Cruz, 238 edificios que, coido, precisarían máis espazo que o sinalado no mapa de 1755. Para rematar con esta cuestión para á que é difícil atopar unha solución definitiva, no plano que despois comentaremos, só vinte anos despois aparecen bastante ben definidas as rúas de San Marcos, a travesa de San Marcos e a embocadura da rúa José Miñones; vías que urbanizaban ese espazo que figuraba practicamente baldeiro nos mapas citados. En definitiva, coido que estes documentos planimétricos non reflicten a realidade do Corcubión das datas en que foron feitos.    

Os principais edificios

O Castelo de Santa Cruz nun plano de Carlos Suillars de Desnaux de 1739
O Castelo de Santa Cruz nun plano de Carlos Suillars de Desnaux de 1739

Despois de oito séculos a igrexa parroquial segue a ser o primeiro monumento da vila. Como está bastante ben estudada, nós só imos resaltar que a súa primitiva fábrica románica, erguida mos primeiros anos de século XIII, sería minimamente aproveitada nunha nova capela maior construída na centuria seguinte. Xa no XV e baixo o padroado dos Altamira, dótana dunha nova nave coroada por un xogo de potentes arcos de perfil apuntado que semellan o interior do casco dun barco, en consonancia co denominado gótico mariñeiro tan común a outros templos de vilas marítimas. No século XVIII incorpóranse as capelas laterais do Socorro e do Carme por iniciativa privada. Á mesma centuria tamén pertence a sancristanía. A fachada actual de estilo neogótico erguida entre 1892 e 1894, substituíu a anterior derrubada por un raio no 1885, coido que foi unha escolla moi acertada do arquitecto historicista Domingo Rodríguez Sesmero. En resumo, unha boa síntese dos anos de nacemento, desenvolvemento e consolidación de Corcubión como un porto pesqueiro e comercial de crecente importancia. A elegante e refinada imaxe de San Marcos apousentada nun trono timbrado coas armas dos Moscoso e dos Castro, chegada nun barco veneciano dende algún dos estados italianos é un bo exemplo das relacións que puntualmente se podían entretecer. E dicimos puntualmente porque non nos debemos esquecer que, polos datos que demos, Corcubión entra no século XVI con 69 veciños, cantidade que rebaixaría ata ese momento calquera pretensión de situar a vila nas rutas do comercio internacional, como acontecía coa vila de Muros cuxa flota tiña na altura frecuentes transaccións coa república de Xénova, outra cousa é que circunstancialmente servira como porto de abrigo ás naves que unían o Mediterráneo co occidente europeo.

Lévase escrito algo sobre o lugar exacto do hospital de peregrinos, mais todo parece indicar como se ten dito, que se trata do edificio sinalado co no 16 da rúa da Mariña. Unha institución asistencial que xa a principios do XVIII tiña serios problemas de viabilidade debido ao escurecemento das rendes que a sostiñan. Esta situación provocou que as súas obrigas hospitalarias se reduciran ao albergue ocasional dos escasos peregrinos que a esas alturas continuaban o camiño ata Fisterra. Grazas ás investigacións de Rodrigo Pousa Diéguez sabemos que por un protocolo notarial de 1763 o Alcalde Maior dos Estados de Altamira, en representación do conde, arrenda este edificio ao crego Gregorio Robles para que servira de vivenda do cura parroquial. Esta función xa a viña cumprindo con anterioridade: na visita pastoral de 1741 fan constar que estaba irregularmente ocupada polo crego da freguesía, aínda que “este busca ospedaje para los peregrinos se le manda la desocupe, y que los curas no la ocupen en adelante”. Non se debe confundir coa actual casa reitoral, pois esta como nos aclara Alejandro Lamas, é froito dunha doazón realizada nos anos cincuenta do século pasado por dona Raquel Bermúdez ao párroco don Francisco Sánchez Gómez. Á morte deste lembrado presbítero, por tantos motivos positivos, o inmoble pasou á propiedade da igrexa. Seguindo un interesante artigo do mencionado Alejandro Lamas, o vello hospital pasou por innumerables vicisitudes. Quizais a máis sorprendente fora o seu uso como almacén de pólvora e armamento por orde da Xunta de Defensa de Corcubión durante a invasión napoleónica de 1809. Cando a vila foi incendiada polos franceses salvouse da súa destrución segura grazas á coraxe dos mariñeiros de Corcubión que lograron retirar as madeiras queimadas e deter o lume, preservándose as paredes do edificio e as provisións que acubillaba. Andando o século XIX será reconstruído como vivenda particular. E aí está, con falla dunha profunda restauración, pero en pé.

