Imprimir

A Xunta confirma o peche de dúas novas Escolas Unitarias en Carnota

que pasa na costa | 26 de xuño de 2019

Os nenos das EEI de Portocubelo e O Viso pasan ao CEIP Carnota
Os nenos das EEI de Portocubelo e O Viso pasan ao CEIP Carnota

O peche de dúas Escolas Unitarias en Carnota volven traernos á tráxica realidade do despoboamento do rural. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informaba onte ás profesoras das EEI de Portocubelo e O Viso o peche das mesmas para o vindeiro curso, unha sombra que viña escurecendo o futuro das mesmas dende o pasado mes de marzo, cando se formalizaban as matrículas.

O peche da de Portocubelo estaba practicamente asegurado, pois quedaban só 4 alumnos, e o ratio mínimo para manter unha unitaria aberta é de 6. O caso do Viso foi máis complicado. Había precisamente 6 alumnos matriculados, pero a mediados de abril unha familia decidiu trasladar o fillo ao CEIP de Carnota, provocando que as intentonas da Inspección de manter aberta a Unitaria quedasen sen argumentos.

Porque a realidade é que o ensino neste país mídese en números, en aforro, en cartos. E de aí non se move a esta Xunta. E de aí a morte destas dúas Unitarias, polo procedemento ordinario de perda de alumnado, e ante a falta de reacción das familias afectadas. Se aló por marzo as familias se tiveran unido e presionado, presentando informes sobre a perspectiva de futuro para manter tres unidades en infantil, e sobre a necesidade de manter o servizo, se cadra podería manterse.

Pero agora a decisión xa está tomada. A rapazada terá que desprazarse ata o CEIP de Carnota, situado, ben é certo, a apenas 5 km e ben comunicado, pois o bus escolar pasa por diante das unitarias. Queda o cole carnotán cun grupo de máis de 20 alumnos de 4-5 anos, e un grupo de máis de 15 alumnos de 3 anos.
Pola súa parte, as mestras (unha das directoras leva 27 anos no centro) quedan suprimidas e terán que participar no concurso de traslados provisional pero con preferencia de zona.

Que perden as familias e os nenos?

”Que deixen de funcionar as Unitarias é problema para os nenos, para os pais e para a zona, porque o trato entre as familias, os nenos e as mestras é absolutamente distinto”, explican docentes destas Unitarias. “Falamos os problemas diariamente coas familias, e o trato é moitísimo máis íntimo que nun cole. Os vínculos que se crean nunha unitaria non teñen nada que ver cos dun cole”, explican.

“A materia é máis ou menos a mesma, pero nunha Unitaria, xa podes ter nenos de 3 anos case lendo, porque se van quedando coas cousas que vas explicando aos máis maiores. Ademais ao seren grupos mixtos”, de 3-4-5 anos, por exemplo, pero que non superan os 10 alumnos por aula, “a relación entre eles, cos maiores axudando aos pequenos, son moi favorecedoras”.

Concretamente no Viso, por exemplo teñen moita máis liberdade, cun patio moi grande, un parque ao lado, un campo de fútbol, tenis, bicis, patinetes… mentres que no CEIP terán un patio relativamente pequeno para o grupo de infantil.

Números por arriba e por abaixo

Os números son os que mandan na educación deste país para a Xunta, pero curiosamente só cando se miran dende abaixo. É dicir, con menos de 6 alumnos é inviable manter unha Unitaria. Pero pola contra, cando o ratio supera os 25 alumnos por centro, moitas veces a consellería mira para o outro lado e non dobla grupo, como sinalan eses mesmos “números”. Xa ten pasado, de feito, no centro carnotán, que con 27 [email protected] a Consellería non quixo doblar un grupo.

Peche Pogresivo

Varias familias de Carnota teñen medo que siga pasando o que pasou no Pindo e mais en Louro, un peche progresivo que comeza co desmantelamento das Unitarias, pasa pola unificación de grupos de Infantil e despois as de Primaria, coa problemática que iso conleva de ter nenos de varias idades no mesmo nivel.

Novas relacionadas

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/carnota/pechan-duas-escolas-unitarias-carnota/20190626113207110983.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA