Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Manuel Vilar
09:36
08/04/19

A peregrinación a Fisterra nunha novela cabaleiresca

Capa do libro Guerin el Mezquino editado na decada de 1960 por edicions Paulinas copia
Capa do libro Guerin el Mezquino editado na decada de 1960 por edicions Paulinas copia
A peregrinación a Fisterra nunha novela cabaleiresca

Capa do libro Guerin el Mezquino editado na decada de 1960 por edicions Paulinas
Capa do libro Guerín el Mezquino editado na decada de 1960 por edicions Paulinas  

Xa imos tendo certa literatura escrita polos peregrinos que se achegaron polo Camiño até este extremo do país. Peregrinos que despois de estaren en Compostela dirixiron os seus pasos polo camiño de Fisterra e Muxía. Viñeron e veñen de diversas nacións, por exemplo desde Italia. Entre estes hai que citar os textos clásicos de Domenico Laffi, Buonafede Vanti ou Giacomo Antonio Naia, estes dous traducidos aínda neste século, pero non descoñecidos, pois de Vanti xa nos falara a americana Georgiana Goddard King en 1920. 

Pese a este aumento das publicacións e estudos de textos italianos, seguimos agardando por unha nova edición da crónica do cabaleiro Guarino Mezquino ou Guerrino Meschino. Publicada co título de Il Guerrin Meschino polo florentino Andrea de Barberino en 1410, sería logo traducida  ao castelán e editada en Sevilla en 1527 e tivo certo éxito nos tempos de Carlos I. O contexto político de entón algo incidiría. 

A última edición que coñecemos en español é de 1963 e non é fácil localizala, ademais é unha edición de peto que omite a parte que a aquí nos interesa: a peregrinación a Compostela e a Fisterra.

 O argumento

Na primeira parte na novela o personaxe protagonista chámase Mezquino, despois Guarino. Mezquino é claramente un nome que alude a unha persoa falta de nobreza e espírito, un desgraciado; o nome Guarino, do italiano guerrin (guerra), ten máis fortaleza. Dous nomes que xuntos son contraditorios, pero que corresponden a feitos diferentes que o protagonista terá que afrontar.

Hai autores que o cualifican como unha obra bastarda entre a novela cabaleiresca e a materia carolinxia, entre a historia carolinxia e a biografía dun cabaleiro chea de historias fantásticas  que só lle ocorren aos heroes.  

O protagonista percorre todo o mundo coñecido por entón, participando en mil e unha aventuras, e faino na segunda parte do libro para atopar aos pais e poder aclarar a súa orixe nobre. Para isto vai ter que superar infinitas probas que van máis alá dun carácter guerreiro, son máis ben probas para examinar a súa moral.

Era fillo do rei de Albania no tempo de Carlomagno, pero a cidade cae en mans dos turcos que prenden aos pais. O protagonista, aínda neno, é salvado por unha  criada, pero na fuxida o barco é abordado polos piratas e véndeno a un mercador grego, quen lle poñerá o nome de Mezquino. Medra ao servizo do emperador de Constantinopla e destaca nos torneos, polo que o príncipe vaino nomear cabaleiro. Non obstante o descoñecemento da súa orixe nobre xéralle desprezo na corte, polo que decide abandonala e emprender a busca dos seus pais, comezando unha vida que o vai levar desde Grecia á India, pasando por Exipto e Etiopía. Neste traxecto  ocórrenlle mil e unha aventuras. Visita a Árbore do Sol e da Lúa, a onde tamén chegara Alexandre Magno, situada na fin da terra, pero cara ao lado de levante, alí “onde nace o sol e a lúa”. A árbore dille que o seu nome é Guarino e que foi bautizado dúas veces. Loita contra xigantes e un dragón, conquista varias cidades, casa secretamente cunha “pagana”, vai na busca do preste Xoan (lendario rei cristián perdido nalgún reino de oriente considerado un lugar marabilloso, unha especie de paraíso na terra). Visita  unha Sibila, quen lle di que debe camiñar cara a occidente para poder ver a imaxe do seu pai nos círculos do inferno. 