Ao este do adro parroquial estaría o Campo da Viña de especial relevancia para o gremio de mariñeiros, pagándolle ao conde polo seu uso 3.000 sardiñas ao ano. Corcubión nunca foi unha vila amurallada, mais contou, non sabemos dende cando, con algunhas estruturas defensivas. No mesmo Campo da Viña, moi próximo ao actual cárcere vello que daquela non existía, situábase o Castelo de Santa Cruz, equipamento militar que deixaría de funcionar coa construción do Castelo do Cardeal a mediados do XVIII. Desta infraestrutura consérvase un plano no que figura a planta que pola súa forma podemos inscribir dentro dun cuarto de círculo; coa parte arqueada de muros moi grosos orientada á fronte marítima na que se practicaron cinco troneiras para a colocación de canóns. O resto dos paramentos cos que se fecha a construción polos outros dous ventos son moito máis delgados. No occidental ábrese a porta de entrada, a ambos lados da mesma articúlanse dous espazos cuadrangulares: un totalmente aberto polo lado oriental e o outro cunha porta polo lado meridional. A superficie restante funciona como patio. No outro lado da ría, na denominada Punta do Fornelo (onde hoxe está o peirao de Ferroatlántica) había unha pequena batería para complementar a defensa. Cando se constrúen os Castelos do Cardeal e do Príncipe tamén estaban proxectados dous máis a un e outro lado da ría. O do lado de Cee estaría na Punta do Espiño e o de Corcubión na Punta do Agro. Este último chegou a empezarse, mais nunca se rematou; sobre os seus cimentos ergueuse o cemiterio vello, lugar que hoxe ocupa o edificio dos xulgados do partido. 
Ao norte da igrexa e do pazo de Altamira e ao este do casco urbano que dende a praza de Castelao subía ata cerca do Cabo da Vila, estendíase un areal que constituiría o apracible e dilatado porto do que nos falaba Isla de la Torre. Este mesmo autor cita un “muelle”, é dicir, algún tipo de estrutura construtiva que servira de peirao de carga e descarga para o tráfico marítimo. Polo que di o alcalde maior dos Moscoso estaría contiguo á igrexa, e polo mapa da ría de 1755 citado anteriormente, sabemos que se situaba na fronte marítima da fachada principal do Cárcere vello.

Entre este itinerario polos principais edificios na altura de 1776 debía figurar o pazo de Altamira, farao máis adiante por cuestións obvias.

Os escenarios da vida social

CERIMONIA RELIXIOSA 1960 Corcubion-Foto-Ramon Caamano
O antes ou o despois dunha cerimonia relixiosa presidida polo caritativo e bondadoso don Francisco Sánchez Gómez. O segundo pola súa dereita con traxe escuro é Ramón Pais, alcalde de Corcubión por aquel tempo e un dos personaxes imprescindibles da historia desta vila durante o século XX. Foto Ramón Caamaño 1960

A trama urbana da vila de forma paralela á súa construción foi deixando, máis alá da imprescindible rede viaria, algunhas áreas de desafogo de maior amplitude. O Campo do Rolo que sería unha esixencia dende a instauración de Corcubión como cabeza do señorío, como xa dixemos dende 1480 funcionaría coma un símbolo do poder señorial, desprovisto xa dos seus cometidos punitivos. 

Parte do Campo da igrexa, a maiores de actividades lúdicas e de representación do culto relixioso, funcionaría como cemiterio debido ao aumento da poboación e á imposibilidade de enterrar xa en sagrado. A esta insuficiencia engadiríase a Real Cédula de 1787 que prohibía as inhumacións no interior das igrexas por razóns hixiénicas. 

A actual praza do Médico Arturo Cándido coido que sería de realización máis tardía e froito dalgunha planificación urbanística que descoñecemos. 

O espazo relativamente xeneroso que hai diante da fachada do pazo de Altamira debeu ser unha esixencia dos propios condes para resaltar a posición que ocupaban na localidade. Esta prominencia vese resaltada pola apertura da fronte occidental do vello “caserón” á praza da Vila. 

