Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Porteño – Camelle comeza a xogarse en QPC con Pepe Wii e Jati

Imaxe do Porteño - Camelle da pasada tempada.
O Porteño – Camelle comeza a xogarse en QPC con Pepe Wii e Jati

Esta fin de semana, a Terceira Galicia dará o pistoletazo de saída a unha nova tempada e farao con grandes partidos pero hai un derbi entre o Porteño e o Camelle na Grixa ás 20.00h. que centrará gran parte da atención da xornada.

E, por iso, quixemos falar con dous protagonistas de este encontro de máxima rivalidade, como son Pepe Wii e Jati, quenes vivirán este envite de maneira especial. O primeiro por xogar ante o equipo do seu pobo natal e o segundo por volver á que foi a súa casa nalgún tempo.

Os protagonistas

Pepe Wii, dianteiro do CF Porteño

Wii Porteño

QPC: Como camellán que eres, que significa para ti xogar contra o equipo do teu pobo este derbi de máxima rivalidade?

Wii: Como camellán, enfrontarme ao equipo do meu pobo e do que formei parte durante moitos anos sempre é moi especial.

Moitas amizades e o bo ambiente, fan deste derbi, un dos partidos máis especiais da Terceira Galicia. A pesares de ser ás 20.00h., estará o campo cheo de afeccionados de ambos equipos.

Por estes todos motivos, este enfrontamento é tan especial.

QPC: Que agardas neste partido dun Camelle que sempre é un rival incómodo e que esta tempada buscará mellor o resultado do pasado curso?

Wii: Chegaremos ao partido nunha situación un pouco crítica (risas) xa que nos imos enfrontar a un gran equipo como é o Camelle despois de que o día anterior o noso compañeiro Marcos, que dende aquí lle desexo toda a sorte e felicidade do mundo, se nos case.

No futbolístico, esperamos un Camelle moi forte, cun gran plantel, que ano tras ano, nos crea moitas dificultades.

QPC: Un resultado?

Wii: Espero un partido moi complicado. 2-1.

QPC: Como ves esta Terceira Galicia que dará o pistoletazo de saída o vindeiro domingo?

Wii: Como cada ano espero unha Terceira moi apretada con equipos moi fortes e difíciles de gañarlles.

Descenderon equipos da Liga da Costa con moi bos planteles e outros que xa estaban como é o caso do Camariñas; para min, o principal favorito a facerse co título xunto cun moi reforzado Laxe, o que os converte en claros candidatos a subir.

En todo caso, non será fácil gañarlle a ningún equipo.

QPC: A pasada tempada quedastedes ás portas do ascenso. Marcádesvos a volta á Liga da Costa como máximo obxectivo para este curso futbolístico?

Wii: Despois de dous anos seguidos chegando á final da fase de ascenso á Liga da Costa, este ano esperamos chegar novamente e afrontala da mellor maneira.

Sabemos que o camiño non será fácil e que os rivais estarán á altura da categoría.

Esperemos que con esforzo e traballo consigamos rematar a tempada nos postos de arriba.

Jose Méndez “Jati”, dianteiro da SD Camelle

Jati

QPC: Como camellán que eres e exxogador do Porteño, que significa para ti xogar contra o que foi o teu equipo este derbi de máxima rivalidade?

Jati: A verdade é que tiven a sorte de vivir este gran partido nos dous lados e a sensación é a mesma, nerviosismo antes, dalo todo no partido e ao acabar, todos grandes compañeiros. Encántame este partido e aínda que o porteño é a miña segunda casa, sempre camellán (risas).

QPC: Que agardas neste partido dun Porteño que é un dos favoritos a pelexar polo título de liga?

Jati: A verdade é que as apostas van co Porteño por loitar sempre polos postos de arriba pero nun derbi é moi dificil dar un favorito e espero que sexamos nós os que rompamos esas apostas.

QPC: Un resultado?

Jati: 2-3.

QPC: Como ves esta Terceira Galicia que dará o pistoletazo de saída o vindeiro domingo?

Jati: Visto o sucedido na Copa o ano pasado con dous equipos de Terceira en semifinais, espérome moito nivel, como nestes últimos anos. Unha liga moi complicada.

QPC: A pasada tempada non tivestedes un ano fácil. Durante o presente curso, que obxectivo vos marcades?

Jati: A verdade é que non chegamos o noso obxectivo que era alcanzar a fase de ascenso, pero en gran parte era porque pasabamolo moi mal nos minutos finais de todos os partidos, cunha media de idade bastante alta como nos dícian: “sóbravos unha parte, só xogades 45 minutos” (risas). Pero este ano trouxeron uns chavales novos que espero que nos aporten ese punto de físico que nos falta e poidamos dar a sorpresa.

Comentarios