Así, chega a Roma e pedirlle consello ao Papa sobre os seus pecados, moitos eran ter visitado lugares paganos contrarios á relixión cristiá. O Papa dille que: “primero que fuesse al bienaventurado Santiago de Galizia e a Sancta Maria de Finisterra. Y el se lo tovo mucho en merced”; tamén lle recomenda ir ao Purgatorio de San Patricio (Irlanda), igual que fixera o cabaleiro maxiar George Grisaphan (do que xa temos falado nas páxinas de QPC) a mediados do século XIV. 

Non seguimos co argumento, porque o que nos interesa é a aparición de Compostela e Fisterra na novela e como lugares importantes. 


Ilustracion da capa da edicion feita en Sevilla en 1527 de Guerin El Mezquino

No camiño a Santiago e Fisterra

De Roma marcha a Compostela, a onde chega desde Portugal. O Papa pídelle que “Si por el camino de Santiago te hallares algunos ladrones, haz con todo tu poder por los matar e destruyr, porque fagas seguro el camino para que los romeros puedan yr sin ser robados…”. E no camiño será asaltado, pero acaba derrotando aos salteadores, converténdose nun “matamouros” e rebaixando o papel de Carlomagno como defensor da cristiandade. Segundo esta obra é este heroe o que deixa libre o camiño de Santiago dos inimigos da relixión católica, que non eran outros que os musulmáns. Isto nos sitúa ao protagonista nos tempos de Carlomagno, de quen se di que tiña prometido “no poner en la cabeca corona de imperio si primero no conquistaua y ganaua para dexar libre y desembargado el camino de Santiago de Galicia”.

O protagonista permanece en Santiago cinco días. Estando na cidade ”oyo dezir como muchos ladrones cosarios andavan robando por la mar”. De novo máis aventuras, pois “tomo unos navios que alli hallo e hizo entrar en ellos mucha gente de la propia tierra y armolos, e fuesse a dos naos que alli andavan haziendo mucho mal y tomolas. Y en la pelea les mato treynta e fizo ahorcar ciento e doze que quedaron bivos, y tomando navios con quanto en ellos estava e hizoles quemar, y a el no le mataron salvo cinco hombres”.

Liberado o mar de piratas “se fue Guarino a Sancta Maria de Finisterre y apeose de su cavallo, e hincose de rodillas e dio muchas gracias a Dios porque le avia hecho tanta merced, que el avia visto la fin de la tierra habitada del poniente. E dixo aquellos que alli con el estavan la causa porque el dava gracias a Dios y que era porque el avia estado en la postrera tierra del levante que se llama Tamista e que la avia hallado, e assimismo que agora estava en la postrera del poniente, que se llama Sancta Maria de Finisterra. Y que tambien avia estado en la fin del mediodia, que se llama Rampa, la cual en el mar Yndio adonde estan las grandes montañas que se llaman monte Luno, de donde sale el Nilo que viene por medio de la provincia del Preste Juan. Y que le faltava  de saber la fin de la tierra del norte, e que el faria mucho por la ver si Dios le dava vida”. É dicir, o protagonista percorre a xeografía coñecida polos occidentais e recoñecida como territorio da cristiandade. 

“E despues partio de Santa Maria de Finisterra y tornose a Santiago e alli estuvo VIII dias, e de alli se fue por tierra fasta Bretaña, y entro en una nao e passo a Ynglaterra” para ir ao Purgatorio de San Patricio, situado nese outro fin da terra polo lado norte.

Compostela e Fisterra estaban nesa xeografía, tamén mítica, sobre a que se conformou o mundo occidental, sinalando un dos extremos que delimitaban ese espazo que posibilitou a existencia da conciencia histórica, do que somos. 

  

MÁIS ABERTURAS. MEMORIAS E PAISAXES

 

 

 

Comentarios