E precisamente coa praza da Vila rematamos esta relación de espazos de forte relación social. O seu nacemento viría motivado pola necesidade de afastar as casas do borde litoral debido á perigosa incidencia en días de mar bravo. Non podemos esquecer que esta era a zona máis baixa da vila e polo tanto a máis afectada polas mareas vivas e polos temporais. Na súa fronte estaba o areal sen ningún tipo de peirao que contivera a forza das augas. Areal que por outra parte facilitaba a carga e descarga das pequenas embarcacións pesqueiras que, co ambiente que xeraban, contribuían ao dinamismo da praza. E este tamén era o escenario perfecto para as festas, os mercados e os momentos máis solemnes das procesións. Foi varias veces citada a fonte de copiosas augas que formaba parte deste espazo público. Corcubión sempre foi pródigo en ricas augas debido á súa configuración en anfiteatro que favorecía a baixada dos numerosos mananciais polas valgadas montesías. A día de hoxe acostumamos ver estas dotacións como obxectos decorativos, pero non hai máis que observar fotos antigas para comprobar o importante papel que tiveron nos asentamentos humanos ata ben entrado o século XX. Todos estes motivos facían da actual praza de Castelao un dos nós do tecido urbano máis fondamente vividos. Importancia que non deixaría de medrar ata a actualidade.

Incorporacións e perdas

A rúa de entrada a Corcubión nunha tarxeta de Unión Postal Universal de arredor de 1910. Foto R. Rodrígue<
A rúa de entrada a Corcubión nunha tarxeta de Unión Postal Universal de arredor de 1910. Foto R. Rodríguez

Liñas máis arriba aludimos a algunhas diferencias importantes entre a forma do Corcubión de finais de século
XVIII e o actual núcleo urbano. En primeiro lugar temos que deixar constancia dunha cuestión vertebradora de
primeira orde. A diferencia do que acontece dende a segunda metade dos anos sesenta do XIX, na vila non se
entraba nin se saía polo borde mariño, senón que se facía a máis distancia e a maior altura. O trazado do Camiño de Santiago a Fisterra pode ser o mellor indicador do que dicimos. Entraba polo Cabo da Vila, ao pé do cruceiro de Baldomar, continuaba pola Alameda e descendía pola Vella rúa Real (actuais Rafael Juán e Antonio Porrúa) até o areal da vila. Pasaba pola praza da Vila, subía por diante do pazo dos Moscoso de Altamira ata o Campo da Igrexa. Alí habería algunha pasaxe que comunicara coa actual parte posterior do edificio asistencial, motivo polo que, supomos, sempre aparece na documentación situado no Campo da Igrexa. Dende o adro parroquial subía pola rúa das Mercedes ao Campo do Rolo, saíndo xa da vila polo camiño da Fonte Vilar.

Este itinerario non mudará ata que a partir de 1866 a estrada procedente da Coruña chegue a Corcubión, facéndose sobre o areal un recheo para o paso da nova infraestrutura. A continuación ata Fisterra non se efectuará ata o remate do século XIX e con ela o recheo sobre o que se asenta a avenida da Mariña. Despois da construción desta vía levantouse no borde mariño da mesma un sólido peitoril de pedra que protexía dunha caída ao mar a paseantes e vehículos.

Quedou sen este elemento protector a zona de confluencia entre as actuais Avenidas da Constitución e a da Mariña, onde, por uns anos, continuou chegando o areal ao pé da estrada. Areal no que se seguían cargando e descargando as naves pequenos ou varando para labores de mantemento. Posteriormente suprimiuse este embarcadoiro natural unindo os dous tramos do peitoril xa realizados ata percorrer por completo o perfil da baía; agás por algunhas entradas que se deixaron para transitar polas ramplas coas que se completou o dique para poder acceder ás embarcacións que atracaban á súa beira.  

A ausencia deste camiño de beiramar unida ao efecto das mareas, impediu que se construíra a liña de casas con fronte á actual Avenida da Constitución ata que esta estrada foi unha realidade. O que había nese espazo eran as hortas das vivendas que tiñan a súa entrada pola antiga Rúa Real. A día de hoxe aínda quedan algúns xardíns, no que antes foran hortas como mostra do que dicimos. Outro bo número de casas que non figuraban no ano 1776, como coido que demostra o plano que trataremos máis adiante, son, cando menos a maioría, das que teñen a súa fronte principal á avenida da Mariña e algunhas das que están orientadas a unha ruela que dende a esquina dereita do pazo de Altamira conduce á citada avenida por detrás dunha coñecida entidade bancaria. Estes dous casos infórmannos de que aínda que o mar era unha das súas principais razóns de ser, a súa construción estaba feita non de costas ao mesmo, pero si a unha prudencial e respectuosa distancia.  

