Venres. 26.04.2024
El tiempo

Porque fumos limpar a Punta Caghada

Porque fumos limpar a Punta Caghada
Bravos voluntarios de Mar de Fabula en Camelle Bravos voluntarios de Mar de Fábula en Camelle antes de ir a Punta Caghada

Limpamos a Punta Caghada do Cabo Veo pola mesma razón que temos limpado o Museo de Man en Camelle, o Cimiterio dos Ingleses en Camariñas, os coídos do Trece e da Punta do Corno tamén en Camariñas, o coído de Touriñán en Muxía... Son accións ambientais todas que facemos a comezos de cada ano para chamar a atención dunha sociedade abducida polas pantallas e que ten alterada a súa lista de prioridades, deixando o medio ambiente para o final cando debera estar na primeira liña das súas preocupacións.

Estes lugares míticos, reconocibles de contado, son referentes importantes desta xeografía única que é a Costa da Morte, receptora de milleiros de visitantes cada ano, nun turismo que pretendemos sexa respetuoso co noso patrimonio natural cando teríamos que ser nós os primeiros en respectalo, porque a limpeza dos espazos comúns é un índice revelador do nivel de autoestima e dignidade colectiva dun pobo. A Costa da Morte é, á súa vez, un dos salóns principais da nosa casa común máis grande: Galicia. Está ben que lle sumemos pisos ao edificio, sempre en construcción, do noso país. Pero os alicerces teñen que estar limpos e saneados para que o edificio se manteña en pé.

Non é por afán de protagonismo que apuntamos tan alto. Tamén limpamos areas, praias anónimas. O noso obxectivo é movilizar a cidadanía no coidado e defensa da natureza e queremos facelo sen máis demora. Eu vexo a nosa asociación coma unha especie de empresa urxente de mensaxería da defensa do medio ambiente porque todas as alarmas xa están disparadas pola suciedade e degradación dos nosos montes, dos nosos ríos, do noso mar. Todo deixámolo á subcontratación, á externalización, incluso os sentimentos. Que sexan outros os que se ocupen de limpar, que limpen os concellos, dicimos, fuxindo da nosa responsabilidade coma cidadáns.

Na miña opinión esta actitude lévase ao extremo cando fiamos a resolución dos problemas ambientais ás futuras xeracións. Están moi ben todos os procesos de concienciación dos nenos nas escolas; darlles charlas, facer obradoiros de reciclaxe, levalos as praias a recoller lixo mariño coma unha actividade máis extraescolar. Todo iso é importante para a súa educación integral. Todos coinciden que os nenos son os mellores educadores dos pais para que éstos depositen o lixo no sitio correcto. Mais, se cadra, no fondo desta verdade, cen veces repetida, subxace tamén unha actitude de preguiza e comodidade nos adultos. Unha actitude canto menos suicida ao meu ver porque, se nós, os cidadáns de a pé, non asumimos a nosa cota de responsabilidade no coidado e conservación desta natureza que aínda usamos e disfrutamos no tempo que nos toca, pouco futuro imóslles deixar ás seguintes xeracións.

Por exempro, os adultos de hoxe, sen esforzo algún e sen saír de casa, temos ao alcance da man dar un paso de xigante na loita contra a contaminación dos plásticos no mar. Refírome a un contaminante específico: os bastonciños de algodón. Este refugallo plástico ocupa o posto nº.8 na lista dos 10 primeiros contaminantes do medio mariño a nivel europeo, segundo a Axencia Europea do Medio ambiente ( teclear en Google “Top marine litter items on the beach in eu”).

Os bastonciños de algodón, poden ser e nunca mellor dito, a proba do algodón do noso posicionamento mental con respecto á problemática do medio ambiente. A nosa asociación embarcouse o ano pasado nunha campaña de información e concienciación sobre a correcta eliminación dos residuos de hixiene íntima e continuaremos este ano. Temos colaborado co concello da Coruña e queremos colaborar tamén con outros concellos porque entendemos que é responsabilidade de todos asumir iniciativas de protección ambiental que poden ter resultados positivos, medibles a curto prazo. Como din os portavoces de medio ambiente da Unión Europea: Limpar é importante pero máis importante aínda é atallar as fontes de contaminación na súa orixe. Niso estamos.

Ao mesmo tempo, seguiremos limpando praias e apañando cabos nos coídos... Que forza ten o mar!! Qué traballo costa sacalos de debaixo dos bolos na Punta Caghada!!

 

Novas relacionadas

 

Outros artigos de Xosé Manuel Barro

Novas relacionadas Fonte

Comentarios