Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Pondal homenaxea ao regueifeiro, ós comparseiros e ás pandereteiras de Mens

Pondal homenaxea ao regueifeiro, ós comparseiros e ás pandereteiras de Mens

O próximo domingo 12 de agosto, a partir das 5 da tarde, o local social da Asociación Cultural Río dos Píos e a súa praciña frontal vivirán unha xornada de recuperación da memoria do pasado das regueifas, comparsas, baile tradicional e música de pandeireta da parroquia de Santiago de Mens. O motivo será a merecida homenaxe que tres entidades, a Fundación Eduardo Pondal, a través da actividade Cova Céltica, a Asociación Cultural Ríos dos Píos e o Concello de Malpica de Bergantiños lle tributarán ó regueifeiro Maximino Garrido Blanco, ós comparseiros que cantaron unha sonada comparsa no entroido de 1961 e ás vellas pandereteiras e bailadores de Mens e Asalo.

A xornada iniciarase ás 5 da tarde coa apertura, na planta alta do local do Ríos dos Píos, dunha exposición de fotografías, recortes de prensa, pandeiretas de ducias de anos e dun maniquí vestido coas roupas das pandereteiras de Mens. Ata as 5 e media poderase contemplar esta exposición ademais de observar unha proxección audiovisual con imaxes históricas dos homenaxeados xunto cun vídeo dunha actuación das pandereteiras de Mens en 1983 no programa Ruada da Televisión de Galicia.

Tras as imaxes os actos desprazaranse á praciña do Río dos Píos. Os gaiteiros Suso Moreira, Raquel Pose Bermúdez e Aitor Pose Bermúdez poñerán a música tradicional que arranque estes actos do exterior. A continuación, o Alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, entregará os agasallos conmemorativos á trintena de persoas homenaxeadas, algunhas delas xa falecidas pero que estarán representados por familiares directos.

A seguir, os actos desenvolveranse en tres bloques.

O primeiro será dedicado ó regueifeiro Maximino Garrido Blanco. Nel, a súa bisneta Cristina Castro Pose lerá o poema autobiográfico “A vida do tío Pepe da Fonte Vella”.

No segundo bloque participarán nun coloquio, moderado por Xosé Manuel Varela, unha parte importante dos comparseiros que cantaron unha famosa comparsa no entroido de 1961. Os nomes dos compoñentes presentes son: Manuel de Cereán, Luís de Beres, Modesto da Camila, José da Martela, Ramiro da Benita, José de Bispo, Jesús da Sabela, Ramiro da Ghagha, Lelo de Puñal e Ramiro de Pos. Varios dos compoñentes que participaron nesta comparsa están falecidos ou emigrados a América. Na conversa tratarase de recordar todos os traballos e anecdotario que xurdiu á hora de preparar e cantar esa comparsa.

O terceiro bloque estará dedicado ás vellas pandereteiras e bailadores de Mens e Asalo que desde os anos 70 do século pasado levaron da man da Sección Feminina, ó primeiro, e da Agrupación Folclórica Aturuxo da Coruña o repertorio de música de pandeireta e bailes desta parroquia por todo o territorio español, por Francia e mesmo por América. Nesta ocasión a mesa de conversa, tamén dirixida por Xosé Manuel Varela, estará formada polas dúas pandereteiras que aínda permanecen vivas (Adelia Rey Torrado, de 92 anos, e Teresa Lema Varela, de 86 anos). Completarase coa presenza de José Manuel Fernández Pensado, actual director artístico da Agrupación Folclórica Aturuxo da Coruña.

A xornada concluirá de modo festivo con catro interpretación musicais. Tres interpretacións locais a cargo das pandereteiriñas do Río dos Píos, do novo gaiteiro Nico López e das copleiras Serafina e Herminia. E unha exhibición folclórica a cargo da Agrupación Aturuxo que poñerá en escena as tres pezas musicais e de danza que recolleron os seus dous directores artísticos (Manuel Cajaraville e José Manuel Fernández Pensado): o maneo de Mens, a punteada de Mens e a pandeirada de Mens.

Intensa fin de semana de actividades na Fundación Eduardo Pondal

Ademais xa xornada dominical en Mens, a FEP continúa co seu amplo abano de propostas para esta fin de semana.
A oferta comezará o venres 10, ás 22 horas, na Casa dos Veciños cunha singular intervención cultural denominada Valleinclown dirixida a todos os públicos e que se achega a Ponteceso desde a localidade de Vilanova de Arousa da man da Fundación Valle-Inclán.

O sábado día 11, ás 20 horas, o grupo de teatro da Fundación Eduardo Pondal escenificará polas rúas de Muxía a obra Noites do prácido luar dentro do programa Rutas do Mar. Esta é actividade de intercambio coa Fundación Gonzalo López Abente.

Visita da Escola de Verán á Casa de Rosalía

Entrementres a programación da Escola de Verán da Fundación Eduardo Pondal continúa coa súa xeira de saídas de interese. Así, durante a mañá deste venres 3 de agosto, unhas 60 persoas entre alumnado e monitorado desprazouse ata a localidade coruñesa de Padrón para realizar unha visita guiada á Casa Museo de Rosalía de Castro.
Non obstante, esta visita non consistiu en coñecer todos os pormenores do histórico edificio no que se gardan imaxes, libros e outros obxectos persoais de Rosalía de Castro así como do seu home Manuel Martínez Murguía. Tamén se produciu un intercambio de actividades entre as fundacións de dous grandes escritores do rexurdimento literario galego.

Por parte da Fundación Eduardo Pondal, no auditorio da Casa Museo representouse unha obra teatral baseada en textos poéticos que a escritora Ana María Fernández lle escribiu a Rosalía de Castro. A dirección desta obra teatral correu a cargo de Tamara Lema e foi representada por alumnado da Escola de Verán. Por outra banda, Alba Costa interpretou unha peza de gaita e cantou un poema que outro escritor do rexurdimento, Manuel Curros Enríquez, lle escribiu a Rosalía de Castro.

Por parte da Fundación Rosalía, o seu flamante presidente, Anxo Angueira Viturro, realizou un precioso recital poético pondaliano na que buscou a implicación do alumnado que abarrotaba o auditorio.

A despedida na casa rosaliana consistiu na entrega dun libro agasallo a cada unha das persoas que acudiron a esta visita.

Novas relacionadas

Fonte

  • FEP, da man de Xosé Manuel Varela.

Comentarios