Unha diferencia facilmente deducible é a dos cambios no aspecto dos inmobles: aumento do volume, da altura e, en moitos casos, modificación dos materiais empregados. A finais do XVIII aínda habería moitas casas de pallabarro como ocorría na mesma cidade de Compostela ata ben avanzado o século XIX. Esta forma de construír caracterizábase polo uso dunha densa estrutura de largueiros de pao recheos cun aglomerado de barro, palla e pequenos tirantes de madeira. 

Tres casas do pincho na parte alta da travesa de San Marcos. Foto Gervasio de arredor de 1950
Tres casas do pincho na parte alta da travesa de San Marcos. Foto Gervasio de arredor de 1950

Outra característica do decorado urbano sobre a que queremos chamar a atención é a abundancia das denominadas casas do remo ou do pincho. Un tipo de vivenda moi común, noutros tempos, nos pobos mariñeiros das Rías Baixas, pero máis descoñecida ou menos estudada nas vilas do norte. Nestas casas, construídas entre medianeiras, a fachada principal era un dos pinchóns que tiña a anchura aproximada dun remo, de aí o seu nome. A súa orixe sitúase no medievo pero seguíronse erguendo durante toda a Idade Moderna. Entre os séculos XIX e XX desapareceron ou mudaron de cuberta por unha cuestión de gusto unida as ampliacións de altura e volume que sufriron a maioría das edificacións de vilas e cidades. A visión de numeroso material gráfico do Corcubión da primeira metade do XX, dános cadra en época tan tardía da existencia de numerosos exemplos desta tipoloxía no seu tecido urbano. Constatamos ata seis exemplares seguidos deste tipo de vivenda na rúa Rafael Juan; dúas casas contiguas na rúa Antonio Porrúa, e na parte alta da Travesa de San Marcos había a mediados do século pasado tres inmobles medianeiros. Na actualidade aínda atopamos unha na rúa Serrano nº 2, da que sobresae a porta co lintel apoiado sobre mochetas e cos cantos rebaixados a bisel. Características que sitúan a súa construción no XVI. Sería moi importante a súa conservación como testemuña dunha época onde esta forma de facer sería maioritaria. Observando algunhas fotografías de principios do XX nas que se reflicte a praza de Castelao podemos ver dúas ou tres vivendas entre medianeiras co tellado a catro vertentes. Proba de que fixeron algunhas reformas pero seguiron conservando a caída das augas para as lindes coas casas veciñas. Como mostra do que dicimos podemos citar o inmoble da desaparecida Confeitaría Tanarro e o que tiña pegado polo lado de abaixo.  A día de hoxe estas casas están completamente modificadas.  

Tres casas do pincho na actual rúa Antonio Porrúa. Fotografía de Ruth Matilda Anderson de 1924
Tres casas do pincho na actual rúa Antonio Porrúa.
Fotografía de Ruth Matilda Anderson de 1924

Porta do século XVI na casa do pincho sinalada co nº 2 da rúa Serran
Porta do século XVI na casa do pincho sinalada co nº 2 da rúa Serrano

O Pazo de Altamira e o plano de 1776

O Pazo de Altamira de Corcubión do que, o tantas veces nomeado Isla de la Torre, di que “es un palacio moderado que está a la lengua de el Mar y de sus ventanas se registra mucha parte del puerto” fora inicialmente unha construción da primeira metade do século XV. Posteriormente, segundo Josefina Cerviño Lago, sería reformado no XVII e no primeiro terzo do XVIII suprimiríanlle as torres. Como precisaremos máis adiante algunha destas afirmacións hai que matizalas. Durante o século XV as estadías dos Moscoso nesta residencia deberon ser prolongadas. Nos primeiros anos da seguinte centuria serían moito más intermitentes, ausentándose definitivamente da capital do seu señorío na segunda metade do XVI. Esta ausencia non a sufriu unicamente a xurisdición de Corcubión, senón todas as súas posesións en Galicia. No curso do citado século estableceron de continuo a súa residencia na corte e, como moito, viñan de visita institucional á cidade de Santiago moi de tarde en tarde.  

O XI conde de Altamira retratado por Goya
O XI conde de Altamira retratado por Goya

Pero de tódolos xeitos o pazo de Corcubión non quedou desocupado. Aínda que non atopamos referencias certas, supoñemos que nel tería a súa residencia o xuíz ordinario. Do que si temos seguridade é de que entre os seus espazos estaban o despacho e sala de audiencias xudiciais dende onde o citado funcionario condal gobernaba a xurisdición e impartía xustiza cando procedera. Alí tamén tiñan lugar as xuntas e sesións do Rexemento, é dicir, do que hoxe denominamos Concello. Toda a documentación xerada por estas institucións tamén atoparía acomodo entre as súas paredes.

O plano do pazo realizado por Juan López Freire en 1776O plano do pazo realizado por Juan López Freire en 1776

O plano que hoxe presentamos forma parte do documento “Estado y tassa de los desperfectos de los Palacios y otros edificios que el Excmo. Marqués de Astorga, Conde de Altamira, Duque de Sessa, etc. tiene en el Arzobispado de Santiago”, gardado no Archivo Histórico Nacional. Como vemos a súa realización estaba relacionada co mal estado que presentaba o edificio a mediados da década dos setenta do século XVIII. Por tal motivo encárgaselle ao mestre de obras Juan López Freire a inspección do inmoble, o trazado do citado plano e a elaboración dun orzamento dos arranxos que precise.  

Encarga este traballo, seguramente por medio do alcaide maior dos Estados, Don Vicente Joaquín Osorio de Moscoso y Guzmán, XI conde de Altamira (1756-1816). Un relevante personaxe que desempeñou importantes cargos nas cortes de Carlos III e Carlos IV, entre eles temos que salientar o de gobernador de Banco de San Carlos, o embrión do que co tempo sería o Banco de España. El e a súa familia serán pintados por Goya en catro retratos: o do propio conde, o da muller coa súa filla María Agustina, o do seu herdeiro Vicente e o do terceiro fillo Manuel. Esta colección de cadros realizados polo pintor de cámara do rei demóstranos a importante e privilexiada posición que tiña na corte.

A peritaxe do estado en que se atopaba o pazo, como xa dixemos, foille encomendada a Juan López Freire (1731- 1801). Este mestre nacera na comarca, en Santiago de Cereixo (actualmente do Concello de Vimianzo), aínda que a súa formación e o desenvolvemento da súa carreira profesional terá lugar en Santiago de Compostela. Era un magnífico debuxante e consérvanse trazas súas para diferentes edificios, pero quizais por usar unha linguaxe estilística algo retardataria, na maioría das veces quedaron sen materializar. Dentro deste labor debuxístico temos que salientar o plano de Santiago realizado en 1783, un documento excepcional para coñecer a cidade por aquelas datas. Sobresaíu como mestre de obras, encargándose de levar a cabo os edificios que outros arquitectos deseñaran. Neste sentido está documentada a súa intervención nunha parte do pazo de Raxoi, no colexio da Ensinanza, na capela das Ánima, na igrexa de Santa María do Camiño ou na Universidade (actual facultade de Historia), todas en Compostela. Con trazas propias, entre outras, podemos citar a casa dos cóengos da Colexiata de Iria Flavia ou as igrexas dos arredores de Compostela de  Ons e Marrozos.  

O levantamento planimétrico que realiza López Freire consta de tres partes: na parte superior aparecen numeradas unha sección e as fachadas principal e traseira do pazo; na parte central figura o plano de situación no que se resaltan en cor rosada dous edificios; o pazo e o cárcere da xurisdición; e na zona inferior do prego dáse conta das lendas que explican a numeración que complementa as diferentes plantas e alzados. 

Sobre o plano de situación xa temos adiantado algúns datos. Nel podemos observar unha parte da praza da Vila, a embocadura da rúa de José Miñones, e parte do desenvolvemento das rúas de San Marcos e da travesa de San Marcos.

Tamén vemos unha boa porción da fronte marítima, sinalando con cor amarela o areal que percorre a costa. Demos conta tamén do baixo nivel de urbanización das ruelas e da fronte marítima que hai ao norte do Campo da Igrexa e da rúa de San Marcos. Na praza da Vila non figura a famosa fonte, quizais estivera máis abaixo. O amplo espazo ao que abre o pazo a súa fachada principal tamén lle dá a categoría de praza. Pola contra, a fronte traseira atópase a escasa distancia da liña de costa.

Vista en detalle da planta do pazo de Altamira-Corcubion
Vista en detalle da planta do pazo

A planta do vello “caserón” dos Altamira está conformada por un rectángulo bastante alongado do que destacan na parte posterior tres contrafortes e un edificio apegado do que trataremos máis tarde. Na fronte principal sobresaen a dereita e esquerda dous corpos de menor entidade, o da dereita sen tellado e sen ningún tipo de cerramento na parte occidental.

Entre estes dous anexos articúlase un pórtico arruinado, como especifica a lenda correspondente. Esta peza que delimita o espazo público do privado componse dun zócalo de escasa altura e tres piares. A división interna do edificio corresponde á planta principal, no baixo supomos que estarían as estancias de acceso público: escritorios, sala de audiencia, arquivo,...  No andar nobre atópase a vivenda que se distribúe da seguinte maneira: na parte central do rectángulo hai unha peza moi ampla con luces ás dúas fachadas á que se accede directamente dende o desembarco das escaleiras e na que se incorpora, no ángulo lateral esquerdo, a cociña. Dende esta xenerosa “antesala”, pásase ao resto das estancias. Á esquerda temos un gabinete con unha alcoba na parte traseira, e unha despensa que xa se integra no espazo anexo da fronte principal. Á dereita da antesala atópase unha sala con dúas alcobas orientadas ao sur. A lenda acláranos que sobre estas pezas “está solo el alto superior de la Torre”, sen especificarnos que funcionalidade tiña.

Apegada na parte esquerda da fachada traseira do pazo, e sinalada cunha esvaecida cor amarela, hai unha caseta na que se entra dende a fronte marítima. Esta construción ten na parte dianteira un cuberto apoiado en catro piares cunha forte prolongación cara ao lado esquerdo, en dirección á praza da Vila. Toda esta parte pintada de amarelo, aínda que pertencía ao pazo, como nos explican no número correspondente estaba aforada. 

Vista en detalle da fachada traseira do pazo de Altamira-Corcubion
Vista en detalle da fachada traseira do pazo

Na fronte traseira con vistas á baía apreciamos o forte desnivel sobre o que se asenta o edificio. Desnivel que terían que encher e cimentar axeitadamente, e aínda así aseguraron a solidez do pazo con tres contrafortes que alcanzan en altura a división horizontal entre os dous andares. Na planta baixa observamos unha escasa apertura ao exterior: un oco de mínimas dimensións e unha ventá non moi grande. Na planta nobre atopamos as cinco xanelas que apreciábamos na distribución interna, mais agora comprobamos as escasas dimensións da ventá da cociña e dunha das da antesala. Tanto nesta fachada coma na principal destaca a presenza da torre, totalmente opaca por esta cara norte e co tellado a catro augas. A cuberta do resto do edificio é a tres augas e da mesma sobresae a cheminea da cociña. Na parte dereita e aproveitando o desnivel érguese a caseta cunha altura similar á dos contrafortes e, polo tanto, non afecta á iluminación da planta principal do pazo. A caseta complétase co cuberto que se prolonga en dirección á praza da Vila. 

Vista en detalle da fachada principal do pazo de Altamira de Corcubion
Vista en detalle da fachada principal do pazo

A fachada dianteira acusa o movemento en planta do que deixamos constancia: sobresaen a ambos lados os espazos anexos. Entre estes dous volumes temos o pórtico conformado por un zócalo interrompido en fronte da porta do edificio e de escasa altura.  Sobre esta estrutura elévanse cunha separación relativamente equidistante o tres piares, o da dereita máis alto que os outros dous. Non sabemos se esta falta de concordancia é froito do seu mal estado ou doutra funcionalidade diferente. Tampouco podemos precisar se estaban complementados por unha reixa ou se sustentaban unhas arcadas. Da fachada propiamente dita destaca o xogo formado pola porta de entrada ao inmoble, a pedra de armas que a coroa e as dúas ventás que a ambos lados  do escudo dos Moscoso iluminan a antesala da planta principal. Nos anexos que sobresaen aos lados podemos ver a xanela que corresponde á despensa no da esquerda, e no da dereita outra a escasa altura e a ausencia do tallado. O cuarto da torre, a diferencia da fronte traseira, está perforado por unha fiestra. Na parte esquerda tamén observamos o muro traseiro do cuberto. 

Na sección do edificio volvemos ver o importante recheo que houbo que efectuar e a grande diferencia de alturas entre a planta baixa e a principal.  A forte proxección que posúen os contrafortes e o perfil da caseta e do cuberto. Tamén nos informa este corte de que no baixo sobre o que se sitúa a despensa, hai unha porta ao exterior. 

A distribución de espazos do pazo atópase en total concordancia coa maneira de facer do século XVII e incluso do XVIII, onde as alcobas ocupan  un lugar marxinal, normalmente pequenas e neste caso concreto sen iluminación directa.

Reciben un tratamento completamente distinto as estancias que as anteceden: antesalas, salas e gabinetes; pezas todas de aparato de xenerosas proporcións e ben iluminadas. A escaseza de ocos na planta baixa e o reducido tamaño dos poucos que hai pode ser unha reminiscencia da súa época primixenia, onde a fortaleza e impenetrabilidade da súa fábrica foran fundamentais nun tempo de inesperados asedios. Se algunha vez tivo dúas torres, como se ten dito, está claro que a estas alturas unha xa desaparecera, pero a outra segue en pé, se cadra con modificacións ao respecto do seu estado primitivo, mais é difícil precisalo. Estamos diante dun edificio austero con poucas ou ningunha concesión a aspectos decorativos, ou polo menos nos debuxos non se aprecian más alá do escudo de armas ou dese pórtico incompleto e polo tanto pouco doado de cualificar. O que lle falta en decoración súpleo en solidez e altura, os grosos muros e a súa considerable elevación, sobre todo na fachada traseira sobreelevada por causa do desnivel. A vista que ofrecía dende a costa debía ser impoñente, e máis se comparamos o seu volume e a súa altura coas casas dos mariñeiros de unha ou dúas plantas e moitas de materiais bastante pobres. Cando se fixeron estes planos no ano 1776 xa se estaban levantando en Corcubión algunhas casas máis á moda daqueles tempos, pero coido que ningunha podía competir en fortaleza, altura e capacidade co vello pazo dos Moscoso. 

Non sabemos se se realizaron as obras que o edificio precisaba pero é posible que algo se fixera. Quizais foi nese momento cando desapareceu a torre, o pórtico e o volume anexo da parte esquerda. Na fachada aínda se pode observar tapiada a porta que comunicaba coa despensa. Pola contra o espazo bastante maltreito que había á dereita, todo parece indicar que foi ampliado invadindo parte da vía pública e agregando un anaco da superficie ocupada polo pórtico. O resultado desta reforma sobresae do resto do edificio por un tratamento máis coidado: os esquinais están resaltados cunha faixa vertical, na parte esquerda duplicada. Seméllanos como se quixeran aproveitar a mellor pedra dos piares do pórtico para esta intervención. A fachada desta ampliación tamén se dotou cunha liña de imposta, e as dúas ventás que se incorporaron na planta superior foron realzadas cuns sinxelos enmarques.

O plano ofrécenos outra sorpresa. Sempre se dixo que o cárcere da xurisdición estaba integrado no edificio pacego, e quizais así fora noutro tempo, pero en 1776 estaba nun inmoble situado en fronte do pazo, na esquina que forma a rúa de San Marcos coa travesa de San Marcos. Debía tratarse dunha construción dun só andar; tiña a planta rectangular dividida en tres espazos: no centro un vestíbulo, á esquerda o cuarto do carcereiro e á dereita o “quarto de prisión arruinado”. Este edificio tamén formaba parte das numerosas propiedades inmobiliarias que o conde tiña en Corcubión.   

A mediados de abril de 1809 os franceses arrasaron Corcubión. O lume correu de casa en casa e a dos Altamira tampouco se librou. Deberon perecer tódalas armazóns de madeira, pero as paredes eran fortes e aguantarían sen moita perda o acoso incendiario. Quizais as reformas ás que aludimos antes tamén se puideron facer a posteriori da destrución provocada polos exércitos napoleónicos. Sen documentación é difícil precisalo e a análise dos trazos arquitectónicos tampouco ofrece maior discernimento. O resultado destes avatares témolo á vista: a diminución en altura coa perda da torre, a desaparición da pedra de armas, só o xeneroso volume que aínda conserva nos pode indicar que estamos diante dunha construción importante. Outra eiva que sufriu o pazo  foi o total enmascaramento da súa fronte traseira ao adherirse á mesma, seguramente durante o XIX, máis casas; perdéndose a visión da altura total do edificio e convertendo os contrafortes nuns tocos difíciles de interpretar. No seu interior os cambios tamén deberon ser importantes.  


A vila máis fermosa da Costa da Morte

A rúa do Paseo (actual Constitución) nunha postal francesa de arredor de 1910-Corcubion
A rúa do Paseo (actual Constitución) nunha postal francesa de arredor de 1910

O Corcubión de hoxe non é o de 1776, nin sequera o das primeiras décadas do século XX, cando a vila chegou ao que podemos chamar a súa época dourada. Un tempo no que o tráfico portuario era continuo, con unha intensa actividade industrial e un comercio que era un referente en toda a comarca. Un Corcubión onde a iniciativa privada e os poderes públicos contribuían man a man na mellora do pobo: empedrando rúas e prazas, plantando árbores, instalando o alumeado público, xerando institucións coma a Fundación Riestra ou a José Carrera que estaban detrás da creación do Asilo e do Colexio de ensino primario. 

Hai unha postal de arredor de 1910 editada en Francia que nos mostra a rúa do Paseo como era coñecida popularmente a actual avenida da Constitución. Nesta instantánea podemos ver o recio peitoril de pedra dándolle seguridade e empaque ao borde mariño. A absoluta regularidade da liña de árbores, aínda de escasa altura. O plástico xogo de redondeces que dinamizan os estilizados farois. O ordenado equilibrio de volumes e alturas entre unhas casas e outras.

O relaxado ambiente de conversa, de paseo e de pracenteira contemplación. En fin, unha perspectiva plena de requintada urbanidade, de agradable prestancia e de fermosa luminosidade.

Todas estas cualificacións podiámosllas aplicar a calquera outra imaxe do Corcubión daquela época. Mais se volvemos á postal veremos que no primeiro plano hai unha muller e tres rapazas que van descalzas. A pouco que afondemos a realidade vólvese máis complexa e problemática.

Hoxe Corcubión non posúe a perfecta harmonía que tiña hai cen anos. Con todo e a pesar dalgunhas intervencións desafortunadas no último cuarto do século XX, segue conservando no seu núcleo urbano moitas das sinais de identidade que lle foi legando o pasado e que o converten nun lugar único, moi afastado da impersoal uniformidade que sofren moitas das nosas vilas. En Corcubión hai edificios de indubidable valor artístico; rúas e prazas onde a tradición construtiva sigue en pé e dispensando grandes doses de beleza; perspectivas de inmenso esplendor nas que se funden os impoñentes horizontes da ría, o azul sempre cambiante e vivo do eterno fluxo mariño; e a singular personalidade dun pobo que atesoura no seu magnífico rueiro oitocentos anos de historia vividos coa paixón que demostraron os seus veciños durante aquelas xornadas de xullo de 1457 arredor do pazo de Altamira.

Da bibliografía que seguidamente enumeramos teño que destacar a Tese de Doutoramento de Rodrigo Pousa Diéguez. Tamén debo manifestar a miña débeda con diferentes artigos de Luis Lamela aparecidos no seu perfil de facebook. Este investigador de Corcubión é un dos maiores coñecedores da represión franquista en Galicia e un apaixonado da súa vila da que nada lle é alleo. Tampouco me podo esquecer das valiosas informacións e dos xenerosos consellos do amigo Norberto Pais Redonda. 

  • Suso Jurjo

 

BIBLIOGRAFÍA

  • Castiñeira Castro, Paulino: Estudio Historia de Corcubión, año 1572-1630. Edición do autor, 2006.
  • Cerviño Lago, Josefina: “Manifestaciones artísticas en Corcubión” de O Camiño inglés e as rutas atlánticas de peregrinación a Compostela : Aulas no Camiño : un estudio multidisciplinar da realidade galega que atravesan os Camiños de Santiago. Universidade da Coruña; 1997
  • González Fernández, X. Miguel: Guía cultural da comarca de Corcubión. RP Edicións, 1989.
  • Lamela García, Luis: Diferentes artigos aparecidos no seu perfil de facebook.
  • Pousa Diéguez, Rodrigo: Señoríos costeros y villas portuarias de Galicia del s. XVIII: Corcubión, Muros y Noia. Universidade de Vigo, 2019.
  • Vigo Trasancos, Alfredo (Director):Galicia y el siglo XVIII : planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800). Fundación Barrié. A Coruña, 2011.
  • Villar Álvarez, M.: El Camino del Fin del Mundo. Asociación de Cámaras Oficiales de Comercio Industria y Navegación de los Caminos de Santiago, 2010. 
  • Lamas, Alejandro: “De hospital de peregrinos a polvorín” artigo de La Voz de Galicia do 13 de decembro do 2005.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios